España
Un total de 20 establecementos da provincia de Tarragona ofrece xogos e xoguetes en catalán
Son un total de 20 establecementos de Reus, Cambrils e Falset os que se adheriron á campaña 'Jocs en català' (Xogos en catalán) que impulsa o Centre de Normalització Lingüística da Área de Reus Miquel Ventura. O obxectivo é que a clientela coñeza que xogos e xoguetes hai no mercado en catalán e onde os pode adquirir.
Fonte: Avui
A Generalitat de Catalunya afirma que os mossos deben falar preferentemente catalán entre eles
A Consellería de Interior do Goberno catalán sostén que os mossos d'esquadra deben falar preferentemente en catalán "tanto nas súas comunicacións orais coma escritas, internas e externas". A polémica xurdiu ante a sanción a un mosso por redactar unhas dilixencias en castelán.
Fonte: El Economista
1.629 alumnos vascos pasan de estudar en éuscaro ao modelo A en castelán
Un total de 1.629 alumnos dos colexios vascos pasaron o curso pasado ao modelo A (todas as materias en castelán), tras ter estado matriculados nos modelos B (metade en castelán, metade en éuscaro) e D (todo en éuscaro).
Fonte: 20minutos
Escola Valenciana asegura que faltan 3000 profesores trilingües para introducir o inglés
Escola Valenciana entregou na Consellería de Educación un "documento de base" no que propón 14 puntos para consolidar un modelo plurilingüe -castelán, valenciano e inglés- no sistema educativo público e que inclúe, entre outras peticións, 3000 profesores trilingües máis nos niveis de infantil e primaria, traballar por módulos en lingua inglesa desde os 4 anos con índices ao 50 % e aumentar a formación do profesorado. Ao documento uníuselle unha petición de entrevista co conselleiro de Educación, Alejandro Font de Mora.
Fonte: El Mundo
O Instituto de la Lengua aproba para 2009 un presuposto de 1,4 millóns de euros
O Padroado da Fundación Instituto Castellano y Leonés de la Lengua aprobou na reunión que mantivo en Burgos un presuposto de 1,4 millóns de euros para 2009.
Fonte: El Mundo
Máis de 21.700 alumnos cursan Lingua Asturiana nos centros educativos públicos e concertados
Máis de 21.700 alumnos cursan Lingua Asturiana nas distintas etapas do ensino non universitario dos centros sostidos con fondos públicos do Principado, unha cifra que experimentou un incremento do 9% durante os tres últimos cursos, segundo datos facilitados nunha nota de prensa pola Consellería de Educación.
Fonte: Europa Press
A Generalitat Valenciana debe recoñecer que a licenciatura en Filoloxía Catalá acredita o coñecemento de valenciano
A Generalitat Valenciana non pode seguir excluíndo a licenciatura en Filoloxía Catalá como título que acredita o coñecemento do valenciano. Estableceuno hai unhas semanas o Tribunal Supremo nunha sentenza dada a coñecer polo STEPV. Nela desestima o recurso de casación interposto polo Consell, e confirma o que o Tribunal Superior de Xustiza ordenou xa nada menos que 14 veces: os licenciados en Filoloxía Catalá non teñen que pasar o exame de valenciano para presentarse ás convocatorias de docentes non universitarios.
Fonte: El País
O 10% do diñeiro do Padroado do Éuscaro vai para subvencións
O 10% do orzamento do Padroado de Éuscaro dedícase a subvencionar a súa aprendizaxe. Con motivo da celebración o día 3 de decembro do Día Internacional do Éuscaro, a concelleira de Normalización Lingüística de San Sebastián, Ainhoa Beola fixo un balance «moi positivo» das 107 actuacións levadas a cabo polo Padroado ao longo do ano.
Fonte: Diario Vasco
A Deputación de Ávila organiza cursos de apoio lingüístico para a inserción de mulleres marroquís
A aprendizaxe do idioma para lograr a inserción social e laboral é o obxectivo dos cursos que a Deputación de Ávila organizou no concello de El Hoyo de Pinares para mulleres marroquís con dificultades lingüísticas e de integración.
Fonte: Ávila Digital
Un estudo sobre actitudes lingüísticas na escola obtén o segundo premio estatal de investigación
O estudo 'Actituds lingüístiques, escola i immigració: els escolars davant la diversitat lingüística i cultural' obtén o segundo premio estatal de investigación e innovación educativa que outorga anualmente o Ministerio de Educación, Política Social e Deporte para promover actividades investigadoras que contribúan a renovar a práctica docente e satisfacer as necesidades do sistema educativo.
Fonte: Levante
Boletín
Subscríbase ao boletín