España
Os municipios da Franxa de Aragón asinan unha nova declaración para reivindicar o catalán e rexeitar o LAPAO
O texto insta o Goberno de Aragón a retirar a lei de linguas que elimina o nome de catalán e o substitúe por “lingua aragonesa propia da área oriental” (LAPAO), denominación que se cualifica de “ridícula”.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Concello de Alcúdia esixiralles o catalán como requisito a todos os funcionarios
Todos os aspirantes a ocupar algunha praza pública no Concello de Alcúdia deberán acreditar o coñecemento da lingua catalá como requisito para optar ao posto de traballo. Desta forma, o dominio da lingua propia de Mallorca non será considerado un simple mérito no concurso, tal e como recolle a última modificación da Lei de función pública.
Fonte: Diario de Mallorca
O pleno do Concello de Oviedo aproba redactar unhas ordenanzas de uso do asturiano
Tras a denuncia de Iniciativa polo Asturiano dun caso de discriminación no rexistro do Concello de Oviedo, o pleno municipal aprobou por unanimidade redactar unhas ordenanzas de uso do asturiano, que eviten máis casos coma este.
Fonte: Infoasturies
O Goberno de Navarra imparte formación en éuscaro a 770 empregados públicos
O Goberno de Navarra impartiu formación de éuscaro a un total de 770 empregados públicos da Comunidade Foral entre setembro de 2012 e maio de 2013. Supón un incremento do 33,2 % con respecto ao mesmo período do ano anterior, cando 578 empregados participaron nos cursos extensivos, intensivos, de autoaprendizaxe e de conversa ofertados polo Instituto Navarro do Vascuence, conxuntamente co INAP.
Fonte: Noticias Press
Dous institutos malagueños impartirán portugués como segunda lingua estranxeira o próximo curso
Dous institutos malagueños, o IES Valle del Azahar de Cártama e o Christine Picasso da capital, incorporaranse o próximo curso ao programa Saramago para o ensino do portugués como segunda lingua estranxeira.
Fonte: Diario Sur
O Parlamento Europeo premia a Real Academia da Lingua Vasca
A Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) e Euskaltzaindia, a Real Academia da Lingua Vasca, foron galardoados co Premio Cidadán Europeo 2013, que concede o Parlamento Europeo (PE) anualmente “a persoas ou organizacións excepcionais que loiten polos valores europeos”.
Fonte: Noticias de Navarra
O Concello aragonés de Aínsa esíxelle ao Departamento de Educación que manteña o ensino do catalán e o aragonés
O Pleno ordinario do Concello de Aínsa aprobou a moción presentada por Esquerda Unida na que amosan o seu rexeitamento á Lei de uso, protección e promoción das linguas e modalidades lingüísticas propias de Aragón. O Consistorio solicítalle ao Departamento de Educación do Goberno de Aragón que manteña as actividades e programas de ensino do aragonés e o catalán nos centros educativos.
Fonte: Radio Huesca
A Xunta de Galicia participa en Bilbao na asemblea xeral da Rede europea para a Promoción da Diversidade Lingüística
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, en representación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, participou na asemblea xeral da Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística (en inglés, Network to Promote Linguistic Diversity, NPLD).
Fonte: Xunta de Galicia
Edítase ‘Ahozko Hiztegia’, o primeiro dicionario audible en éuscaro
Segundo informou a Universidade do País Vasco, grazas a esta ferramenta e, aplicando as regras acentuais impostas no éuscaro estándar e producidas por unha voz sintética, disponse de todas as entradas do dicionario para ser escoitadas.
Fonte: Noticias de Álava
A Deputación de Guipúscoa edita dicionarios que traducen o éuscaro a 28 linguas
A Deputación Foral de Guipúscoa está repartindo nos 88 municipio de Guipúscoa pequenos dicionarios que facilitan expresar en éuscaro os conceptos máis básicos. En total editáronse dicionarios de 28 linguas ao éuscaro, cunha tiraxe de 75 000 exemplares.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Boletín
Subscríbase ao boletín