España
Nace un medio dixital en catalán na Franxa de Aragón

Un grupo de veciños da Franxa puxo en marcha Lo Pregó de la Franja, un medio dixital en catalán que busca dar voz a este territorio historicamente ignorado nos medios e promover o uso da lingua catalá. A iniciativa, nacida o 23 de abril, aposta pola diversidade dialectal e procura visibilizar a realidade local máis alá da cuestión lingüística.
Fonte: Diari de la Llengua
Ponse en marcha unha campaña que propón o reto de falar só catalán un mínimo de 21 días

Oito entidades catalás únense para lanzar o #repte21dies, unha campaña que convida a usar exclusivamente o catalán durante 21 días, co obxectivo de consolidar este hábito e frear o costume de mudarse ao castelán. A iniciativa, que decorrerá do 12 de maio ao 1 de xuño, busca fortalecer a autoestima lingüística das persoas falantes desta lingua e promover unha actitude colectiva de afirmación, sen renunciar á cortesía nin á convivencia.
Fonte: Ara
O Festival de Cine Fantástico-FANT selecciona o proxecto gañador como mellor curtametraxe en éuscaro
O proxecto Éxodo, de Nitya López, recibiu a axuda do Festival FANT de Bilbao para a produción de curtametraxes en éuscaro, dotada con 5000 euros. Esta iniciativa, que celebra a súa segunda edición, reafirma o seu compromiso coa creación audiovisual nesta lingua no ámbito do cinema fantástico.
Fonte: Ayuntamiento de Bilbao
Valentín García explica en Navarra as iniciativas de acción inmediata para impulsar o uso do galego feitas ao abeiro do pacto pola lingua

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou en Pamplona na comisión de seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística subscrito polos gobernos de Galicia, Cataluña, Illas Baleares, Comunidade Valenciana, Comunidade Foral de Navarra e o País Vasco para establecer vías de colaboración entre os diferentes departamentos de política lingüística.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Preséntase unha campaña para impulsar o uso do catalán no exercicio da avogacía

Plataforma per la Llengua e o Consell de l’Advocacia Catalana impulsan a campaña «Defensem en català, defensem el català» para fomentar o uso habitual do catalán no ámbito xurídico. Pretenden garantir os dereitos lingüísticos, promover referentes profesionais e achegar o catalán ás facultades de Dereito, onde a súa presenza resulta escasa.
Fonte: NoticiasDe
O Concello de Pamplona convoca axudas para aprendizaxe de éuscaro
O Concello de Pamplona destina 70 000 euros para axudas a persoas maiores de 16 anos empadroadas na cidade que desexen aprender ou perfeccionar o éuscaro. A convocatoria distingue entre cursos anuais e de verán e darase un máximo do 80 % do seu custo. Deben realizarse en centros homologados e requiren asistir, polo menos, ao 75% das clases.
Fonte: Ureñeko Udala
Preséntase un dicionario de remo en éuscaro

Hibaika Arraun Elkartea presentou un dicionario bilingüe (éuscaro-castelán) de remo co obxectivo de promover o uso do éuscaro neste ámbito deportivo. A publicación distribuirase en centros educativos e bibliotecas de Errenteria e tamén terá versión dixital. Esta iniciativa procura un impacto positivo na mocidade e aproveitar o papel do deporte como canle de cohesión social e lingüística.
Fonte: Herri Bizia
Vinte dos 135 membros da Cámara catalá inscríbense nun servizo de asesoramento para mellorar o seu nivel de catalán
Un total de vinte membros do Parlamento de Cataluña decidiu mellorar o seu catalán grazas a un novo servizo de asesoramento lingüístico ofrecido pola cámara. A iniciativa permite revisar intervencións parlamentarias e corrixir erros a través dunha atención personalizada. O programa funciona de maneira voluntaria e busca promover un uso máis correcto da lingua catalá nas institucións.
Fonte: 20minutos
Un pastor loita pola preservación do belestán, unha variedade do aragonés, coa recompilación de palabras para facer un dicionario
A Unesco alerta do perigo de desaparición que sofre o aragonés, unha lingua que apenas conta con 10 000 persoas falantes habituais e cuxo uso resulta aínda máis residual en variedades coma o belestán. Esta última, falada no val de Bielsa, apenas sobrevive en vinte persoas. Para preservar esta riqueza lingüística, o pastor Ángel Luis Saludas leva case cinco décadas a elaborar a man un dicionario co vocabulario propio do belestán, un traballo que busca impedir que se perda para sempre.
Fonte: Infobae
Preséntase un sistema de tradución automática neuronal para as linguas románicas peninsulares

Un grupo de universidades españolas desenvolveu un sistema de tradución automática neuronal centrado nas linguas románicas peninsulares, incluído o asturiano, o aragonés e o aranés. O proxecto TAN-IBE ten como obxectivo adestrar modelos mediante técnicas innovadoras, a partir de corpus multilingües e acordos institucionais, para crear ferramentas libres que impulsen o uso e a visibilidade destas linguas en contornos dixitais.
Fonte: Universidad de Oviedo
Boletín
Subscríbase ao boletín