España
Xa se pode obter o certificado automático de valenciano en función dos resultados nos estudos regrados
Preto de 4000 persoas solicitaron o certificado automático de valenciano nas primeiras horas dun proceso que permite acreditar os niveis B2 e C1 segundo as cualificacións obtidas en Bacharelato e a Proba de Acceso á Universidade. A medida busca incentivar o estudo do valenciano, pero foi criticada por entidades que consideran que non respecta os criterios educativos, o que podería xerar inxustizas entre centros educativos.
Fonte: Diari de la Llengua
Un grupo de familias organízase para defender o uso do valenciano no sistema educativo
Máis de 3100 familias valencianas uníronse no colectivo "Famílies pel valencià" para defender o uso da lingua propia no sistema educativo fronte á Lei de liberdade educativa que consideran prexudicial para o valenciano. O colectivo critica que a elección da lingua nas aulas quede en mans das familias e non de profesionais, o que agrava a situación nas zonas castelanfalantes. Ademais, fan un chamamento a escoller o valenciano nas consultas oficiais e a concienciar outras familias sobre a importancia de protexer a lingua.
Fonte: Diari de la Llengua
O Concello de Dénia fomenta o uso do valenciano a través da conversación
O Concello de Dénia reactivou o programa "Voluntariado polo valenciano", que promove o uso desta lingua de forma accesible e práctica, sen clases teóricas nin exames. O obxectivo é mellorar a fluidez oral a través de "parellas lingüísticas", nas que unha persoa falante axuda a outra a perfeccionar as súas habilidades en encontros semanais informais.
Fonte: Marina Alta
O Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática anuncia un plan de formación de linguas oficiais para persoal da Administración Xeral do Estado
O ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, anunciou un plan de formación en linguas oficiais para mil funcionarios da Administración Xeral do Estado en seis comunidades autónomas, co obxectivo de mellorar a atención ao público nas súas linguas propias. Ademais, avanzou a tradución dos contidos da sede electrónica do seu ministerio ás linguas cooficiais. Torres destacou a importancia de preservar a diversidade lingüística e subliñou o avance nos dereitos lingüísticos no Congreso e a solicitude para que as linguas españolas sexan oficiais na UE.
Fonte: Galicia Confidencial
Persoal investigador da Universidade de Alacant desenvolven unha aplicación para facilitar a comunicación en lingua de signos
O grupo RoViT da Universidade de Alacant desenvolveu a primeira plataforma de comunicación en tempo real entre a comunidade xorda e oínte que emprega a lingua de signos española (LSE). A aplicación, bidireccional e de uso sinxelo, permite a conversión de signos a texto e de texto ou voz a signos, o que facilita a interacción en contextos cotiáns sen intérprete. Cunha precisión do 95 %, só require un dispositivo con cámara. Esta tecnoloxía, premiada recentemente e en proceso de patente, será implantada en breve na universidade para mellorar o acceso á información das persoas xordas.
Fonte: Universitat d'Alacant
A Generalitat de Cataluña anuncia un plan para incrementar a oferta de ensino de catalán para persoas adultas

O conselleiro de Política Lingüística, Francesc Xavier Vila, anunciou un plan para mellorar a aprendizaxe do catalán entre adultos que inclúe a creación de novos formatos de cursos, o aumento da oferta en horarios demandados e a colaboración con entidades locais e sociais. Este proxecto chega tras denuncias sobre dificultades de acceso aos cursos.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Comarca do Alto Gállego publica un código QR para consultar a toponimia de Serrablo
A Comarca Alto Gállego publicou un mapa interactivo, accesible mediante un código QR, titulado "Topónimos de Serrablo", no que se recollen os nomes de fontes, camiños e montes de vinte localidades. O traballo, elaborado por Miguel López Otal, baséase en entrevistas realizadas nos anos setenta e oitenta a antigos habitantes da zona, o que permitiu rescatar así unha valiosa memoria lingüística e cultural. A iniciativa busca consolidar a lingua aragonesa conservada na toponimia local.
Fonte: Pirinews
Acusan o Goberno do Principado e a RTPA de falsificar os datos sobre o uso do asturiano
A Xunta pola Defensa de la Llingua Asturiana acusa o Principado de Asturias e a RTPA de proporcionar datos inexactos sobre a emisión en asturiano nos medios públicos, inflando as cifras presentadas ao Consello de Europa. Segundo a XDLA, o uso real do asturiano en TPA e RPA é moito menor, e denuncian a falta de contido en asturiano, especialmente na radio. Ademais, critican a decisión de non reactivar o Plan Piloto de Fomento do Asturiano, malia os seus bos resultados, e a carencia de medidas para mellorar a presenza do idioma na educación secundaria.
Fonte: Asturias Mundial
O Comité de Expertos do Consello de Europa detecta lagoas na protección das linguas minoritarias en España
O Comité de Expertos da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa destaca que, malia o bo sistema de protección lingüística en España, persisten carencias, sobre todo na xustiza, a administración estatal e os servizos públicos. A escasa aplicación das linguas minoritarias nestes ámbitos preocupa, especialmente pola baixa dispoñibilidade de persoal capacitado e o incumprimento nos procedementos xudiciais. Ademais, os conflitos coas sentenzas sobre o uso do castelán na educación crean dificultades para cumprir os compromisos desta Carta.
Fonte: Consello de Europa
Poñen en marcha unha radio escolar en Mallorca para fomentar o catalán entre o alumnado
Dous mestres do CEIP Jaume I de Palma puxeron en marcha un exitoso proxecto de aula para fomentar o catalán entre o alumnado de cuarto de primaria: a radio Myotragus.
Fonte: Diario de Mallorca
Boletín
Subscríbase ao boletín