España

Ata 151 leis impoñen o castelán na etiquetaxe, pero só unha o catalán

A lexislación española actual contén ata 151 leis que impoñen o castelán na etiquetaxe. De feito, este ano mesmo o executivo español aprobou tres destas leis que impoñen a presenza obrigatoria da lingua castelá na etiquetaxe. En cambio, só hai unha lei que faga referencia á presenza obrigatoria da lingua catalá.

Fonte: Racó Català

A Universidade de Estremadura ofrece a certificación de inglés necesaria para cursar estudos internacionais en centros europeos

A partir deste curso, a Universidade de Estremadura ofrece a posibilidade de obter o International English Language Testing System (Ielts), un certificado de coñecemento do inglés que é requisito imprescindible para a admisión en estudos internacionais en universidades de Gran Bretaña, Australia e Nova Zelandia e outros centros europeos e norteamericanos.

Fonte: Región Digital

Marisol López defende en Madrid o valor das linguas cooficiais como un patrimonio de todo o Estado

A secretaria xeral de Política Lingüística inaugurou o 19 de novembro no Círculo de Bellas Artes a exposición organizada polo Goberno galego para celebrar o Ano Internacional das Linguas

Asegurou que en Galicia non existe imposición lingüística e lembrou que a promoción do galego no ensino foi acordada por todos os grupos políticos

A visita á exposición pode realizarse en sete idiomas aos que se suma a presenza doutras 25 linguas a través dos diferentes contidos multimedia

"A diversidade lingüística de España é un valor incalculable do que todos deberiamos sentirnos orgullosos". Con estas palabras, a secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Marisol López, defendeu o mércores 19 de novembro o valor das linguas cooficiais como un patrimonio de todo o Estado. Con motivo da inauguración en Madrid da exposición "As nosas palabras, os nosos mundos", a responsable galega de Política Lingüística ofreceu un almorzo informativo para explicar os contidos e as mesaxes da mostra.

Marisol López realizou unha defensa do plurilingüismo como un valor positivo que facilita o diálogo, o respecto, a comprensión e a integración social. Neste sentido, sinalou que a promoción e o respecto pola diversidade lingüística é un dos retos que se formulan na sociedade actual, e que debe ser afrontado "con vontade de diálogo, capacidade de comprensión e un marco de traballo e acordo".

A secretaria xeral explicou que en Galicia, "a sociedade demanda consenso porque non percibe o plurilingüismo como un problema", unha fotografía social que avalan os datos de uso e competencia lingüística en galego: máis do 99 por cento da poboación entende o galego e máis do 87 por cento fálao sempre ou con frecuencia.

Fronte ao discurso que presenta as linguas como un problema social, Marisol López asegurou que en Galicia non se impón o galego nin se percibe socialmente un conflito, e apostou por traballar en positivo e con normalidade para alcanzar unha maior igualdade social entre as linguas cooficiais.

Neste sentido, explicou que a Xunta de Galicia traballa para garantir un ensino de calidade, que facilite o dominio das dúas linguas oficiais e doutras, e lembrou que “o decreto de promoción do galego no ensino, actualmente en vigor, foi acordado por todos os grupos políticos e inspirado no Plan xeral de normalización da lingua galega”, polo que dixo non entender a que obedece a ruptura dese consenso por parte do PP.

Inauguración
Tras o encontro cos medios de comunicación, a secretaria xeral de Política Lingüística inaugurou a exposición, que permanecerá no Círculo de Belas Artes ata o próximo 25 de novembro. Acompañou a secretaria xeral neste acto o secretario de Estado de Asuntos Constitucionais e Parlamentarios, Francisco Caamaño. Así mesmo, asistiron tamén a esta inauguración os secretarios xerais de Presidencia e Educación da Xunta de Galicia, Gumersindo Guinarte e Benito Fernández, e o director da Casa de Galicia en Madrid, Alfonso S. Palomares, entre outras autoridades.

A exposición, organizada polo Goberno galego con motivo do Ano Internacional das Linguas e o Ano Europeo do Diálogo Intercultural, chega a Madrid para promover o uso do galego no marco da diversidade de linguas e na sociedade actual.

Visitas e itinerancia
“As nosas palabras, os nosos mundos" permanecerá aberta ao público no Círculo de Belas Artes todos os días ata o 25 de novembro. De luns a sábado, as visitas poden realizarse de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. O horario de apertura dos domingos e festivos é de 11:00 a 14:00 horas. A mostra estivo en cidades como Santiago de Compostela, Bilbao, Vigo ou Bruxelas. De Madrid partirá cara á Coruña, Barcelona, Sevilla, Pontevedra, Lugo, Bos Aires e Ourense.

Ademais, en paralelo á exposición, está en marcha o sitio web www.asnosaspalabras.org, a primeira web galega sobre a diversidade lingüística, que permite unha visita virtual á exposición e acceder á información de interese sobre o galego e sobre outras linguas do mundo. A web pode visitarse en sete idiomas.

