España
O Goberno navarro e Euskaltzaindia asinan un acordo para o desenvolvemento do éuscaro en Navarra
O Goberno de Navarra e Euskaltzaindia asinaron un acordo bilateral para impulsar o desenvolvemento do éuscaro na Comunidade Foral, que se concreta en accións como a recuperación de gravacións lingüísticas, a elaboración de dicionarios e a creación dunha biblioteca específica. Este convenio, que lle outorga a Navarra plena capacidade de decisión e mellor coordinación, establece a creación de comisións para garantir o seguimento, planificación e avaliación das accións previstas.
Fonte: Gobierno de Navarra
Preséntase Noyos, un proxecto formativo de alfabetización en asturiano para persoas adultas

A Academia da Lingua Asturiana presenta Noyos, un novo método de alfabetización en asturiano dirixido a persoas adultas, baseado no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas. O proxecto abrangue todos os niveis de competencia e combina un manual impreso cunha plataforma dixital con recursos audiovisuais e exercicios para a autoaprendizaxe.
O Goberno vasco impulsa un proxecto para incrementar o uso do éuscaro no ámbito laboral e socioeconómico

O Goberno vasco puxo en marcha o proxecto LANERA para promover o uso do éuscaro no ámbito laboral e socioeconómico, un sector clave para a súa normalización. A iniciativa, estruturada en cinco fases ata 2026, comeza cunha recolla de información nos 252 municipios da CAPV para identificar iniciativas en curso e establecer prioridades comúns. O obxectivo é facer do éuscaro unha ferramenta real de traballo que xere novas oportunidades.
Fonte: Gobierno Vasco
Publícase o primeiro dicionario inglés-español de termos veterinarios
Mercedes Jaime, profesora da Universidade de Zaragoza, publica un dicionario de terminoloxía veterinaria inglés-español, resultado de trinta anos de traballo e orientado tanto ao ámbito académico como profesional. A obra abrangue todas as especialidades da medicina veterinaria e está deseñada para facilitar a comprensión, redacción e tradución de textos técnicos. Publicado inicialmente en formato impreso, prevese o seu acceso en liña para ampliar o seu uso entre diversos perfís científicos e técnicos.
Fonte: Fundéu
A Generalitat de Cataluña convoca subvencións para impulsar a presenza do catalán nos xogos de mesa

O Departamento de Política Lingüística abriu unha nova liña de axudas, dotada con 150 000 euros, para apoiar a incorporación do catalán nos xogos de mesa. As subvencións, que poden cubrir ata o 80 % do proxecto, establecen dúas modalidades: primeira edición en catalán de xogos de mesa en edición independente ou xogos de mesa multilingües que incorporan o catalán por vez primeira.
Fonte: Generalitat de Catalunuya
A lingua mirandesa convértese na protagonista na edición deste ano dun concurso organizado polo municipio zamorano de Fonfría
O Premio Memoria Escolar Rural, organizado en Fonfría coa colaboración da Universidade de Salamanca, pon este ano o foco na lingua mirandesa. A iniciativa busca recoller relatos de experiencias escolares no ámbito rural, escritos en mirandés, co obxectivo de conservar a memoria educativa e reforzar a visibilidade desta lingua minorizada no contexto ibérico.
Fonte: Rádio Brigantia
O Goberno vasco convoca axudas para proxectos audiovisuais, con especial atención aos realizados en éuscaro
O Consello de Goberno aprobou unha convocatoria de subvencións por valor de 1.116.400 euros para apoiar o desenvolvemento de longametraxes, series e miniseries ata 2026, con especial atención aos proxectos en éuscaro. As axudas cubrirán gastos previos á produción, como guión, márketing, localizacións ou asesoramento xurídico. A contía máxima variará segundo o formato, xénero e lingua, e será maior para as producións en éuscaro.
Fonte: Gobierno Vasco
Medra o uso do éuscaro nas redes sociais entre a mocidade

O uso do éuscaro nas redes sociais entre a mocidade de 15 a 29 anos aumentou ata o 43,6 % en 2025, cunha maior presenza entre as mulleres. Guipúscoa lidera esta tendencia con máis da metade da mocidade empregando a lingua, mentres que Biscaia e Áraba tamén experimentan subas significativas. Os datos, recollidos polo Observatorio Vasco da Xuventude, revelan un avance sostido cara á normalización do éuscaro nos espazos dixitais.
Fonte: Gobierno Vasco
Critican a exclusión da lingua de signos catalá do Pacto Nacional pola Lingua
A FESOCA e as entidades afiliadas manifestaron o seu malestar polo feito de que o Goberno catalán non incluíse a lingua de signos catalá no Pacto Nacional pola Lingua. Consideran esta exclusión unha grave falta de compromiso coa diversidade lingüística e reclaman un pacto específico que recoñeza e protexa os dereitos das persoas xordas e xordocegas, así como o valor cultural desta lingua minorizada.
Fonte: Diari de la Llengua
Amplíase a liña de subvencións ás empresas que posibiliten a realización de prácticas de Formación Profesional Dual en éuscaro
As Xuntas Xerais de Araba aprobaron unha moción para ampliar as axudas ás empresas que faciliten prácticas de FP Dual en éuscaro. A proposta busca garantir que o alumnado poida completar a súa formación nesta lingua tamén no ámbito laboral.
Fonte: Radio Llodio
Boletín
Subscríbase ao boletín