España
O Concello de Manacor organiza un curso para ensinar catalán a través de técnicas teatrais
O curso ‘Llengua divertida’, organizado polo Servizo Lingüístico de Manacor, regresa cunha nova edición para ensinar catalán mediante técnicas teatrais. Dirixido a maiores de 16 anos, o obradoiro ten como obxectivo axudar tanto a quen sente vergonza de falar catalán como a falantes desta lingua que desexen mellorar a súa expresión oral. O taller, que terá lugar entre o 16 de novembro e o 15 de decembro, busca fomentar a confianza e a cohesión social a través da práctica lingüística e cultural.
Fonte: Manacor Noticias
Unha campaña anima as familias a escoller o valenciano como lingua principal no ensino
FAMPA-València lanzou a campaña "Tria valencià, tria ensenyament d’oportunitats" para incentivar as familias a escoller o valenciano como lingua principal no ensino, e na que destacan as vantaxes laborais e educativas que ofrece. A federación critica a lei de liberdade educativa que consideran que marxina o uso do valenciano nas escolas. Tamén subliñan que o coñecemento do valenciano mellora a adquisición doutras linguas e non prexudica o dominio do castelán.
Fonte: Diari de la Llengua
Huesca acolle un congreso sobre a lingua aragonesa
A IX Trobada d'Estudios e Rechiras arredol d'a Luenga Aragonesa e a suya Literatura, organizada por varias institucións aragonesas, celébrase en Huesca do 3 ao 5 de outubro. Especialistas no aragonés presentarán trinta relatorios sobre temas históricos, literarios, lingüísticos e pedagóxicos, e tamén sobre o uso de ferramentas tecnolóxicas para linguas minoritarias. O encontro conta coa participación de investigadores de varias universidades e inclúe concertos e recitais poéticos en aragonés, coa finalidade de promover a investigación e o estudo desta lingua.
Fonte: Universidad de Zaragoza
Preséntase unha nova edición dos Premios Lazarraga que recoñecen empresas que fomentan o uso do éuscaro no ámbito socioeconómico

Os Premios Lazarraga, organizados pola Bai Euskarari Elkartea e a Deputación Foral de Áraba, celebrarán a súa oitava edición o 14 de novembro. Estes galardóns recoñecen o traballo de cinco entidades ou persoas que promoven o uso do éuscaro no ámbito socioeconómico arabés.
Fonte: Bai Euskarari
Un xulgado considera discriminatorio o nivel de éuscaro esixido ao persoal de limpeza de albergues de Guipúscoa
Un xulgado de San Sebastián declarou "desproporcionado e discriminatorio" esixir o coñecemento de éuscaro para todos os postos de limpeza en albergues nunha convocatoria de emprego da Deputación Foral. O sindicato CC. OO. defende que é posible compatibilizar os dereitos lingüísticos e laborais, tendo en conta que non todo o persoal de limpeza ten contacto directo co público, o que limita a necesidade do perfil lingüístico.
Fonte: EITB
O Concello de Irún fomenta o uso do éuscaro no ámbito familiar
O Concello de Irún presentou as actividades gratuítas dos programas "Familia Ola" e "Haurrak Parkean", que buscan promover o uso do éuscaro no ámbito familiar mediante actividades ao aire libre. Estas iniciativas, impulsadas polo Servizo de Éuscaro en colaboración coa asociación HEZEN, levan anos reforzando a transmisión da lingua dentro da familia.
Fonte: Ayuntamiento de Irún
O Concello de Ontinyent e a Academia Valenciana da Lingua asinan un convenio para a promoción do valenciano
Ambas as institucións asinaron un convenio de colaboración, cuxa vixencia é de catro anos, para o fomento do coñecemento e o uso do valenciano no municipio e inclúe accións en materia de comunicación, persoal, asesoramento, bibliotecas e promoción lingüística.
Fonte: Loclar
O Concello de Manresa presenta o Plan estratéxico para a lingua catalá
O Plan estratéxico para a lingua catalá ten como obxectivo fomentar o seu uso social na cidade e garantir o seu emprego na Administración local. Estrutúrase en catro eixes e prevese a creación dun portal web que conterá unha caixa de suxestións cidadá e información sobre dereitos e deberes lingüísticos, campañas de fomento da lingua catalá, contactos de entidades de defensa lingüística e formación.
Fonte: Manresa Diari
Avilés acolle un ciclo de obradoiros en asturiano dirixido a menores de entre 4 e 8 anos
A Estaya de la Llingua de Avilés organiza o ciclo de obradoiros "Pa que nun t'aburras", dirixido a nenos e nenas de 4 a 8 anos para promover a creatividade e a cultura asturiana. Impartidos pola educadora Rosa Cuervo, realizaranse entre outubro e decembro, con temas como a arte, a gastronomía e as tradicións do Nadal.
Fonte: Asturias Mundial
Un informe da Acadèmia Valenciana de la Llengua sinala que o topónimo en valenciano Castelló de la Plana é o único oficial
O informe da Acadèmia Valenciana de la Llengua (AVL) ratifica que a forma en valenciano "Castelló de la Plana" debe ser a única oficial, tal como se decidiu en 2019. Non obstante, se se recupera o topónimo bilingüe, a forma en valenciano debe ir sempre primeiro.
Fonte: Castellón Plaza
Boletín
Subscríbase ao boletín