España

Acusan o Goberno do Principado e a RTPA de falsificar os datos sobre o uso do asturiano

A Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana acusa o Principado de Asturias e a RTPA de proporcionar datos inexactos sobre a emisión en asturiano nos medios públicos, inflando as cifras presentadas ao Consello de Europa. Segundo a XDLA, o uso real do asturiano en TPA e RPA é moito menor, e denuncian a falta de contido en asturiano, especialmente na radio. Ademais, critican a decisión de non reactivar o Plan Piloto de Fomento do Asturiano, malia os seus bos resultados, e a carencia de medidas para mellorar a presenza do idioma na educación secundaria.

Fonte: Asturias Mundial

Asturias

O Comité de Expertos do Consello de Europa detecta lagoas na protección das linguas minoritarias en España

O Comité de Expertos da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa destaca que, malia o bo sistema de protección lingüística en España, persisten carencias, sobre todo na xustiza, a administración estatal e os servizos públicos. A escasa aplicación das linguas minoritarias nestes ámbitos preocupa, especialmente pola baixa dispoñibilidade de persoal capacitado e o incumprimento nos procedementos xudiciais. Ademais, os conflitos coas sentenzas sobre o uso do castelán na educación crean dificultades para cumprir os compromisos desta Carta.

Fonte: Consello de Europa

Xeral

Poñen en marcha unha radio escolar en Mallorca para fomentar o catalán entre o alumnado

Dous mestres do CEIP Jaume I de Palma puxeron en marcha un exitoso proxecto de aula para fomentar o catalán entre o alumnado de cuarto de primaria: a radio Myotragus.

Fonte: Diario de Mallorca

Illas Baleares

Preséntase en Barcelona un mapa actualizado das variantes dialectais do catalán

O Museo Terra de Barcelona acolleu a presentación dun mapa actualizado das variantes dialectais do catalán, realizado polos dialectólogos Pere Navarro, da Universidade Rovira i Virgili (URV), e Vicent Beltran, da Universidade de Alacant (UA). Este mapa presenta una vintena de dialectos e subdialectos, que de forma xeral se dividen no catalán occidental e oriental.

Fonte: El Nacional

Cataluña

Alertan do risco de desaparición do erromintxela, unha fala característica de parte dos pobos xitanos no País Vasco

O erromintxela, unha fala mesturada entre o romaní e o éuscaro, conta con arredor de 500 falantes en España e Francia, mais non goza de recoñecemento oficial nin de protección. Esta lingua, con 600 anos de historia, reflicte a convivencia entre os pobos xitano e vasco, que modificou incluso as estruturas sociais das familias xitanas. A comunidade xitana vasca, a través da asociación Kale Dor Kayiko, reclama máis investigacións para preservar este patrimonio lingüístico en risco de desaparecer pola perda de falantes entre as novas xeracións.

Fonte: Infobae

País Vasco

A Universidade Pompeu Fabra crea a primeira titulación universitaria para especializarse en lingua de signos catalá

A Universidade Pompeu Fabra (UPF) lanza o primeiro curso universitario dedicado á lingua de signos catalá (LSC) para que titulados en Tradución, Linguas Aplicadas ou Filoloxía poidan especializarse nesta área. O novo título, de tres anos de duración e 58 créditos ECTS, busca formar máis intérpretes e tradutores en LSC ante a demanda da comunidade xorda e o crecente interese académico. Este curso propio compleméntase cos estudos de grao que a UPF xa ofrece en LSC, o que o consolidada como un centro de referencia na docencia e investigación sobre esta lingua.

Fonte: Universitat Pompeu Fabra

Cataluña

Solicitan a declaración do catalán e o aragonés como bens de interese cultural inmaterial

Cinco entidades culturais de Aragón solicítanlle ao Goberno aragonés que declare o aragonés e o catalán como Ben de Interese Cultural Inmaterial, debido á súa importancia histórica e cultural no territorio dende a fundación do reino. As entidades piden tamén medidas para preservar ambas as linguas, cuxa supervivencia está ameazada pola falta de apoio institucional, segundo a Unesco e o Consello de Europa.

Fonte: La Comarca

Aragón

O Concello de L’Eliana convoca os Premios ao Uso do Valenciano no Comercio Local

O Concello de L'Eliana lanza a terceira edición dun certame que promove o uso do valenciano na vida diaria, dirixido a comercios, empresas e servizos locais. A convocatoria, apoiada pola Deputación de Valencia, premiará o uso desta lingua en elementos impresos e nas novas tecnoloxías e outorgaranse tres galardóns económicos.

Fonte: Ajuntament de l'Eliana

Comunidade Valenciana

O Concello de Bilbao organiza cursos de éuscaro para persoal de hostalería e comercio

O programa Biribilko do Concello de Bilbao, que promove o uso do éuscaro no comercio e na hostalaría, abre o prazo de inscrición para o curso 2024-2025. A principal novidade desta edición é a devolución total da matrícula ao alumnado que cumpra un 75% de asistencia e permaneza ata maio. Ademais, ofrécense dicionarios gratuítos e servizos de tradución comercial. Os cursos, con dous niveis, desenvolveranse de outubro a xuño, cun custo de 90 euros e unha duración de 90 horas.

Fonte: Ayuntamiento de Bilbao

País Vasco

UNED Pamplona impartirá clases presenciais de éuscaro por vez primeira

Co obxectivo de fomentar entre o alumnado a aprendizaxe de linguas e adaptada ás súas necesidades, este curso NA UNED Pamplona impartiranse por primeira vez clases presenciais de éuscaro para os niveis A1 e A2.

Fonte: UNED Pamplona

Navarra

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder