España
O Concello aragonés de Mequinensa e diversas entidades queren manter a materia de catalán
O Concello de Mequinensa e diversas entidades sociais e culturais deste municipio da Franxa presentaron alegacións ao currículo de ensino primario de Aragón para poder manter o ensino do catalán nas escolas e que se recoñeza en todos os desenvolvementos lexislativos do sistema educativo de Aragón, ademais de manter a habilitación do profesorado para impartir a área de catalán e outras áreas nesta lingua.
Fonte: Generalitat de Cataluña
O Goberno vasco destinará 335 millóns de euros a “acelerar” a euscaldunización
O Executivo establece 168 accións dirixidas a lograr un bilingüismo máis equilibrado, que acurte distancias (entre o éuscaro e o castelán), pero á súa vez máis factible, baseado na vontade e consenso da sociedade.
Fonte: El Correo
O Goberno de Castela-A Mancha aproba as axudas para a mellora da competencia lingüística en inglés
O Consello de Goberno de Castela-A Mancha aprobou a convocatoria das axudas para a mellora da competencia lingüística en inglés dos alumnos de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e 1º de Bacharelato, a través de bolsas para estudar esta lingua en Reino Unido e Irlanda.
Fonte: Guada Qué
Rexeitan unha moción que pedía non valorar menos o éuscaro que calquera lingua estranxeira nas oposicións
O pleno do Parlamento de Navarra rexeitou unha moción pola que se instaba o Goberno foral a “adoptar as medidas oportunas para evitar que nas convocatorias de ingreso na administración se valore máis o coñecemento do inglés ou de calquera outra lingua estranxeira que o coñecemento do éuscaro”.
Fonte: Noticias de Navarra
O Goberno vasco planea 168 formas diferentes de impulsar o éuscaro
Crear a Euskal Wikipedia, promover o dominio .eus na internet, apoiar as versións subtituladas ao éuscaro das estreas de cinema máis punteiras, desenvolver programas de euscaldunización para adolescentes inmigrantes, impulsar que o alumnado universitario e de FP poida realizar as súas prácticas en éuscaro… Así ata 168 accións diferentes para “acelerar o exitoso proceso de revitalización do éuscaro” presentadas polo Goberno vasco.
Fonte: Noticias de Álava
O fundador da Wikipedia gaba a edición en lingua catalá
O fundador da Wikipedia, Jimmy Wales, tivo palabras de apoio para a comunidade en catalán desta enciclopedia colaborativa na rede, destacando que se trata dunha comunidade “enorme” en relación ao peso demográfico da lingua. Unha afirmación que apoiou con datos, lembrando que a edición catalá desta enciclopedia conta con 430 000 artigos e é, pois, a 17ª en canto a número de entradas.
Fonte: Crónica Global
A lingua chinesa incorpórase ao Máster de Secundaria da Universidade de Granada
A Universidade de Granada oferta o chinés como novo itinerario na especialidade de lingua estranxeira do Máster en profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, formación profesional e ensinanza de idiomas.
Fonte: Radio Granada
A empresa GAES e o Concello de Xerez poñen en marchar a primeira escola en liña de lingua de signos española
O proxecto é froito da colaboración da compañía coa Oficina Municipal de Atención á Discapacidade do Concello de Xerez e ten o obxectivo de achegar esta linguaxe ao conxunto da sociedade e mellorar a accesibilidade das persoas con discapacidade auditiva.
Fonte: Corresponsables
Dinamizadores lingüísticos italianos estudan en Barcelona o modelo catalán de fomento da lingua
Un grupo de dezaseis dinamizadores lingüísticos da provincia autónoma de Bolzano (Italia) desprazáronse a Barcelona para estudar o modelo catalán de fomento da lingua. En Bolzano conviven tres linguas oficiais: o italiano, o alemán e o ladino. A formación que recibirán os estudantes de Bolzano consiste en tratar a dinamización lingüística desde diversos ámbitos coma o comercial, o asociativo, o social, o da xustiza, etc.
Fonte: Generalitat de Cataluña
O persoal de Xustiza de Biscaia anima a cidadanía a demandar xuízos en éuscaro
Varios representantes da Administración de Xustiza de Biscaia animaron a cidadanía a demandar procesos xudiciais íntegros en éuscaro co fin de que esta lingua poida empregarse de igual forma que o castelán no ámbito xudicial.
Fonte: Deia
Boletín
Subscríbase ao boletín