España
O Concello de Bilbao pon en marcha un programa de actividades en éuscaro para nenas e nenos de 2 a 8 anos
O programa Ikusi eta Ikasi, dirixido a nenas e nenos de entre 2 e 8 anos, contará con 66 espectáculos en éuscaro de teatro, maxia, música, pallasos, marionetas, contacontos, ademais de obradoiros de diferentes temáticas.
Fonte: Bilbao Actual
Os concellos vascos poderán redactar só en éuscaro as súas comunicacións escritas
Os concellos do País Vasco poderán redactar unicamente en éuscaro convocatorias, ordes do día, mocións ou ditames, e remitilos deste modo tanto á Administración autonómica como á central.
Fonte: Diario Vasco
O Concello de Palma de Mallorca dedica 14 000 euros ao fomento da lingua catalá nos centros escolares
Un proxecto piloto, que se levará a cabo en cinco centros de Palma entre os meses de febreiro e maio, busca fomentar a normalización lingüística e cultural do catalán nas escolas.
Fonte: 20minutos
Xuan Bello gaña o primeiro Premio Nacional de Literatura Asturiana
Xuan Bello resultou gañador da primeira edición deste premio, que concede a Academia da Lingua Asturiana. O xurado destacou, ademais da calidade da súa traxectoria literaria, o seu papel na dignificación da lingua e a literatura asturianas.
Fonte: La Vanguardia
Ponse en marcha en Cataluña o Voluntariado pola Lingua virtual
O Voluntariado pola Lingua virtual ten como obxectivo que o programa chegue a xente que non pode acollerse a el por mor da distancia xeográfica. Deste xeito, chegará a un maior número de persoas que desexan adquirir un mellor dominio da lingua catalá a través de conversas por videoconferencia.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Unha lámina da lingua de signos catalá mostrará as principais expresións utilizadas no ámbito da saúde
A Generalitat de Cataluña editou unha lámina divulgativa da lingua de signos catalá que mostrará as principais expresións no ámbito da saúde co obxectivo de facilitar a primeira comunicación coas persoas xordas signantes.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Crean o primeiro corpus bilingüe de noticias en éuscaro e castelán
Euskal Irrati Telebista (EiTB), MondragonLingua e Vicomtech-IK4 crearon un corpus bilingüe, de máis de medio millón de frases, de noticias en éuscaro e castelán, un recurso fundamental para o desenvolvemento de sistema de tradución automática entre as dúas linguas.
Fonte: EiTB
O Goberno de Aragón organiza dous programas para a promoción do aragonés e o catalán
O Goberno de Aragón destinou 14 000 euros para a posta en marcha dos programas "Luzía Dueso" e "Jesús Moncada" dos cales se beneficiarán un total de 63 centros educativos e que servirán para realizar actividades de fomento das linguas aragonesa e catalá.
Fonte: Aragón Digital
O Estado español deberá decidir se catalán e valenciano son a mesma lingua
O avogado Joan Vall iniciou un proceso que levou a Tribunal Superior de Xustiza de Madrid a pedirlle ao Estado que decida se catalán e valenciano son ou non a mesma lingua.
Fonte: El Nacional
A Real Academia da Lingua Vasca e EiTB renovan o seu acordo de colaboración
Neste novo acordo de colaboración EiTB comprométese, entre outros aspectos, a fomentar o éuscaro batua en todos os seus medios e a darlles visibilidade aos diferentes dialectos desta lingua.
Fonte: Deia
Boletín
Subscríbase ao boletín