A mostra en catro bloques temáticos
"As nosas palabras, os nosos mundos" conta con catro bloques temáticos que lles permiten aos visitantes achegarse á diversidade lingüística a través de diferentes elementos visuais, gráficos e sonoros. A visita pode realizarse en sete idiomas -castelán, galego, éuscaro, catalán, inglés, francés e neerlandés-flamengo-, aos que se suma a presenza doutras 25 linguas a través dos diferentes contidos multimedia. Así mesmo, a exposición dispón de sistemas alternativos para persoas con discapacidade sensorial (visual e auditiva).

O punto de partida é "As orixes", que introduce o visitante no misterio do nacemento da linguaxe coas primeiras manifestacións de petróglifos e pinturas rupestres. O percorrido desemboca na "Árbore das linguas", que axuda a entender a evolución histórica e a diversidade dos idiomas.

No módulo denominado "Isto é galego", o visitante pode descubrir a historia da lingua galega dende a Idade Media ata os nosos días, a través de personaxes e acontecementos sociais e políticos significativos.

Os contidos do terceiro bloque, que lle dá título á exposición, apostan pola sustentabilidade lingüística e poñen en valor o plurilingüismo e a riqueza da multiculturalidade. Preséntanlle ao visitante amenos xogos de escoita que permiten descubrir o son e a caracterización das distintas linguas do mundo.

Por último, "A nosa lingua na nosa vida" é o tramo que reflicte a importancia do galego nas novas tecnoloxías e no ámbito empresarial. Nel tamén se mostran exemplos da lingua galega noutros ámbitos da sociedade como a música, a literatura ou o cinema.

Fonte: Xunta de Galicia

Coalición por Melilla propón que o coñecemento do tamazight puntúe para entrar na Policía Local

Coalición por Melilla (CPM) propuxo que o coñecemento da lingua tamazight sexa puntuable no baremo das oposicións á Policía Local, ao considerar que este corpo de seguridade "debe ser o máis próximo tanto aos cidadáns de Melilla como aos que proveñen do noso contorno marroquí".

Fonte: Melilla Hoy

Varios concellos do País Vasco crean servizos para axudar ás familias a escribir desde invitacións a necrolóxicas en éuscaro

O servizo de éuscaro do Concello de Getxo preparou un libro cos textos de invitacións, felicitacións e recordatorios. Esta é a última e a máis orixinal das iniciativas que xa puxeron en marcha numerosos municipios de Euskadi para facilitarlles aos cidadáns as comunicacións en éuscaro de actos sociais, e que contan coa subvención do Goberno vasco.

Fonte: El Correo Digital

Iníciase unha campaña para impulsar a normalización do éuscaro no comercio de Bilbao

A Área de Éuscaro do Concello de Bilbao, coa colaboración da sociedade municipal Lan Ekintza e a asociación Bilbao Dendak, puxo en marcha a campaña "Biribilko: el Euskera amable. Orain bai. Horrela bai" para impulsar a normalización do éuscaro no comercio de Bilbao.

Fonte: Europa Press

O Observatorio de Tendencias de Nokia constata o interese polos móbiles con menú en catalán, galego e éuscaro

Máis da metade dos habitantes de comunidades con dobre lingua oficial desexa ter móbiles co menú en catalán, galego e éuscaro, de acordo co 2.º Observatorio de Tendencias de Nokia, realizado entre individuos de 15 a 35 anos de idade. Cataluña é a comunidade autónoma onde máis importancia se lles dá aos menús personalizados na súa lingua, porque case o 21 % dos cataláns o considera imprescindible e ao 41 % gustaríalle que o tivese.

Fonte: PRNoticias

Os empregados do Consorci per a la Normalització Lingüística denuncian unha redución do 30 % de profesores

Os traballadores do Consorci per a la Normalització Lingüística temen un recorte de presuposto para o próximo ano que signifique unha redución do 30 % do persoal da empresa pública da Generalitat de Catalunya, basicamente profesores de catalán.

Fonte: Avui

O filólogo do Institut d'Estudis Catalans que propuxo sancións aos xornalistas que usen mal o catalán desdise

O presidente da sección filolóxica do Institut d'Estudis Catalans (IEC), Joan Martí, dixo que "hai que esixirlles aos xornalistas un bo coñecemento da lingua no momento da contratación", pero rexeitou "as sancións a posteriori".

Fonte: El Periódico

Un novo método permite buscar na rede material de ensino e establecer referencias cruzadas en distintos idiomas

Os estudantes da Universidade teñen acceso, grazas a internet, a unha enorme variedade de material de apoio, como as notas das conferencias, traballos, artigos e outro material. Para organizar este material, a maioría das universidades investiu nun "sistema de xestión da aprendizaxe" para arquivar e presentar documentos en liña de xeito sistemático. Pero a verdadeira riqueza deste novo sistema é que permite establecer referencias cruzadas dos recursos entre os diferentes idiomas.

Fonte: Plataforma Sinc

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder