España

O Goberno vasco dá 400 000 euros para apoiar o éuscaro en Iparralde

O Goberno vasco e o Organismo Público da Lingua Vasca reuniron un fondo de cooperación de 1.600.000 euros, dos que 400 000 foron achegados polo executivo autonómico, para axudar economicamente a proxectos de fomento do éuscaro en Iparralde.

Fonte: Deia

País Vasco

A comarca da Cepeda recupera a lingua e a cultura leonesas

A Asociación Cultural Faceira e a Asociación Cultural Rei Ordoño I organizan o cuarto encontro para a recuperación do patrimonio cultural e lingüístico leonés nos municipios de Villamejil e Otero de Escarpizo.

Fonte: Ileón

Castela e León

O Departamento vasco de Seguridade prevé pasar de 25 a 100 ertzainas liberados cada ano para estudar éuscaro a partir de 2015

O Departamento vasco de Seguridade presentoulles aos sindicatos o primeiro Plan de Uso do Éuscaro na historia da Ertzaintza, para afrontar “o reto de dar un servizo policial bilingüe á sociedade vasca”, que prevé pasar dos 25 actuais aos 80 ou 100 ertzainas liberados cada ano para acudir a cursos formativos de éuscaro a partir de 2015.

Fonte: Europa Press

País Vasco

Os editores en lingua catalá apostan polo crecemento do sector, malia o descenso de vendas

Os editores en lingua catalá apostan polo crecemento do sector a pesar das cifras negativas da venda de libros en España, que diminuíu un 9,7 % durante 2013, segundo mostra a Análise do Comercio do Libro en España, presentado pola Federación de Gremios de Editores de España.

Fonte: La Información

Cataluña

O Goberno foral non garante a información en éuscaro na súa web

Nunha navegación superficial, a web parece completamente bilingüe castelán-éuscaro. Pero en canto se busca por distintos apartados obsérvase que as informacións en éuscaro quedan relegadas a un segundo plano. “Faltan contidos, non se traducen todas as noticias e cando se fai adoitan publicarse máis tarde có seu equivalente en castelán”, expoñen desde o Consello Navarro do Éuscaro.

Fonte: Noticias de Navarra

Navarra

A presenza da lingua vasca é mínima nos tribunais despois de 35 anos de cooficialidade

O número de empregados públicos da Administración de Xustiza dependentes do Goberno vasco que deben acreditar o coñecemento da lingua vasca crece, pero a presenza do éuscaro nos procesos xudiciais non avanza. Nos xulgados de paz, sobre todo nas zonas con maior porcentaxe de vascofalantes, ou nos rexistros civís fálase e trabállase en éuscaro con relativa normalidade, pero noutros ámbitos xudiciais é mínima.

Fonte: El País

País Vasco

A campaña “Navega en catalán” protagoniza o programa de TV3 Espai Internet

A campaña “Navega en catalán” da Fundación puntCAT centrou o programa Espai Internet de TV3. Esta campaña ten por obxectivo sensibilizar os internautas cataláns para que configuren os seus navegadores en catalán e así contribúan a aumentar a demanda de contidos nesta lingua. A campaña ten o apoio da Dirección Xeral de Política Lingüística do Departamento de Cultura e de Softcatalá.

Fonte: Generalitat de Cataluña

Cataluña

Iniciativa polo Asturiano denuncia ante a ONU a discriminación que sofre a lingua asturiana

Un informe da organización internacional European Language Equality Network, da que forma parte Iniciativa polo Asturiano como entidade representante da lingua asturiana, levou á Oficina do Alto Comisionado dos Dereitos Humanos da Organización das Nacións Unidas (ONU) a situación de “violación de dereitos humanos lingüísticos que viven en Asturias os asturfalantes”, segundo a entidade.

Fonte: La Nueva España

Asturias

Un total de 142 asociacións integra o Censo de entidades de fomento da lingua catalá 2014

Este ano 142 asociacións e fundacións forman parte do Censo de entidades de fomento da lingua catalá. En total incorporáronse 25 entidades novas, cun crecemento do 18 % respecto a 2013. Destas 142 entidades, 82 pertencen ao ámbito cultural, 17 ao fomento da lingua, 11 en integración social, 7 xuventude e ocio, 11 a organizacións empresariais e sindicatos, ademais do ámbito do deporte, a formación, os colexios profesionais e as novas tecnoloxías.

Fonte: Generalitat de Cataluña

Cataluña

Critican que a Universidade de Oviedo abra una páxina en galego, catalán e éuscaro, e non en asturiano

O Consello Universitario polo Asturiano criticou a posta en marcha, por parte da Universidade de Oviedo, dun servizo para a consulta do arquivo histórico da entidade a través de internet que permite a consulta en catalán, galego, vasco e castelán, pero non en asturiano.

Fonte: 20 minutos

Asturias

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder