España
Apróbase o Pacto de Figueres polo catalán
O Concello de Figueres impulsará o Pacto de Figueres polo catalán para garantir o desenvolvemento desta lingua na cidade. Este compromiso busca frear o retroceso do uso social do catalán e promover o seu cumprimento en sectores como o comercio, a sanidade e a xustiza.
Fonte: Ajuntament de Figueres
O Goberno vasco e Euskaltzaindia colaborarán en programas para o impulso do éuscaro

O Departamento de Educación do Goberno vasco e Euskaltzaindia reforzan a súa colaboración para impulsar o éuscaro mediante o programa EIMA, destinado á creación e difusión de materiais didácticos nesta lingua. O acordo inclúe a aplicación das normas de Euskaltzaindia, a coordinación de iniciativas e a promoción dun sistema educativo plurilingüe centrado no éuscaro.
Fonte: Gobierno Vasco
O Concello de Ondara organiza unha campaña para promover o valenciano como lingua base do ensino
O Concello de Ondara, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, lanzou a campaña para promover o uso do valenciano como lingua base de ensino na consulta educativa prevista para finais de xaneiro de 2025. A iniciativa inclúe un vídeo informativo difundido nas redes sociais para destacar os beneficios do ensino en valenciano e animar as familias a escolleren esta opción.
Fonte: Marina Alta
Convócanse os premios Agora x l’aragonés ás mellores creacións audiovisuais en lingua aragonesa

O Festival Internacional de Documental Etnográfico de Sobrarbe, Espiello, convoca a oitava edición dos Premios Agora x l’aragonés, destinados a recoñecer as mellores obras audiovisuais en lingua aragonesa. Con dúas categorías (xeral e escolar), os galardóns buscan promover a creación, visibilizar esta lingua e difundir o seu patrimonio cultural.
Fonte: Sobrarbe Digital
FITUR Lingua 2025 analizará a importancia do turismo idiomático como motor de desenvolvemento cultural, educativo e económico
FITUR Lingua celebrará o 22 de xaneiro unha xornada dedicada ao turismo idiomático, na que se destacará o idioma como recurso turístico e motor cultural, educativo e económico. O evento incluirá relatorios e mesas de debate sobre retos, políticas públicas e casos de éxito. Tamén ofrecerá unha área de networking para promover sinerxías no sector lingüístico.
Fonte: Ifema
O Concello de Bilbao organiza un ano máis Ikusi eta Ikasi, o programa de lecer familiar en éuscaro

O Concello de Bilbao impulsa unha nova edición de Ikusi eta Ikasi, programa de lecer familiar en éuscaro que celebra 22 anos de actividade. Con 64 propostas para menores de 2 a 11 anos, inclúe sesións específicas para os máis pequenos e as súas familias. A inscrición está aberta do 13 ao 27 de xaneiro na web oficial do programa.
Fonte: Bilboko Udala
Vitoria acolle unha exposición sobre as variedades locais do éuscaro
O centro cívico de Zabalgana acolle a exposición interactiva «Euskara ibiltaria», que explora a diversidade da lingua vasca a través do Atlas das Variedades Locais do Éuscaro. Esta mostra busca divulgar o valor cultural da lingua e permitir unha experiencia sensorial para coñecer as súas variantes dialectais. Inclúe mapas, xogos e audios que revelan a riqueza léxica e morfolóxica do idioma, resultado de entrevistas realizadas entre 1987 e 1992 en 145 localidades.
Melilla acolle unha xornada dedicada á lingua tamazight
Dentro das actividades para conmemorar o ano novo tamazight, celébrase en Melilla o 17 de xaneiro a xornada «El Amazige en Melilla: una lengua de Europa» na que participarán especialistas de diferentes países europeos.
Fonte: Cope
Os vehículos BYD inclúen o catalán no seu sistema de infoentretemento
A empresa chinesa BYD incorpora o catalán nos menús de infoentretemento dos seus vehículos eléctricos grazas á colaboración da Aliança per la Presència Digital del Català e Softcatalà, que revisaron as traducións e suxeriron melloras.
Fonte: El Nacional
Retómanse na Comunidade Valenciana as concentracións contra as consultas ás familias sobre a lingua base no ensino
Escola Valenciana e a Plataforma per l’Ensenyament Públic retomaron as concentracións semanais fronte aos centros educativos para expresar o rexeitamento á lei de liberdade educativa e á consulta ás familias sobre a lingua base nas aulas. Estas entidades reivindican un maior peso do valenciano no ensino e mobilizan a comunidade escolar para protexer o seu uso.
Fonte: Diari de la Llengua
Boletín
Subscríbase ao boletín