España
O Concello de Alcoi traballa no impulso do uso do valenciano
O Gabinete de Normalización Lingüística de Alcoi abriu o prazo de inscrición para os seus cursos de valenciano, que este ano inclúen o nivel A2 pola súa crecente demanda. Os cursos, dirixidos inicialmente ao funcionariado pero abertos tamén á cidadanía, buscan fomentar o uso correcto do valenciano e sensibilizar sobre a emerxencia lingüística que afecta especialmente á transmisión xeracional en Alcoi.
Fonte: Les Muntanyes
Entréganse os Premios Lauaxeta 2024 que recoñecen o labor a prol do éuscaro de persoas e entidades
A Deputación Foral de Biscaia entregou os Premios Lauaxeta 2024. A Fundación Labayru recibiu o Premio Honorífico pola súa contribución ao estudo e promoción do éuscaro e da cultura vasca desde 1977. Na categoría de poesía, Harkaitz Cano foi premiado por un poemario que explora os límites da linguaxe, mentres que Oihane Zuberoa destacou cunha obra que combina mitos, memoria e reflexión filosófica. O premio audiovisual foi para Aitor Baztarrika por un documental que aborda a memoria histórica vasca cunha narrativa innovadora.
Fonte: Diputación Foral de Bizkaia
As emisoras de Cataluña deberán emitir, como mínimo, un 25 % de música en catalán ou aranés

A partir de xaneiro de 2026, as emisoras de radio musicais en Cataluña deberán emitir polo menos un 25 % de música en catalán ou aranés, tal como establece a Lei de política lingüística. O Consello Audiovisual de Cataluña (CAC) aprobou esta medida, que contará cun período transitorio durante 2025 para que as emisoras adapten progresivamente a súa programación. Esta normativa busca garantir unha maior presenza da música producida por artistas cataláns.
Fonte: Diari de la Llengua
Quince empresas adhírense a Landue, un proxecto que traballa na promoción do éuscaro en Durangaldea
A Mancomunidade de Durangaldea presentou as novidades do proxecto Landue, que busca promover o éuscaro no ámbito socioeconómico da comarca, coa incorporación de 15 novas empresas e a adhesión de todos os centros de Formación Profesional. Este proxecto, que xa conta con 38 empresas participantes, fomenta a normalización do uso desta lingua en distintos sectores, incluíndo as prácticas profesionais.
Fonte: Diputación Foral de Bizkaia
O Concello de Durango aproba o seu plan de fomento do éuscaro
O Concello de Durango aprobou o Plan de Acción para o Fomento do Éuscaro AROA 2025-2028, cun total de 140 accións distribuídas en sete grandes eixes, entre os que se inclúen gobernanza, motivación, coñecemento, uso e innovación. O plan busca promover o uso desta lingua en ámbitos como o deporte, o comercio, a educación e a integración das persoas inmigrantes, e fomentar así a cohesión social e a diversidade lingüística.
Fonte: Durangoko Udala
O dicionario en liña da lingua catalá engade 87 novas entradas e 289 modificacións
O Institut d’Estudis Catalans actualizou o Diccionari de la llengua catalana (DIEC) con 87 novas entradas e 289 modificacións ou ampliacións. Entre as novidades destacan palabras como autocaravana, batucada ou pàdel, así como variantes territoriais para mellorar a representación xeográfica do catalán. Tamén se revisaron definicións como a de ecològic, engadíronse novas acepcións en termos tecnolóxicos e ampliáronse conceptos como cònjuge ou malla. A actualización busca mellorar a unidade da lingua e reflectir a súa evolución.
Fonte: Institut d'Estudis Catalans
A Universidade de Barcelona convoca un premio ás mellores teses de doutoramento en catalán
A Universidade de Barcelona convoca a cuarta edición dos Premios Antoni M. Badia i Margarit para recoñecer as mellores teses de doutoramento redactadas en catalán. Os premios inclúen catro modalidades e están dotados con 1600 euros por tese gañadora, ademais de mencións honoríficas.
Fonte: Universitat de Barcelona
Unha nova ferramenta mellorará a consulta de datos e estudos sobre o catalán e o aranés
O Departamento de Política Lingüística de Cataluña creou un buscador para consultar estudos sobre o catalán e o aranés realizados desde 2001. A ferramenta permite buscar por ano, ámbito ou palabras clave, e ofrece acceso a materiais como artigos, vídeos e notas de prensa. Ademais, mellorouse a visualización dos indicadores lingüísticos e datos do proxecto Ofercat, con ferramentas interactivas que inclúen gráficos e mapas.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Concello de Terrasa súmase á campaña «21 días. De entrada, fala en catalán»
A campaña «21 días. De entrada, fala en catalán», presentada en rolda de prensa, busca fomentar o uso inicial do catalán e combater o cambio de lingua por prexuízos. Proponse un reto de tres semanas para animar a cidadanía a empregalo en interaccións cotiás. Ademais, anunciouse que se presentarán proximamente os resultados do estudo Ofercat sobre o uso do catalán no comercio, a hostalería e os servizos, xunto cos plans de acción para 2024.
Fonte: Ajuntament de Terrassa
A Deputación Foral de Áraba destina 190 000 euros ao fomento da socialización en éuscaro
A Deputación Foral de Áraba destinará 190 000 euros a 38 concellos e 5 cuadrillas para apoiar 124 proxectos que promovan a socialización en éuscaro. As axudas abarcan actividades de lecer, deporte, cultura e xuventude, así como iniciativas nos euskaltegis, co obxectivo de fortalecer o uso e a transmisión desta lingua. Estes programas buscan crear condicións para garantir oportunidades de vivir en éuscaro en todo o territorio histórico.
Fonte: Radio Llodio
Boletín
Subscríbase ao boletín