España

A Fundación Comillas e a Biblioteca Cervantes Virtual crean un portal de español como lingua estranxeira

A Fundación Comillas e a Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes puxeron en marcha un portal de internet dedicado ao español como lingua estranxeira no que se ofrecerán materiais e recursos educativos que faciliten o estudo do español.

Fonte: Europa Press

O Goberno canario asegura que si lle esixirá saber inglés á Policía Canaria

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Seguridade do Goberno de Canarias asegurou que os axentes da Polícia Canaria saberán inglés, e remarcaron que entre as cinco probas que deberán pasar os policías hai unha na que se deberán examinar desta lingua. Nela, ademais, terase en conta o coñecemento que os axentes teñan doutros idiomas, principalmente de francés e alemán.

Fonte: El Día

O Concello de Bilbao homenaxea a Academia da Lingua Vasca no Día do Éuscaro

O Concello de Bilbao celebrou o pasado mércores día 3 de decembro o Día Internacional do Éuscaro homenaxeando a Academia da Lingua Vasca, Euskaltzaindia, no 90 aniversario da súa creación.

Fonte: ADN

Un estudo afirma que os idiomas incrementan ata nun 40 % os salarios

O dominio de idiomas, principalmente o inglés, pode incrementar o nivel salarial dun executivo ata nun 40 %. Esta é a conclusión dos datos proporcionados pola consultora de selección de persoal cualificado Hays. Segundo estes datos, sete de cada dez executivos non falan ben o inglés, o que representa un dos niveis máis baixos da UE, xunto con Italia e Grecia.

Fonte: Expansión & Empleo

O Goberno catalán aduce risco de exclusión para investir en catalán nos inmigrantes

Xa que moitos cataláns usan o castelán para relacionarse con persoas inmigradas, "establécese unha rede lingüística excluínte que lles impide ás persoas inmigradas participar dos ámbitos lingüísticos da lingua propia de Cataluña". Seguindo este razoamento, a Generalitat de Catalunya proponse garantir os recursos suficientes para ensinar catalán aos chegados do estranxeiro e, así, evitar "riscos de exclusión".

Fonte: La Razón

O Goberno canario prevé xeneralizar o ensino da segunda lingua estranxeira no próximo curso

A conselleira de Educación, Universidades, Cultura e Deportes do Goberno canario, Milagros Luís Brito, asegurou que o Goberno canario pretende xeneralizar o ensino da segunda lingua estranxeira na educación non universitaria no curso 2009-2010.

Fonte: Canarias 24 Horas

A Consellería de Educación de Asturias edita unha guía de material didáctico para as clases de lingua e literatura asturianas

A Consellería de Educación e Ciencia do Goberno asturiano acaba de publicar «A la gueta del material espardío», un volume que recolle materiais didácticos indicados para Secundaria recompilados polos profesores Xurde Fernández e María Ángeles Rodríguez.

Fonte: Asturnews

Un programa informático permite descifrar a letra dos médicos

A empresa Thera do Parque Científic Barcelona, xurdida da Universidade de Barcelona, desenvolveu unha aplicación informática que interpreta a linguaxe natural que escriben os médicos e outros profesionais da saúde cando redactan os seus informes e os codifica automaticamente.

Fonte: Levante-EMV

Un informe asegura que os alumnos cataláns que acaban a ESO fraquean en conversación en inglés

Cando chegan a cuarto de secundaria, os alumnos cataláns fraquean máis co idioma inglés á hora de manter charlas que cando se trata de entendelo. Unha avaliación da Generalitat de Catalunya a alumnos de secundaria revela que aos 15 anos o 51,8 % deles podería superar o nivel elemental de comprensión lectora na escola oficial de idiomas. En cambio, só o 41 % podería superar este nivel á hora de falalo (interacción oral).

Fonte: El País

O BNG pide que a UNED admita teses en galego, catalán e éuscaro

O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, presentou ­unha proposición non de lei na que lle reclama ao Goberno central que realice as "xestións oportunas" ante a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) para que admita a "presentación e lectura" de teses de doutoramento en galego, catalán e vasco.

Fonte: Galicia Hoxe

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder