España
A Consellería de Familia de Castela e León pon a disposición das mulleres estranxeiras tradutores de 30 idiomas
A diferenza de idioma xa non é unha barreira para as mulleres estranxeiras que necesitan información para acceder a un emprego ou axuda ante unha situación de violencia de xénero. A Consellería de Familia de Castela e León puxo en marcha un sistema mediante o cal poden atender ata en 30 idiomas.
Fonte: 20minutos
O PP presenta unha lei pro castelán "sen segregación"
O PP presentou finalmente os detalles da súa anunciada proposta para garantir o ensino do castelán en toda España. Algo que, a xuízo dos populares, hoxe por hoxe non está asegurado debido a "normas de ámbito autonómico que non garanten que a lingua castelá sexa vehicular do ensino".
Fonte: El Periódico
Convócase unha concentración ante a Escola de Maxisterio de Oviedo pola exclusión do asturiano dos títulos de grao
A Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana convocou para o xoves 29 de xaneiro, ás 11.30 horas, unha concentración ante a Escola Universitaria de Maxisterio como forma de protesta pola exclusión da Lingua Asturiana dos títulos de grao que debaterá na Xunta de Escola. O acto, que está secundado por todos os sindicatos, contará tamén coa presenza do deputado rexional por Izquierda Unida Francisco Javier García Valledor.
Fonte: El Comercio Digital
Cataluña quere unha lei de lingua de signos máis completa cá española
A presidenta da Federación de Persoas Xordas de Cataluña (FESOCA), Encarna Muñoz Chamorro, participou no cumio de lingua de signos de Granada, onde máis de 450 persoas debateron a aplicación e o desenvolvemento da lei da lingua de signos en Andalucía.
Fonte: Diario Signo
Un millón de alumnos aprendeu catalán nos últimos 20 anos nos cursos do Consorci per a la Normalització Lingüística
Un millón de persoas aprendeu catalán nos cursos para adultos nos 20 anos de historia do Consorci per a la Normalització Lingüística (CPNL). O crecemento de inscricións foi continuo e moi importante sobre todo a partir do curso 2002-2003, cando nun ano se pasou de 55.000 alumnos a máis de 64.000.
Fonte: Avui
Ponse en marcha unha nova campaña para que a xente nova de Biscaia continúe os seus estudos en éuscaro
Máis de 5500 mozos biscaíños de cuarto curso de ESO serán os protagonistas dunha nova campaña cuxo obxectivo é fomentar que este colectivo prosiga a súa formación académica en éuscaro en FP e bacharelato.
Fonte: Deia
Redactan un documento que recolle as bases para renovar a política lingüística no País Vasco
O documento Bases para a política lingüística de principios do século XXI é un relatorio que se porá en mans dos partidos políticos que sustenten o próximo Goberno vasco, así como das demais formacións, coa intención de que renoven o actual Plan xeral de promoción do uso do éuscaro, que xa ten dez anos.
Fonte: El País
O 40% da poboación de San Sebastián é xa euscaldún e o 33% non coñece o éuscaro
Catro de cada dez donostiarras xa son euscaldúns. Esta é a principal conclusión que ofrecen os datos do Eustat referidos ao período 2001-2006 que foron presentados pola concelleira de Igualdade, Política Lingüística e Cooperación de San Sebastián, Ainhoa Beola.
Fonte: Diario Vasco
A UNED inclúe o tamazight no seu programa de estudos universitarios
A Cidade Autónoma de Melilla, a través da Consellería de Presidencia e Participación Cidadá, e a UNED alcanzaron un acordo polo que o tamazight será incluído no programa de estudos universitarios desta entidade, o que permitirá que esta lingua milenaria de orixe bérber obteña un importante recoñecemento académico.
Fonte: Melilla Hoy
A Cámara vasca retoma o debate sobre o éuscaro na educación
Aínda que o Parlamento vasco estea disolto, esta semana volverá reeditar un debate recorrente a pasada lexislatura: o éuscaro como lingua principal na educación. Neste caso será no seo da Deputación Permanente, o órgano que dirixe a Cámara mentres está disolta e ata que se constitúe de novo.
Fonte: El País
Boletín
Subscríbase ao boletín