España
Piden ampliar o uso das linguas cooficiais no Senado
Máis de 30 senadores pertencentes aos grupos de CiU, a Entesa Catalana de Progrés, os Nacionalistas e o Mixto presentarán un documento que elaboraron conxuntamente de reforma do regulamento da Cámara Alta para facer extensivo o uso das linguas cooficiais.
Fonte: Galicia Hoxe
A metade dos estudantes da Universidade das Illas Baleares non entende o inglés
Un dos retos da universidade española para poñerse á altura do resto do continente e ser competitiva é lograr que os seus alumnos saiban inglés, algo que en España fallou desde sempre. Na Universidade das Illas Baleares, máis da metade dos estudantes –un 64 %– asegura que non entende este idioma.
Fonte: Diario de Ibiza
A Mancomunidade navarra de Sakana pon en marcha unha campaña para impulsar o uso do éuscaro no comercio e a hostalería
Co fin de impulsar o uso do éuscaro nos comercios e establecementos de hostalería da comarca, a Mancomunidade de Sakana puxo en marcha a campaña Eskatu euskaraz eman. Para isto, editou diferentes materiais en éuscaro que os comerciantes interesados poden recibir de forma gratuíta.
Fonte: Noticias de Navarra
O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña nega que a escola discrimine o castelán
O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSJC) deu por boa a decisión da Consellería de Educación de eliminar da solicitude de preinscrición de prazas escolares a cela na que se lles preguntaba aos pais se desexaban que os seus fillos recibisen o ensino en castelán no segundo ciclo de educación infantil (3-5 anos) e durante o primeiro ciclo de primaria (6-7 anos).
Fonte: El Periódico
A dirección de Canal 9 recorta as dobraxes ao catalán
A política de austeridade de Radiotelevisión Valenciana anunciada polo seu director xeral, José López Jaraba, ameaza con reducir aínda máis a presenza do catalán. Segundo López Jaraba, "para aforrar", Canal 9 recortará nun 75 % a dobraxe ao valenciano.
Fonte: Avui
O Partido Asturianista esixe que en 2010 a Radiotelevisión do Principado cumpra coa toponimia e a lingua asturianas
O Secretario de Organización da Executiva do Partido Asturianista, José Antonio Fernández Alonso, pediu que en 2010 a Radiotelevisión do Principado cumpra coa toponimia oficial de Asturias e que haxa unha maior presenza da lingua asturiana no ente público.
Fonte: Asturies.com
Realizan unha campaña para que os produtos de Apple adopten o catalán
Un grupo de usuarios dos produtos de Apple iniciou unha campaña para que a marca da mazá adopte o catalán nos seus produtos. Estas persoas están enviando correos electrónicos en inglés á empresa informática pedindo que os Mac e os iPhone teñan a opción de catalán nos seus menús, así como un dicionario deste idioma.
Fonte: E-Notícies
Máis de 230 comercios de Basauri apoian impulsar o éuscaro nos seus negocios
A cambio, o Consistorio de Basauri ofreceralles a estas tendas e bares a súa colaboración e axuda económica para que poidan impulsar a utilización da lingua vasca.
Fonte: ABC
Presentan unha iniciativa popular para que o valenciano sexa obrigatorio para os funcionarios

A Generalitat Valenciana xa ten un borrador para a nova Lei para a ordenación e xestión da función pública, na que non figura a obrigatoriedade de que os aspirantes a funcionarios saiban valenciano. O seu coñecemento só se terá en conta, pero non é obrigatorio. Por este motivo, case un centenar de colectivos e entidades cívicas presentaron un manifesto no que piden que no proceso de selección dos funcionarios se "acredite o coñecemento do valenciano, tanto en expresión oral como escrita".
Fonte: El País
O valenciano sitúase nas tecnoloxías dixitais de comunicación
A conselleira de Xustiza e Administracións Públicas, Paula Sánchez de León, presentou a nova rede corporativa de voz en valenciano dos terminais de telefonía fixa da Generalitat.
Fonte: ABC
Boletín
Subscríbase ao boletín