España

O Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco suspende cautelarmente unhas oposicións polo nivel de éuscaro esixido

O Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco suspendeu de forma cautelar as oposicións a secretario-interventor da Administración local, convocadas polo Goberno vasco, debido ao requisito de acreditar o coñecemento de éuscaro. O Consello de Colexios de Secretarios e Interventores argumentou que esta esixencia vulnera a normativa estatal de habilitación nacional e os principios de acceso á función pública, ao non considerarse como mérito.

Fonte: EITB

País Vasco

Duplícase o orzamento das axudas para a aprendizaxe ou o perfeccionamento do éuscaro do profesorado navarro

O Departamento navarro de Educación duplicou o orzamento das axudas para que o profesorado non universitario poida aprender ou perfeccionar o éuscaro durante o curso 2024-2025, cunha asignación máxima de 20 000 euros. As subvencións cubrirán cursos presenciais, semipresenciais e en liña, tanto en centros públicos como privados homologados, sempre que se centren exclusivamente no éuscaro. Este esforzo busca responder á demanda de profesionais competentes nesta lingua, especialmente para expandir o modelo D e fortalecer o ensino en éuscaro en toda a Comunidade Foral.

Fonte: Gobierno de Navarra

Navarra

A Universidade de Alacant desenvolve un observatorio multilingüe de variación lingüística

Investigadores da Universidade de Alacant impulsan o proxecto OMVALING, un observatorio multilingüe centrado na análise da variación lingüística das linguas da Comunidade Valenciana, tanto cooficiais como do resto do contorno. O estudo, financiado con 600 000 euros polo Programa Prometeo, investigará a evolución histórica, social e funcional destas linguas, integrando enfoques como a sociolingüística, a tradución ou a análise de corpus.

Fonte: Universitat d'Alacant

Comunidade Valenciana

Refórzase o orzamento de Euskarabidea para as liñas estratéxicas do éuscaro do ano 2025

O Consello Navarro do Éuscaro revisou o proxecto de orzamentos de Euskarabidea para 2025, que inclúe un incremento do 11,6 % nas partidas para fomentar a lingua. O plan reforza programas propios e o apoio ás entidades sociais e locais, especialmente no ámbito educativo, cultural e tecnolóxico, e dáselle prioridade ao público novo. Tamén se impulsa a atención bilingüe na Administración e o uso do éuscaro no sector socioeconómico, así como os medios de comunicación. Este reforzo busca consolidar a normalización do éuscaro na sociedade e garantir a súa estabilidade financeira.

Fonte: Gobierno de Navarra

Navarra

Donostia acolle un acto de recoñecemento a entidades públicas e privadas pola súa xestión do éuscaro

O Goberno vasco organizou en Donostia un acto no que se recoñeceron os progresos de entidades públicas e privadas na promoción do éuscaro. Grazas ao novo sistema de avaliación aprobado en 2023, ademais dos certificados Bikain engádense outros distintivos como os diplomas Harrobi, co obxectivo de fomentar o uso do éuscaro no ámbito laboral, para contribuír ao benestar, á competitividade e á identidade internacional das empresas.

Fonte: Gobierno Vasco

País Vasco

O Concello de Manresa impulsa medidas para garantir a rotulación en catalán dos establecementos comerciais

O Concello de Manresa presentou medidas para garantir o uso do catalán na rotulación exterior dos comercios. A iniciativa parte do Plan estratéxico para a lingua e inclúe campañas de concienciación, advertencias a quen non cumpra e formación en catalán para o persoal de atención ao público.

Fonte: Diari de la Llengua

Cataluña

O Concello de Picassent e a Academia Valenciana da Lingua asinan un convenio para impulsar o uso do valenciano

O Concello de Picassent asinou por primeira vez un convenio coa Academia Valenciana da Lingua para promover o uso e coñecemento do valenciano no municipio. O acordo inclúe accións en toponimia, comunicación e promoción lingüística, así como asesoramento ao persoal municipal e ás asociacións locais. Ademais, prevese o apoio á biblioteca municipal e outras iniciativas conxuntas para fomentar a lingua.

Fonte: El Meridiano

Comunidade Valenciana

Ponse en marcha unha campaña para esixirlle á Administración de Xustiza que a cidadanía balear poida usar o catalán nos tribunais

As institucións e entidades adheridas á campaña «A xustiza, tamén en catalán» enviaron unha carta ao secretario de Estado de Xustiza denunciando as dificultades que existen nas Illas Baleares para exercer os dereitos lingüísticos no ámbito xudicial. Reclaman melloras nos sistemas informáticos para permitir a elaboración de documentos bilingües catalán-castelán e a elección do idioma nos procedementos e notificacións.

Fonte: Periódico de Ibiza y Formentera

Illas Baleares

A Real Academia Española presenta as novidades do seu dicionario

A Real Academia Española (RAE) presentou a actualización 23.8 do Diccionario de la lengua española, que incorpora 4074 novidades entre novos termos, acepcións e expresións. Palabras como espóiler, teletrabajar, umami ou rapear reflicten a evolución de ámbitos como a ciencia, a tecnoloxía, a gastronomía ou o deporte. Ademais, a versión electrónica estrea un deseño moderno, cun buscador mellorado e novas funcionalidades para facilitar a consulta.

Fonte: Real Academia Española

Xeral

O Concello de Deba presenta o seu Plan estratéxico do éuscaro

O Concello de Deba presentou o seu Plan estratéxico do éuscaro 2024-2034, que busca reverter a diminución da transmisión e uso da lingua no fogar e na rúa, e garantir a súa revitalización nos próximos dez anos. O documento, elaborado con participación social, define accións concretas en ámbitos como a familia, a educación, o deporte e a cultura, para fortalecer o éuscaro como elemento clave da identidade e cohesión social no municipio.

Fonte: Debako Udala

País Vasco

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder