España
A Rioxa Arabesa asegúrase o seu plan de éuscaro
A comarca da Rioxa Arabesa xa conta cun documento estratéxico para pór en valor o éuscaro na rexión tras a aprobación das medidas propostas pola Comisión Asesora, que se prolongarán ata o ano 2017.
Fonte: Noticias de Álava
Os estudantes de catalán en Aragón son dez veces máis cós estudantes de aragonés
Este curso, algo máis de 450 nenos da comunidade estudan a materia extraescolar de aragonés en 20 vilas oscenses impartidas por sete docentes. Por contra, o número de escolares que estudan catalán en Aragón é máis de dez veces superior, xa que son máis de 5000 nenos os que aprenden esta lingua na actualidade.
Fonte: El Periódico de Aragón
Inician unha campaña en San Sebastián para relacionarse en éuscaro co Concello
O Concello puxo en marcha unha campaña nos medios de comunicación (Udalean ere Euskaraz) para animar a cidadanía a relacionarse en éuscaro coa Administración municipal. O alcalde Juan Karlos Izagirre animou os donostiarras a vencer as súas resistencias a comunicarse neste idioma porque o 95 % dos funcionarios en postos de atención ao público poden relacionarse en ambos os idiomas, unha cifra que será do 100 % a finais de 2017.
Fonte: Diario Vasco
A Deputación de Guipúscoa subscribe un convenio para fomentar a lectura xuvenil en éuscaro
A Deputación Foral de Guipúscoa e a asociación de literatura infantil e xuvenil en lingua vasca Galtzagorri Elkartea subscribiron un convenio de colaboración para fomentar a afección á lectura.
Fonte: Diario Vasco
Telefónica comprométese a apoiar o audiovisual catalán
O director xeral de Telefónica en Cataluña, Kim Faura, mostrou o compromiso da compañía para facilitar contidos audiovisuais en catalán, pero expresou o seu desacordo co proxecto da Generalitat para aplicarlles aos operadores de telecomunicacións unha taxa para financiar o cine en catalán.
Fonte: La Vanguardia
Decenas de miles de persoas defenden en Barcelona unha escola en catalán
A manifestación, convocada pola plataforma Somescola.cat, que aglutina 38 entidades cívicas e educativas, reclamaba un modelo de escola que non segregue os alumnos por razón de lingua e que garanta o coñecemento do catalán e o castelán.
Fonte: 20 Minutos
O Senado usará a lingua de signos por primeira vez no pleno sobre a abdicación do rei
O Senado inserirá a imaxe dun intérprete de lingua de signos nas súas retransmisións por primeira vez coincidindo co pleno monográfico que debaterá e votará a lei orgánica que fará efectiva a abdicación do rei.
Fonte: La Vanguardia
Oito colexios e institutos súmanse á rede de centros públicos bilingües da provincia de Málaga
Un total de oito centros educativos públicos vaise sumar o próximo curso escolar aos 137 que actualmente xa imparten ensino bilingüe na provincia de Málaga. Deste modo, a rede de centros públicos bilingües pasará a estar composta por 145 colexios e institutos. Estes novos centros utilizarán o inglés para impartir diversas materias do currículo.
Fonte: 20 Minutos
Miles de persoas reivindican o uso do éuscaro na Rioxa Arabesa
Miles de persoas reivindicaron o uso do éuscaro na Rioxa Arabesa coa súa participación en Lapuebla de Labarca na festa das ikastolas alavesas, nunha xornada festiva con éxito de público e na que o bo tempo acompañou.
Fonte: Diario Vasco
Os centros valencianos poderán escoller en que lingua imparten Ciencias Naturais e Sociais
A Consellería de Educación daralles autonomía aos centros da Comunidade Valenciana para que escollan en que lingua impartir as materias de Ciencias Naturais e Sociais, nas que se desdobra, como consecuencia da aplicación da Lei orgánica de mellora da calidade educativa (Lomce), a materia de Coñecemento do Medio, que se daba ata agora en valenciano.
Fonte: La Vanguardia
Boletín
Subscríbase ao boletín