España
O Tribunal Supremo estuda un recurso sobre o Decreto do galego
Desde hai case un ano, o Tribunal Supremo está pendente de admitir a trámite ou rexeitar a interposición dun recurso de casación presentado pola Asociación Galega pola Liberdade do Idioma (AGLI, nas súas siglas en castelán) contra unha resolución do Tribunal Superior de Xustiza que avalaba o Decreto 124/2007 do galego no ensino.
Fonte: A Nosa Terra
O Círculo Balear reivindica a liberdade de elección de lingua no día da Constitución
O Círculo Balear celebrou desde as 10.30 horas unha mesa informativa na confluencia da rúa Sant Miquel de Palma coa Praza de España e a rúa Olmos, no marco da campaña que vén desenvolvendo en favor dos dereitos lingüísticos individuais: "Libre elección de lingua. Bilingüismo en liberdade".
Fonte: El Mundo
Denuncian como falsos uns achados que adiantaban ao século III o nacemento do éuscaro
O pasado 19 de novembro, un informe encargado pola Deputación de Álava a varios expertos determinou a falsidade dos grafitos escritos en cerámicas dos séculos III, IV e V descubertos no xacemento romano de Iruña-Veleia nos anos 2005 e 2006. Estes descubrimentos cualificáronse no seu día de «históricos», posto que, entre outras cousas, adiantaban ao século III a aparición do éuscaro e a entrada do cristianismo.
Fonte: La Voz de Galicia
Inventan o primeiro reloxo dixital de pulseira que dá a hora en catalán
A normalización lingüística chegou aos reloxos. Desde hoxe responder a unha inocente petición sobre a hora que é pode sorprender ao máis purista dos filólogos cataláns: "són tres quarts i mig de cinc". Iso supoñendo que no pulso se leve o Horacat, o primeiro reloxo dixital que mostra a hora en catalán e que permite ler un texto coa fórmula lingüística para ditar a hora con corrección.
Fonte: La Vanguardia
O Bloque por Asturies denuncia discriminación lingüística na propaganda de Caxastur
O Bloque por Asturies acolleu con agrado a campaña publicitaria que a entidade bancaria Caxastur está a realizar en Cataluña e en catalán, promoción que conta coa imaxe do futbolista asturiano Luis Enrique. Non obstante, a este partido sorpréndelle que unha entidade que se financia maioritariamente cos ingresos do pobo asturiano, e que na súa cúpula directiva ten a representación de partidos políticos de Asturias, faga gala de sensibilidade lingüística cos habitantes de Cataluña, pero non así cos da súa comunidade, o que provoca unha situación discriminatoria no que se refire aos dereitos lingüísticos das persoas dos diferentes territorios do Estado español.
Fonte: Asturnews
A corporación de Ermua aproba prolongar a acción do Plan de éuscaro ata 2012
A corporación municipal de Ermua aproba a ampliación do tempo de aplicación do Plan de éuscaro de Ermua ata 2012. O concelleiro do Departamento de Éuscaro, José Luís Clemente, explicou en sesión plenaria que «se ben aprobamos en pleno, no seu momento, que este plan se desenvolvese ata o 2009, cremos que os obxectivos establecidos son o suficientemente ambiciosos como para requirir maior tempo para a súa execución».
Fonte: El Correo Digital
O Principado de Asturias creará unha Oficina de Tradución Simultánea do Asturiano
O Principado de Asturias a través da Dirección Xeral de Política Lingüística porá en marcha a Oficina de Tradución Simultánea do Asturiano. O anuncio realizouno a nova conselleira de Cultura, Mercedes Álvarez, durante a presentación dos orzamentos da súa área na Xunta xeral.
Fonte: El Comercio Digital
A Confederación de Persoas Xordas pide que se desenvolva a Lei da lingua de signos
Transcorrido máis dun ano desde a aprobación da lei que recoñeceu en España a lingua de signos e os medios de apoio á comunicación oral, a Dirección Xeral de Discapacidade convocou a Confederación Estatal de Persoas Xordas para que forme parte dunha comisión de seguimento que deberá supervisar o cumprimento da lei.
Fonte: Diario Signo
O conselleiro de Saúde balear non retirará o decreto do catalán e lembra que haberá unha moratoria de dous anos para aprendelo
O conselleiro de Saúde, Vicenç Thomàs, asegurou que non retirará o decreto que estipula o coñecemento do catalán entre os profesionais da sanidade pública en Baleares, algo polo que o PP o acusou de dar prioridade á lingua sobre a asistencia sanitaria.
Fonte: Diario de Mallorca
Presentan a reflexión 'Euskara 21' sobre política lingüística ante os axentes políticos, sociais e culturais de Guipúscoa
Patxi Baztarrika e Erramun Osa, de Política Lingüística do Goberno vasco, presentaron o martes día 9 de decembro no Palacio de Congresos do Kursaal a representantes do ámbito político, social e cultural de Guipúscoa os pasos que se deron ata o momento no proceso de reflexión Euskara 21, que quere poñer unhas bases para a política lingüística deste novo século.
Fonte: Diario Vasco
Boletín
Subscríbase ao boletín