España
Preséntase en Barcelona un mapa actualizado das variantes dialectais do catalán

O Museo Terra de Barcelona acolleu a presentación dun mapa actualizado das variantes dialectais do catalán, realizado polos dialectólogos Pere Navarro, da Universidade Rovira i Virgili (URV), e Vicent Beltran, da Universidade de Alacant (UA). Este mapa presenta una vintena de dialectos e subdialectos, que de forma xeral se dividen no catalán occidental e oriental.
Fonte: El Nacional
Alertan do risco de desaparición do erromintxela, unha fala característica de parte dos pobos xitanos no País Vasco
O erromintxela, unha fala mesturada entre o romaní e o éuscaro, conta con arredor de 500 falantes en España e Francia, mais non goza de recoñecemento oficial nin de protección. Esta lingua, con 600 anos de historia, reflicte a convivencia entre os pobos xitano e vasco, que modificou incluso as estruturas sociais das familias xitanas. A comunidade xitana vasca, a través da asociación Kale Dor Kayiko, reclama máis investigacións para preservar este patrimonio lingüístico en risco de desaparecer pola perda de falantes entre as novas xeracións.
Fonte: Infobae
A Universidade Pompeu Fabra crea a primeira titulación universitaria para especializarse en lingua de signos catalá

A Universidade Pompeu Fabra (UPF) lanza o primeiro curso universitario dedicado á lingua de signos catalá (LSC) para que titulados en Tradución, Linguas Aplicadas ou Filoloxía poidan especializarse nesta área. O novo título, de tres anos de duración e 58 créditos ECTS, busca formar máis intérpretes e tradutores en LSC ante a demanda da comunidade xorda e o crecente interese académico. Este curso propio compleméntase cos estudos de grao que a UPF xa ofrece en LSC, o que o consolidada como un centro de referencia na docencia e investigación sobre esta lingua.
Fonte: Universitat Pompeu Fabra
Solicitan a declaración do catalán e o aragonés como bens de interese cultural inmaterial
Cinco entidades culturais de Aragón solicítanlle ao Goberno aragonés que declare o aragonés e o catalán como Ben de Interese Cultural Inmaterial, debido á súa importancia histórica e cultural no territorio dende a fundación do reino. As entidades piden tamén medidas para preservar ambas as linguas, cuxa supervivencia está ameazada pola falta de apoio institucional, segundo a Unesco e o Consello de Europa.
Fonte: La Comarca
O Concello de L’Eliana convoca os Premios ao Uso do Valenciano no Comercio Local
O Concello de L'Eliana lanza a terceira edición dun certame que promove o uso do valenciano na vida diaria, dirixido a comercios, empresas e servizos locais. A convocatoria, apoiada pola Deputación de Valencia, premiará o uso desta lingua en elementos impresos e nas novas tecnoloxías e outorgaranse tres galardóns económicos.
Fonte: Ajuntament de l'Eliana
O Concello de Bilbao organiza cursos de éuscaro para persoal de hostalería e comercio
O programa Biribilko do Concello de Bilbao, que promove o uso do éuscaro no comercio e na hostalaría, abre o prazo de inscrición para o curso 2024-2025. A principal novidade desta edición é a devolución total da matrícula ao alumnado que cumpra un 75% de asistencia e permaneza ata maio. Ademais, ofrécense dicionarios gratuítos e servizos de tradución comercial. Os cursos, con dous niveis, desenvolveranse de outubro a xuño, cun custo de 90 euros e unha duración de 90 horas.
Fonte: Ayuntamiento de Bilbao
UNED Pamplona impartirá clases presenciais de éuscaro por vez primeira
Co obxectivo de fomentar entre o alumnado a aprendizaxe de linguas e adaptada ás súas necesidades, este curso NA UNED Pamplona impartiranse por primeira vez clases presenciais de éuscaro para os niveis A1 e A2.
Fonte: UNED Pamplona
A Generalitat de Cataluña presenta un plan para fomentar o catalán na atención primaria
O Plan Lingüístico do Equipo de Atención Primaria Sardeña servirá para garantir o dereito dos pacientes a ser atendidos en catalán e fomentar esta lingua na atención por parte dos profesionais sanitarios, así como mellorar o seu coñecemento e uso.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Convócase a terceira edición do concurso Arnasetik dirixido a que a mocidade euscalduna reflexione sobre os seus hábitos lingüísticos
A iniciativa Arnasa Gara organiza, por terceiro ano, o concurso de videocreación ARNASETIK, dirixido a mozos e mozas de entre 10 e 16 anos co obxectivo de fomentar a creatividade e reflexionar sobre os hábitos lingüísticos a través de vídeos de dous minutos. Divídese en tres categorías, segundo as idades, e cada unha presenta un reto específico. O concurso entregará premios de ata 2000 euros e estará aberto ata o 31 de outubro.
Fonte: Gobierno Vasco
O Concello de Barakaldo convoca axudas á rotulación en éuscaro para comercio, hostalería e sector servizos
O Concello de Barakaldo lanza unha nova convocatoria de axudas á rotulación en éuscaro para comercios, hostalaría e servizos á que destinará unha partida de 5000 euros destinada a financiar ata un 50 % ou 25 % dos gastos de instalación dos rótulos nesta lingua.
Fonte: Radio Nervión
Boletín
Subscríbase ao boletín