España

Entréganse as bolsas Propulsió para fomentar a creación dixital en catalán e occitano

As bolsas Propulsió, impulsadas pola Generalitat de Catalunya, ofrecen apoio económico a proxectos audiovisuais en catalán e occitano dirixidos a redes sociais, co propósito de fomentar a profesionalización e a visibilización de contidos en formato dixital nestas linguas. Os proxectos seleccionados, destinados a plataformas como YouTube ou TikTok, buscan consolidar un sector audiovisual en catalán e occitano e facilitar a creación estable e innovadora.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

A RAE chega a TikTok para achegar o coñecemento do español de xeito atractivo

A Real Academia Española estreou unha conta en TikTok (@RAE.informa) para achegar o coñecemento do español a un público novo mediante vídeos dinámicos e adaptados ás tendencias dixitais. A través deste formato, resolverá dúbidas lingüísticas, divulgará curiosidades do idioma e mostrará o seu patrimonio cultural e histórico. Este novo perfil súmase ás súas redes sociais existentes, como Twitter, Facebook e YouTube, para manter o seu compromiso coa difusión do español con rigor e proximidade.

Fonte: Real Academia Española

Xeral

Barcelona acolle o Campus NPLD Coppietters para tratar a relación entre as linguas, a dixitalización e a intelixencia artificial

O Campus NPLD Coppietters, celebrado en Barcelona, presentou un estudo que avalía a presenza do catalán no mercado das tecnoloxías lingüísticas, no que se destaca que se trata dunha lingua dixitalmente viable, comparable ao neerlandés ou sueco e por diante doutras como o grego ou o romanés. O evento subliñou a importancia de impulsar o catalán no ámbito dixital e defendeuno como referente para linguas medianas e minoritarias en Europa.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

O Concello de l’Eilana forma o seu persoal en valenciano para garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía

O Concello de l'Eliana organizou un curso para o persoal municipal, ofrecido pola Oficina de Promoción do Valenciano, co obxectivo de mellorar os seus coñecementos lingüísticos en ortografía, gramática, léxico e expresión oral. Con 25 horas de formación, tanto presencial como en liña, a iniciativa busca capacitar a administración para respectar e promover os dereitos lingüísticos da cidadanía.

Fonte: Ajuntament de l'Eliana

Comunidade Valenciana

A Universidade Autónoma de Barcelona participa nun proxecto europeo para fomentar a diversidade lingüística nos contidos multimedia

A UAB participa no proxecto MOSAIC para desenvolver ferramentas de tradución multilingüe, subtitulación automática e adaptación de contidos baseadas en intelixencia artificial para promover a diversidade lingüística en Europa. O proxecto incluirá a creación de traducións para linguas con menos recursos como o catalán, neerlandés e esloveno, o que mellorará a accesibilidade e potenciará o intercambio cultural.

Fonte: Universital Autònoma de Barcelona

Cataluña

Denuncian a marxinación do galego por parte do Instituto Leonés de Cultura

O colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo presentou unha queixa ante o Procurador do Común de Castela e León denunciando a marxinación do galego por parte da Deputación de León e do Instituto Leonés de Cultura. Critican a ausencia de apoio institucional á lingua galega en publicacións, actividades culturais e sinalización, malia estar recoñecida polo Estatuto de Autonomía e normativas internacionais. Solicitan un cambio nas políticas culturais e administrativas para garantir o cumprimento da lexislación lingüística vixente.

Fonte: Bierzo Diario

Castela e León

O 40 % da poboación de Cataluña considera que o catalán é unha lingua ameazada que podería desaparecer

Un estudo revela que o castelán é a lingua predominante nas interaccións sociais en Cataluña, pois emprégase no 51 % das conversas, fronte ao 42 % en catalán, e a porcentaxe de uso empeora entre a xente nova e nos homes. Así mesmo, o 40 % da cidadanía considera que é unha lingua ameazada. Ademais, un terzo dos seus falantes afirma non poder usalo en todos os ámbitos da súa vida e mostra unha preferencia maioritaria polo castelán en situacións formais ou con persoas descoñecidas.

Fonte: RTVE

Cataluña

Entréganse os premios Lazarraga a entidades que destacan polo seu compromiso co éuscaro

Os premios Lazarraga 2024 recoñeceron a cinco entidades arabesas polo seu compromiso co uso do éuscaro no ámbito socioeconómico: Grafik Sarea, Sartu Álava, Elkar San Prudencio, Hyundai Eska e Jimmy Jazz. Durante o acto de entrega dos galardóns, representantes da Asociación Bai Euskarari e da Deputación Foral destacaron a necesidade de promover o éuscaro no mundo laboral, sinalando que a súa presenza resulta estratéxica para preservar o investimento en educación e fomentar a inclusión da mocidade.

Fonte: Diputación Foral de Álava

País Vasco

A Obra Cultural Balear solicítalle ao Goberno do arquipélago medidas de protección do catalán na zonas máis turísticas

A Obra Cultural Balear presentoulle ao Goberno das illas un plan con 50 medidas para reforzar a presenza do catalán en zonas turísticas onde case non se utiliza, como Calvià, Palma e Eivisa. O informe subliña a necesidade de fomentar o seu uso en establecementos de hostalería e reclama destinar un 5 % do Imposto do Turismo Sostible a proxectos de promoción desta lingua, co obxectivo de preservar a identidade cultural do arquipélago.

Fonte: Última Hora

Illas Baleares

A Generalitat de Cataluña apoia a edición de novos xogos de mesa en catalán

O Departamento de Política Lingüística apoiou con 228 880 euros a edición de 40 proxectos de 25 empresas para impulsar os xogos de mesa en catalán e traducir obras non literarias en 2023. A iniciativa permitiu a creación de 31 xogos orixinais e a tradución doutros 9. Ademais, foron traducidos xogos de estratexia e dedución con grande éxito internacional.

Fonte: Generalitat de Catalunya

Cataluña

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder