España

Un convenio entre os gobernos de Cataluña e de España permitirá publicar leis estatais en catalán

O acordo entre a Generalitat e o Goberno español permitirá publicar no Boletín Oficial do Estado as principais leis en catalán. Así, as leis orgánicas, os reais decretos ou as disposicións xerais poderán ser traducidas e incluídas nun suplemento electrónico. As traducións estarán a cargo do EADOP e contribuirán a unha maior difusión da normativa estatal en catalán.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

O Goberno catalán presenta un informe no que se establecen as principais liñas de intervención en política lingüística

Un informe da Consellería de Política Lingüística de Cataluña analiza a situación do catalán. Nel recoñecese a súa importancia demográfica en Europa, con máis de 10 millóns de falantes, pero advírtese do retroceso no seu uso en ámbitos clave como a educación e a sanidade. Propón cinco obxectivos estratéxicos para reverter esta tendencia, como facilitar o uso social da lingua e asegurar a súa normalización nas institucións. Ademais, aborda a situación crítica do aranés e a necesidade de mellorar a formación e difusión da lingua de signos catalá.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

O Goberno de Navarra lanza unha nova edición da súa campaña de fomento da aprendizaxe do éuscaro

O Goberno de Navarra, a través de Euskarabidea, lanzou a campaña anual «Euskera ahora» para promover o aprendizaxe do euskera entre adultos, que conta coa colaboración de 35 entidades locais e diversos euskaltegis. A campaña, dirixida especialmente á mocidade, destaca as novas oportunidades e vivencias que ofrece o coñecemento desta lingua. A campaña desenvolverase durante setembro con diversas accións promocionais, incluíndo anuncios en redes sociais e medios locais.

Fonte: Gobierno de Navarra

Navarra

A aprendizaxe do éuscaro será gratuíta no País Vasco nos niveis A1 e C1

O Goberno vasco reforza a gratuidade no ensino do éuscaro destinando case catro millóns de euros á aprendizaxe desta lingua. Estas subvencións buscan incrementar o seu uso social e facilitar o acceso a ela a persoas inmigrantes e doutras comunidades autónomas.

Fonte: Gobierno Vasco

País Vasco

Unha iniciativa busca reforzar a identidade lingüística da comarca de Sanabria

A Asociación Criosanabria lanzou unha campaña para promover o uso do senabrés na comarca de Sanabria. A iniciativa consiste na distribución de carteis nesta lingua nos establecementos locais, co obxectivo de reforzar a identidade lingüística da rexión e preservar unha lingua en perigo de extinción segundo a Unesco, así como fomentar o seu uso na vida cotiá.

Fonte: Zamora News

Castela e León

Un total de 160 autoescolas do País Vasco ofrece a posibilidade de obter o permiso de conducir en éuscaro

O Goberno vasco lembra que é posible obter o carné de conducir en éuscaro en 160 autoescolas de Euskadi, que proporcionan manuais e probas en liña nesta lingua. Esta iniciativa, impulsada en colaboración coa Federación de Autoescolas de Euskadi, busca fomentar o uso do éuscaro entre a mocidade, garantir materiais de calidade e facer o proceso de aprendizaxe máis dinámico.

Fonte: Gobierno Vasco

País Vasco

A lingua asturiana forma parte da programación do Instituto Cervantes de Nova York por vez primeira

O Instituto Cervantes de Nova York inclúe por primeira vez a lingua asturiana na súa programación, grazas á colaboración co Goberno do Principado. O curso, que comezará en outubro, ofrecerá seis sesións presenciais nas que o alumnado poderá achegarse á historia e ás particularidades culturais asturianas, ademais de aprender os fundamentos básicos da lingua.

Fonte: Principado de Asturias

Asturias

A Xira pola Oficialidade chega a Avilés para reivindicar a lingua asturiana

Avilés converterase na capital da reivindicación do asturiano coa chegada da Xira pola Oficialidade, unha campaña que busca concienciar sobre a importancia de protexer as linguas propias e mobilizar a sociedade para acadar a súa oficialidade e que incluirá diversas actividades culturais e documentais entre o 2 e o 6 de setembro.

Fonte: La Voz de Asturias

Asturias

O Goberno balear destinará ao plan de elección de lingua un orzamento de arredor dun millón de euros

A Consellería de Educación das Illas Baleares destinará algo máis dun millón de euros ao plan piloto de libre elección de lingua para o curso 2024/2025, distribuído nos once centros educativos adheridos ao plan. Con esta iniciativa preténdese reforzar a competencia nas dúas linguas oficiais. Será avaliado mediante probas de diagnóstico ao comezo e ao final do curso, e estenderase durante tres anos.

Fonte: Mallorca Informa

Illas Baleares

O Goberno rioxano e o Instituto Cervantes asinan un convenio para impulsar o Observatorio Global do Español

O Goberno da Rioxa e o Instituto Cervantes destinarán 5,1 millóns de euros nos próximos catro anos ao Observatorio Global do Español, un organismo destinado a analizar a situación do español no mundo. O convenio, que establece a súa creación e funcionamento, inclúe financiamento por parte do Instituto Cervantes e a Fundación para a Transformación da Rioxa, así como a provisión de persoal e instalacións tanto en San Millán de la Cogolla como en Alcalá de Henares.

Fonte: Fundéu

A Rioxa

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder