España
O Concello de León celebra o III Día de la Llingua Llïonesa
O Concello de León celebrará, por terceiro ano consecutivo, o Día de la Llingua Llïonesa, nesta ocasión organizado a través das concellerías de Educación, Novas Tecnoloxías e Cultura Leonesa que dirixe o leonesista Abel Pardo.
Fonte: Leonoticias
A Consellería de Educación valenciana presenta un plan multilingüe de 1,5 millóns sen negocialo
Os acordos asinados o 15 de novembro polo conselleiro de Educación, Alejandro Font de Mora, e os representantes da Plataforma per l'Ensenyament Públic comezan a ser papel mollado antes incluso de que se inicien formalmente as mesas de negociación. Font de Mora presentou un plan multilingüe deseñado por unha fundación satélite da Consellería que custa 1,5 millóns de euros, que é, segundo recoñeceu o conselleiro, "o presuposto total de 2009" para implantar o inglés nas escolas públicas.
Fonte: El País
A Universidade de Lleida prepara un dicionario sobre a pronuncia do catalán
O grupo de investigación de Recerca Fonètica da Universidade de Lleida traballa na elaboración do Dicionario da pronuncia do catalán, un proxecto iniciado no ano 1995 e que se prevé finalizar en 2012 coa edición de 60.000 entradas.
Fonte: La Mañana
Ermua recolle medio centenar de propostas para practicar éuscaro
Os participantes no programa 'Berbalagun' de Ermua, dirixido á práctica do éuscaro, poderán participar en 2009 en case medio centenar de actividades diferentes. Os integrantes deste plan idearon a organización de 37 actividades diferentes e 10 conferencias. Esta é a ampla oferta lúdico-deportiva entre a que poderán elixir os integrantes de 'Berbalagun'. Os participantes deberán seleccionar as que máis lles gustan.
Fonte: El Correo Digital
Máis dun centenar de estranxeiros aprenderá éuscaro a través do programa AISA do Concello de Vitoria
Un total de 105 persoas inmigrantes participarán durante o primeiro trimestre de 2009 nos cursos de aprendizaxe de éuscaro organizados polo Concello de Vitoria dentro do Programa AISA.
Fonte: Europa Press
A Federación Socialista Asturiana non cambia o seu criterio sobre a oficialidade do asturiano aínda que supoña máis diñeiro
A Federación Socialista Asturiana non cambia de postura sobre a oficialidade do asturiano nin ante a hipótese de que ese recoñecemento se traducise en máis diñeiro a conta da promesa realizada por José Luis Rodríguez Zapatero ao presidente galego na negociación do novo modelo de financiamento.
Fonte: La Nueva España
O 83 % dos centros de primaria de Castelló só ofrece liña en valenciano
Nos centros de primaria de Castelló a falta de oferta para escolarizar os alumnos en castelán ou valenciano é máis acusada que nos centros de secundaria, onde se ofrece indistintamente a posibilidade de cursar a ESO e o bacharelato segundo o modelo lingüístico PEV (ensino maioritariamente en valenciano) ou o PIP (ensino maioritariamente en castelán).
Fonte: El Mundo
O Parlamento vasco rexeita ampliar o prazo da exención do éuscaro para alumnos procedentes doutras comunidades
A Comisión de Educación e Cultura do Parlamento vasco rexeitou modificar a nova regulación da exención do éuscaro no ensino non universitario incluída no currículo vasco, que establece que só quedan exentos os alumnos que vaian estar un máximo dun curso escolar no Sistema Educativo vasco.
Fonte: Deia
A Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada amplía as súas ensinanzas de galego cun curso novo ante a elevada demanda
A Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada ofrecerá desde o 21 de xaneiro ao 29 de abril un curso intermedio de lingua galega ante a elevada demanda de alumnos que o solicitan.
Fonte: Diario de León
A Consellería de Educación valenciana adiantará un ano a proba oral de inglés a estudantes
O Estado acaba de aprobar un decreto que en xuño de 2012 obrigará a todos os alumnos a superar unha proba de inglés para acceder á universidade. A Consellería de Educación valenciana traballa nun plan de choque que free o "suspenso xeral" do sistema educativo valenciano en idiomas nun tempo récord de só dous cursos, que prevé unha proba oral de inglés en 2011, un ano antes có exame previsto polo ministerio.
Fonte: El País
Boletín
Subscríbase ao boletín