España
O Concello de Santa Pola e a Asociación Cultural l’Antina asinan un convenio para a realización de actividades de normalización lingüística
Ambas as entidades asinaron un convenio de colaboración para 2024, cunha achega de 2600 euros destinada a actividades de normalización lingüística. Este acordo busca promover a cultura local e a lingua valenciana e financiará eventos como as Trobades d’Escola en Valencià, o Concurso Literario Sant Jordi, o Outubro Cultural e a campaña de Nadal.
Fonte: Ajuntament de Santa Pola
Preséntanse os resultados dos plans de acción Ofercat para promover o uso do catalán no comercio de dous municipios
Os plans de accións Ofercat buscaban promover o uso do catalán no comercio en Sant Cugat e Cerdanyola do Vallès a través de accións formativas e informativas, dirixidas a mellorar a atención á clientela nesta lingua. Segundo o estudo de 2023, houbo unha lixeira diminución no seu uso, malia que mellorou a disposición dos comerciantes a usar o catalán cando a clientela llo solicita.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Universidade de Barcelona reforza o seu compromiso co alumnado estranxeiro con actividades para a aprendizaxe de catalán
A Universidade de Barcelona reforza o seu compromiso coa integración do alumnado internacional mediante o Plan de acollida de lingua e cultura catalá, activo desde 2022. Este plan ofrece cursos intensivos e extensivos de catalán, cuxo número de participantes superou as mil persoas no curso 2023-2024, cando alcanzou un récord histórico. Ademais, organiza actividades culturais como o CATclub, que combina a aprendizaxe da lingua coa inmersión na cultura catalá.
Fonte: Universitat de Barcelona
O informe de Elebide, o Servizo de Garantía dos Dereitos Lingüísticos do País Vasco, sinala que nove de cada dez queixas están relacionas co ámbito público
O informe de 2023 do servizo Elebide recolle que se tramitaron 176 incidencias por vulneración de dereitos lingüísticos, o número máis baixo nos últimos seis anos. A maioría das queixas referíase á imposibilidade de utilizar o éuscaro, especialmente no ámbito público, en sectores como a Administración xeral e local. As queixas restantes correspondían ao ámbito privado, en sectores como servizos e comercio. O 68,3 % das reclamacións resolveuse de forma satisfactoria, mentres que un 14,9 % quedou sen resposta.
Fonte: Gobierno Vasco
Mallorca acollerá tres seminarios para reforzar os discursos en defensa do catalán
A Plataforma per la Llengua organizará tres seminarios en Mallorca durante o 2024 para fortalecer os discursos en defensa do catalán. Abordarán a situación da lingua nos ámbitos da saúde, o turismo e a imposición lingüística, co foco no caso do catalán. Os seminarios celebraranse o 25 de outubro, 15 de novembro e 13 de decembro. A entidade reivindica o dereito á atención sanitaria en catalán e alerta sobre o impacto lingüístico do turismo.
Fonte: dBalears
O Goberno do Principado convoca uns premios de lingua asturiana e eonaviego
A Consellería de Educación do Principado convocou a primeira edición dos premios extraordinarios ao coñecemento da lingua asturiana e do eonaviego, dirixidos a estudantes de 3º e 4º de Secundaria e de 1º e 2º de Bacharelato. Haberá un premio por cada etapa e lingua, cunha dotación de 800 euros, ademais dun accésit de 400 euros para lingua asturiana. As probas incluirán comprensión e produción de textos orais e escritos, e a fase final terá lugar o 26 de novembro. A inscrición estará aberta ata o 25 de outubro.
Fonte: Principado de Asturias
O Goberno do Principado convoca o primeiro Premio de Guión Cinematográfico en asturiano e eonaviego

A Consellería de Cultura, Política Lingüística e Deporte de Asturias convocou a primeira edición do premio de Guión Cinematográfico en lingua asturiana e eonaviego, cunha dotación de 6000 euros. O obxectivo é apoiar a creación audiovisual nestas linguas e fomentar o repertorio de producións en Asturias. As candidaturas, que deben ser obras orixinais e inéditas, poderán presentarse ata o 29 de outubro. O xurado valorará a contribución cultural, a calidade artística e a adecuación lingüística das propostas.
Fonte: Laboral Cinemateca
O Concello de Tarragona crea a Oficina de Promoción do Catalán
O Concello de Tarragona presentou a Oficat TGN, a nova Oficina de Promoción do Catalán, que ofrecerá 10 cursos de nivel inicial desde novembro para impulsar o uso social do idioma e reforzar a acollida lingüística. Esta iniciativa, dirixida a maiores de 17 anos, ofrecerá cursos gratuítos e con titulación oficial. Ademais, a Oficina asesorará sobre dereitos lingüísticos e promoverá o uso do catalán en toda a actividade municipal.
Fonte: Diari Més
Anúnciase un plan piloto para a celebración de xuízos en éuscaro

O Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco (TSJPV) presentará nun prazo de dous meses un plan piloto para realizar xuízos en éuscaro. Actualmente, só unha vintena dos case 300 xuíces que exercen na Comunidade Autónoma Vasca estarían capacitados para dirixir estas vistas en éuscaro. O proxecto pretende responder tanto ás esixencias legais como ás demandas cidadás para normalizar o uso desta lingua na administración de xustiza.
Fonte: EITB
A Academia da Lingua Asturiana organiza unha olimpíada escolar de redacción
A Academia de la Lingua Asturiana abriu o prazo de inscrición para a olimpíada escolar de redacción «Urbano Rodríguez», dirixida a estudantes de asturiano e eonaviego de primaria, secundaria e bacharelato. A competición terá unha primeira fase en liña o 15 de novembro, mentres que a fase final, presencial, se celebrará o 18 de decembro.
Fonte: La Voz de Asturias
Boletín
Subscríbase ao boletín