España

Defenden a incorporación en primaria da lingua e a cultura populares da Comunidade Valenciana

A Academia Valenciana da Lingua (AVL) destacou, durante a primeira xornada sobre lingua e cultura popular valencianas, a necesidade de incorporar na educación primaria contidos centrados nas tradicións, a literatura, o patrimonio e as festas populares da Comunidade.

Fonte: Las Provincias

Comunidade Valenciana

Estudan os beneficios de aprender éuscaro para adiar a aparición de enfermidades neurodexenerativas

Un grupo de 120 persoas maiores de 60 anos, que só falan castelán e residentes no País Vasco serán obxecto de estudo cando comecen a aprender éuscaro. O Basque Center on Cognition Brain and Language (BCBL), que investiga a cognición, o cerebro e a linguaxe, participará nunha iniciativa para protexer as persoas contra certas enfermidades neurodexenerativas, como o alzhéimer, mediante os cambios que pode producir no cerebro o coñecemento dun segundo idioma.

Fonte: Hoy

País Vasco

A Rexión de Murcia sitúase á cabeza no estudo da segunda lingua estranxeira respecto ao conxunto nacional

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte publicou os "Resultados Detallados das Estatísticas dos Ensinos non Universitarios do curso 2012-2013" referentes á "Aprendizaxe de linguas estranxeiras", que sitúa a Rexión de Murcia na cabeza en canto á aprendizaxe de linguas estranxeiras.

Fonte: 20 Minutos

Murcia

A presenza do catalán na administración de xustiza cae nos últimos catro anos

Segundo datos da Generalitat de 2013, das 248 241 sentenzas emitidas nos partidos xudiciais cataláns 217 543 foron en castelán e 30 698 en catalán, o que supón un 12,4 % do total. Só nas demarcacións de Xirona e Lleida se ditaron máis dun 30 % de sentenzas en catalán, mentres que en Tarragona e Terras do Ebro non chegaron ao 2 %.

Fonte: El Mundo

Cataluña

Organizan paseos estivais para mellorar o éuscaro e gozar dos municipios

Durante o verán a asociación Banaiz Bagara continúa traballando cos seus grupos, neste caso, con actividades máis propias do período estival. Para este ano organizaron de novo paseos para practicar o éuscaro.

Fonte: Diario Vasco

País Vasco

Presentan o novo nivel C2 da lingua catalá, orientado á excelencia comunicativa

A Dirección Xeral de Política Lingüística do Departamento de Cultura celebrou a xornada “C2. Como se mide a excelencia comunicativa?”. O obxectivo do acto foi a presentación do novo programa e certificado do nivel superior (C2) que acredita unha competencia lingüística alta en lingua catalá. O C2 diríxese a persoas que fan actividades de comunicación lingüística de complexidade, oral ou escrita, no ámbito laboral ou académico.

Fonte: Generalitat de Cataluña

Cataluña

O éuscaro entre a mocidade eibarresa limítase ao 25 % das situacións

A cifra contrasta coa capacidade dun 70 % que domina a lingua vasca. Un estudo realizado por Eta Kitto quere ser o punto de partida para un proceso participativo o próximo outono que busca atopar as ferramentas para promover o uso do éuscaro entre a mocidade.

Fonte: Diario Vasco

País Vasco

O Consello Navarro do Éuscaro esixe recuperar as axudas aos medios de comunicación

O Consello Navarro do Éuscaro esixiu ao Goberno foral que recupere, tanto nos orzamentos de 2014 coma nos dos próximos anos, a partida para o fomento do éuscaro nos medios de comunicación e que publique e execute “canto antes” a convocatoria de axudas, cun importe suficiente, tomando como base as directrices dos últimos anos, é dicir, dando prioridade á subvención aos medios que traballan e publican en éuscaro.

Fonte: Noticias de Navarra

Navarra

O Departamento Vasco de Educación estenderá o trilingüismo desde primaria a bacharelato o curso que vén

O Departamento de Educación estenderá o curso que vén o “trilingüismo co éuscaro como eixe central” desde primaria ata bacharelato nos centros públicos que así o desexen, paso previo á súa xeneralización cando se definan claramente os obxectivos lingüísticos que se deben acadar en todas as linguas.

Fonte: Noticias de Álava

País Vasco

A Xunta pola Defensa da Lingua Asturiana esixe á televisión pública un maior investimento no audiovisual en asturiano

A Xunta pola Defensa da Lingua Asturiana denuncia que “a realización de produtos en asturiano pola Televisión Pública de Asturias, ademais de axudar a xerar datos bos de audiencia, repercutiría na economía do noso territorio ao axudar a promover unha industria audiovisual autóctona.

Fonte: Info Asturies

Asturias

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder