España

O Concello de Logroño terá un intérprete estable de lingua de signos

O Concello de Logroño disporá dun servizo de intérprete de signos presencial e de forma estable, co fin de facilitar información e xestión ao colectivo de persoas xordas, segundo confirmou a súa alcaldesa, Cuca Gamarra.

Fonte: La Rioja.com

A Rioxa

Os secretarios xerais das consellerías catalás reúnense para impulsar medidas de uso e prestixio do catalán

O Conselleiro de Cultura da Generalitat de Cataluña, Ferran Mascarell, presidiu a reunión da Comisión Técnica de Política Lingüística, formada polos secretarios xerais dos departamentos da Generalitat e na que tamén participou a directora xeral de Política Lingüística, Ester Franquesa. O obxectivo é que os diferentes departamentos do Goberno impulsen medidas non só para o fomento e uso da lingua, senón tamén para o seu prestixio.

Fonte: Generalitat de Cataluña

Cataluña

Os máis de 30 000 estudantes de francés consolidan esta lingua como a segunda máis demandada polos escolares en Murcia

Máis de 30 000 estudantes de Educación Primaria e Secundaria optaron o pasado curso por realizar estudos de lingua francesa, ben en seccións bilingües ou como segunda lingua estranxeira, nos centros escolares da rexión, o que consolida ese idioma como a segunda lingua máis demandada.

Fonte: Murcia.com

Murcia

O Goberno vasco anima os adultos a aprender éuscaro nos euskaltegis

As presentadoras de televisión Anne Igartiburu e Reyes Prados protagonizan o terceiro vídeo da campaña do Goberno vasco “Poziktibity”, no que animan os cidadáns a aprender éuscaro e ir aos euskaltegis.

Fonte: Deia

País Vasco

Iniciativa polo Asturiano considera que nas celebracións do Día de Asturias se discrimina a lingua asturiana

Iniciativa polo Asturiano amosou o seu rexeitamento ao trato que se lle dá ao idioma asturiano na celebración do Día de Asturias e que, en opinión deste colectivo, non deixa de ser discriminatorio. Segundo asegura nun comunicado, no cartel do Día de Asturias, que se celebra este ano en Candás, o asturiano está presente a tamaño moito menor que o texto en castelán e cunha cor que dificulta a súa lexibilidade.

Fonte: ABC

Asturias

Un informe mostra que o 60 % das noticias sobre a lingua catalá na prensa española son negativas

O informe A actualidade da lingua catalá nas portadas da prensa madrileña (2011-2014) analizou durante case tres anos as portadas de La Razón, El Mundo, ABC e El País, os catro principais diarios impresos en Madrid. O traballo pon de manifesto que, se ben o catalán non é un tema habitual nestes medios, cando se trata faise de forma destacada e eminentemente negativa. Desta forma, o 60 % das noticias sobre o catalán nas portadas destes diarios ten un tratamento negativo, contra o 34 % de noticias que teñen un tratamento neutro e só un 6 % que o teñen positivo.

Fonte: Prperiodismo

Cataluña

O Concello donostiarra oficializará o nome en éuscaro de 295 rúas

O Goberno de San Sebastián decidiu dar carácter oficial á denominación en éuscaro de 295 rúas e prazas da capital guipuscoana, moitas delas contan xa con placas neste idioma, a pesar de que ata o momento non se tramitou o seu rexistro administrativo en lingua vasca.

Fonte: Diario Vasco

País Vasco

En 2013 publicáronse un 9 % máis de títulos en catalán, pero con menos tiraxe

O presidente da Asociación de Editores en Lingua Catalá, Albert Pèlach, deu a coñecer os datos dun estudo sobre o libro en España, no que se constata que en 2013 publicouse un 9 por cento máis de títulos en catalán, aínda que a tiraxe media baixou un 19,2 por cento con respecto a 2012.

Fonte: El Confidencial

Cataluña

O Tribunal Superior de Xustiza de Aragón suspende a inclusión do aragonés no currículo de Primaria

O Tribunal Superior de Xustiza de Aragón suspendeu cautelarmente a inclusión do aragonés no currículo de Primaria, solicitada pola Fundación Gaspar Torrente que rexeita a imposición dunha ortografía diferente á que se viña ensinando historicamente.

Fonte: Heraldo

Aragón

O Goberno vasco destina 1,3 millóns de euros para o trilingüismo nos colexios concertados

O Goberno repartirá 387 600 euros entre os centros públicos que queiran levar a cabo proxectos trilingües ou plurilingües co éuscaro como “eixe” –en Primaria, Secundaria e Bacharelato durante dous anos. Pola súa parte, a rede concertada, que escolariza a outra metade do alumnado vasco, opta a algo mais de 1,3 millóns de euros para desenvolver estes plans e formar os seus docentes.

Fonte: El Mundo

País Vasco

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder