España
O presidente da Real Academia Galega pide a oficialidade do galego na franxa occidental de Asturias

O elixido recentemente presidente da Real Academia Galega, o escritor galego Xosé Luis Méndez Ferrín, pediu a oficialidade da lingua asturiana no territorio da comunidade, exceptuando na franxa occidental entre os ríos Navia e Eo, para a que reclamou a oficialidade do galego porque, ao seu xuízo, é a única lingua que se fala nesta zona xunto co castelán.
Fonte: Europa Press
O ministro de Educación rexeita defender o castelán "combatendo" outras linguas cooficiais
O ministro de Educación, Ángel Gabilondo, amparouse na Constitución para reivindicar a "incuestionable" defensa do castelán, pero chamou "ao consenso e a non dramatizar" sobre a cuestión lingüística posto que -recalcou- un idioma non se coida "combatendo" outras linguas cooficiais.
Fonte: Europa Press
A conselleira vasca de Educación quere primar o éuscaro no futuro modelo educativo trilingüe
A conselleira de Educación do Goberno vasco, Isabel Celaá, admitiu que as familias vascas prefiren elixir os modelos lingüísticos con «máis presenza do éuscaro» á hora de educar os seus fillos e avogou por primar esta lingua no futuro modelo trilingüe.
Fonte: Diario Vasco
Sancionan en Xaén a un transportista alavés con 4.601 euros por levar as datas do tacógrafo en éuscaro
A Garda Civil de Xaén denunciou o pasado mes de setembro a un transportista alavés, afiliado ao sindicato Hiru, por levar escritas as datas do disco-tacógrafo do seu vehículo en éuscaro, polo que se lle impuxo unha multa de 4.601 euros, segundo informou a citada central sindical.
Fonte: Europa Press
O Tribunal Supremo ditamina contra a exclusión de Filoloxía Catalá para acreditar o coñecemento de valenciano
A sección sétima da sala do contencioso administrativo do Tribunal Supremo (TS) rexeitou o recurso interposto pola Generalitat Valenciana contra unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana (TSJCV) que determina a validez do título de Filoloxía Catalá para acreditar os coñecementos de valenciano en oposicións docentes.
Fonte: Europa Press
A Deputación de Biscaia colaborará con UZEI (Centro de Terminoloxía e Lexicografía) para promover o uso do éuscaro
A Deputación Foral de Biscaia subscribiu un convenio de colaboración con UZEI (Centro de Terminoloxía e Lexicografía) co obxectivo de promover o éuscaro e apoiar as asociacións que traballan a favor desta lingua.
Fonte: Europa Press
Ábrenlle un expediente en Xixón a unha funcionaria por negarse a tramitar un documento en asturiano
O Concello de Xixón abriulle un expediente disciplinario a unha funcionaria por negarse a tramitar un documento en lingua asturiana presentado por un cidadán nun rexistro municipal.
Fonte: La Voz de Asturias
O Concello de Granada retira varios produtos alimenticios por falta de información en español na etiquetaxe
A Inspección de Saúde municipal do Concello de Granada decidiu retirar diversos produtos de alimentación para deportistas de distintos establecementos granadinos, no que supón unha intervención cautelar motivada por incumprimentos en materia de etiquetaxe ao non mostrar esta información obrigatoria en español.
Fonte: Granada en la Red
Aragón terá academias oficiais de catalán e aragonés antes de que acabe o ano
O primeiro trámite para o desenvolvemento da Lei de linguas de Aragón, que entrou en vigor o pasado sábado 30 de xaneiro, será a creación do Consello Superior das Linguas e concretar as zonas de uso. Antes de que acabe o ano tamén deberán estar operativas as dúas academias, de aragonés e catalán.
Fonte: La Mañana
Nace o Centro de Terminoloxía Asturiana

A Academia da Lingua Asturiana (ALLA) presentou o Centro de Terminoloxía Asturiana, un proxecto dedicado a ampliar os ámbitos comunicativos desta lingua e no que os usuarios van poder ofrecer propostas.
Fonte: Asturies.com
Boletín
Subscríbase ao boletín