España
Comeza a emisión duns programas televisivos para promover o catalán e o occitano mediante a música
Xa comezou a emisión dos programas televisivos do proxecto Kastanya.cat, que busca impulsar o uso do catalán e o occitano a través da música. Os programas pódense ver en Lleida TV e na páxina web desta canle.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O asturiano será a lingua vehicular no "Día de la Reciella"
O ocio e o deporte protagonizarán o V "Día de la Reciella", que contará con máis dunha ducia de actividades co asturiano como lingua vehicular.
Fonte: Asturies.com
A Dirección Xeral de Política Lingüística de Cataluña explica o seu modelo lingüístico nunha conferencia en Córsega
O Goberno de Córsega convidou a Dirección Xeral de Política Lingüística de Cataluña a participar nas conferencias Linguimondi, onde os responsables do goberno da illa quixeron coñecer a estrutura institucional e o desenvolvemento educativo e social da lingua catalá.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Concello de Pamplona convoca axudas para a aprendizaxe do éuscaro
O Concello de Pamplona outorgará 35 000 euros en axudas para que a cidadanía aprenda lingua vasca a través de cursos presenciais, en liña e barnetegis.
Fonte: Noticias de Navarra
O Parlamento Europeo acollerá unha xornada para fomentar a lingua asturiana
No primeiro trimestre de 2018 celebrarase, no Parlamento Europeo, unha xornada para tratar a realidade e as necesidades do asturiano. Para Xosé Antón González Riaño, o presidente da Academia da Lingua asturiana, esta celebración supón "un fito máis na visualización e promoción do idioma no contexto europeo".
Fonte: La Vanguardia
Póñense en marcha cursos gratuítos de lingua catalá para persoas chegadas recentemente á illa de Eivisa
O Instituto de Estudos Eivisencos, en colaboración coa Obra Social la Caixa, organiza cursos gratuítos de lingua catalá para persoas novas chegadas recentemente á illa, que pretenden fomentar a aprendizaxe oral do catalán. Os cursos comezarán o 17 de outubro de 2017.
Fonte: Diario de Ibiza
O Concello de San Sebastián presta o seu apoio a programas para impulsar a práctica do éuscaro
O Servizo Municipal de Éuscaro do Concello de San Sebastián e a asociación Bagera renovaron o seu acordo de colaboración, que permite a práctica da lingua vasca por 25 euros dentro do programa Mintzalaguna.
Fonte: El Diario Vasco
Autorizan que pilotos e controladores poidan utilizar o castelán nas súas comunicacións
O Ministerio de Fomento comunicou que os pilotos e controladores aéreos terán autorización para empregar o castelán nas súas comunicacións "cando os escenarios operativos así o aconsellen".
Fonte: 20 minutos
O exame de éuscaro da Oferta Pública de Emprego foral realizarase en Biscaia
As persoas que se presenten á Oferta Pública de Emprego foral e que teñan que efectuar a proba de éuscaro deberán acudir a Biscaia, pois todas as administracións vascas realizan de xeito conxunto esta proba para os seus aspirantes.
Fonte: Gasteiz Hoy
O Consello de Navarra propón cambios nos baremos do decreto do éuscaro
O decreto do éuscaro superou o trámite consultivo do Consello de Navarra, que, non obstante, realizou unha suxestión de cambios parciais, sobre todo, o relacionado coa actualización das puntuacións da lingua vasca como mérito nos procesos de concurso de traslados e concurso-oposición na zona mixta e non vascofalante.
Fonte: Noticias de Navarra
Boletín
Subscríbase ao boletín