España
A plataforma Apunts de Llengua inaugura unha canle en YouTube con recursos para a aprendizaxe do valenciano
A plataforma Apunts de Llengua amplía a súa oferta educativa coa creación dun canal de YouTube para facilitar a aprendizaxe do valenciano dun xeito dinámico e adaptado á mocidade. O novo espazo ofrece vídeos, podcasts e minileccións vinculadas ás unidades didácticas da plataforma. Ademais, reforza o plurilingüismo con recursos que combinan valenciano e inglés.
Fonte: À Punt Mèdia
Ponse en marcha en Biscaia un programa para activar e organizar a persoas de distintos ámbitos arredor do uso do éuscaro

O programa Bizkaian Bagara, promovido pola Deputación Foral de Bizkaia e Taupa Euskaltzaleen Mugimendua, busca impulsar o uso do éuscaro mediante accións comunitarias en 30 municipios e 12 comarcas. Con iniciativas destinadas á mocidade, ás familias e á integración lingüística, pretende transformar hábitos e ampliar oportunidades para vivir en éuscaro. O obxectivo é chegar a 10.000 persoas nos próximos tres anos mediante 49 intervencións.
Fonte: Diputación Foral Bizkaia
Valencia acolle unha protesta contra a consulta lingüística no sistema educativo
Miles de persoas manifestáronse en Valencia para reclamar a anulación da consulta sobre a lingua base no ensino, impulsada polo Goberno da Generalitat Valenciana por considerar que esta medida supón un retroceso para o valenciano e pon en perigo a súa presenza nas aulas. Ademais de mobilizacións, varias organizacións presentaron recursos legais contra a consulta, que denuncian como unha estratexia de división e un ataque aos dereitos lingüísticos.
Fonte: Última Hora
O programa de cinema infantil en catalán CINC leva proxeccións a 27 municipios nunha fin de semana
O programa de Cinema Infantil en Catalán (CINC), impulsado polo Departamento de Política Lingüística, ofrecerá 29 proxeccións en 27 localidades durante a fin de semana do 22 e 23 de febreiro. No primeiro semestre de 2025, prevé organizar 169 sesións en 32 localidades de Cataluña e Aragón.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O servizo de consultas lingüísticas Optimot organiza un certame de memes con fraseoloxía en catalán
O servizo de consultas lingüísticas Optimot organiza un concurso de memes con fraseoloxía en catalán para celebrar o seu aniversario. As persoas participantes deben publicar as súas creacións en X ou Instagram entre o 24 e o 28 de febreiro, seguindo as indicacións establecidas.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Máis de trinta entidades crean «Català per a tothom», un movemento que pide universalizar o acceso ao catalán

Máis de 30 entidades de Cataluña lanzaron o movemento «Català per a tothom» para garantir o acceso universal ao catalán e fomentar o seu uso social. Denuncian a falta de espazos para aprender e utilizar a lingua e reclámanlle ao Goberno o aumento de prazas en cursos de catalán e máis recursos para a súa difusión en escolas, barrios e centros de traballo.
Fonte: 20minutos
Preséntase a cuarta edición de Era Eskola, un proxecto que ofrece recursos para as familias con fillas e fillos que aprenden éuscaro

O proxecto ERA Eskola, impulsado por Euskarabidea e diversas entidades locais de Navarra desde 2020, busca apoiar as familias con fillas e fillos escolarizados en éuscaro. A través de sesións formativas, persoas expertas abordan cuestións relacionadas coa crianza e o reforzo do uso da lingua, tanto no ámbito escolar como no lecer. Ademais, a web era.eus ofrece recursos complementarios para facilitar a aprendizaxe do éuscaro na infancia.
Fonte: Gobierno de Navarra
A Generalitat de Cataluña incrementa o investimento no ensino de catalán entre persoas adultas
O Departamento de Política Lingüística investirá 8,8 millóns de euros nun plan para reforzar o ensino e a acreditación do catalán entre as persoas adultas, especialmente dirixido a colectivos como persoas migrantes e profesionais de sectores clave. Ampliarase a oferta formativa en 30 000 prazas, chegando a 140 000 en 2026, e impulsaranse cursos en colaboración con diversas entidades. Ademais, crearase unha liña de axudas para descentralizar a formación.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Goberno vasco impulsa Euskorpus, un proxecto que pon a IA e as tecnoloxías da linguaxe ao servizo do éuscaro

O Goberno vasco presentou Euskorpus, un proxecto estratéxico para fortalecer a presenza do éuscaro no ámbito dixital mediante a intelixencia artificial e as tecnoloxías da lingua. Cun orzamento inicial de 5,55 millóns de euros, a iniciativa busca desenvolver un corpus dixital que permita a integración do éuscaro en dispositivos e asistentes virtuais. A asociación Euskorpora liderará a súa execución en tres fases, que se centrarán na planificación, a compilación de recursos lingüísticos e a súa transferencia ao tecido industrial e social.
Fonte: Gobierno Vasco
A Generalitat de Cataluña presenta os resultados da Enquisa de Usos Lingüísticas da Poboación 2023

A Enquisa de Usos Lingüísticas da Poboación 2023 revela que o número de persoas que saben catalán medrou nos últimos anos, pois suma 267 600 novos coñecedores desde 2018. Porén, debido ao incremento poboacional, a proporción global mantívose ou descendeu lixeiramente. A comprensión da lingua alcanza o 93,4 % da poboación maior de 15 anos, mentres que a súa utilización segue por baixo do castelán en todas as franxas de idade. Ademais, a enquisa destaca que o catalán gañou 127 600 falantes activos, o que consolida a súa capacidade de incorporación nun contexto multilingüe.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Boletín
Subscríbase ao boletín