España
O Tribunal Constitucional declara que a política lingüística do Goberno de Cataluña é constitucional pero con restricións
O Tribunal Constitucional recoñeceu a constitucionalidade das catro leis impugnadas polo PP, o Goberno de España e a Defensora do Pobo, se ben manifestou que a dobre oficialidade lingüística ten que entenderse dun xeito equilibrado, sen que unha lingua sexa superior á outra.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O éuscaro adquiriu máis de 220 000 falantes nos últimos 25 anos
Segundo a VI Enquisa Sociolingüística, o éuscaro adquiriu 223 000 falantes desde o ano 1991 en todo o territorio desta lingua (País Vasco, Navarra e País Vasco francés). Para chegar a estes resultados, a enquisa analizou catro aspectos: o uso, a competencia lingüística, a transmisión lingüística e a actitude respecto á promoción da lingua.
Fonte: EiTB
A marca catalá Cuinara, de comida saudable, obtén o Recoñecemento á Calidade Lingüística Empresarial
A marca catalá de comida saudable Cuinara obtivo o Recoñecemento á Calidade Lingüística Empresarial. Esta marca pertence ao grupo de entidades de economía social Àuria, que conta cunhas 700 persoas traballadoras.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A agrupación berbalagun de Bakio comeza unha campaña para fomentar o uso do éuscaro durante o verán
A agrupación berbalagun do Concello de Bakio impulsou unha campaña para promover o uso do éuscaro durante o verán. Esta iniciativa, denominada "Faite Berbalagun en verán!", tamén busca captar novos membros para o grupo.
Fonte: El Correo
A Consellería de Cultura das Illas Baleares aumenta a oferta de obradoiros e cursos de catalán para o verán
A Consellería de Cultura, Participación e Deportes aumentou a oferta de obradoiros e cursos de lingua catalá para este verán, de xeito que o número de alumnos e alumnas medrou de 234 a 543 no mes de xullo. Estes cursos buscan mellorar as competencias en catalán que ofrece a Consellería, a través do Instituto de Estudos Baleáricos.
Fonte: 20minutos
O Goberno de Cataluña organiza un curso de formación para profesorado de catalán de América do Sur
Dentro do Plan de fomento da aprendizaxe da lingua catalá no exterior, que desenvolven a Secretaría de Asuntos Exteriores e da Unión Europea do Departamento de Asuntos Exteriores, Relacións Institucionais e Transparencia e a Dirección Xeral de Política Lingüística do Departamento de Cultura, celebrarase, no Centro Catalán de Rosario (Arxentina), un novo curso de formación para o profesorado de lingua catalá do Cono Sur.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Esquerda Unida formula unha reforma da Lei de Uso do asturiano como un dos tres eixos da súa proposta a Podemos
Esquerda Unida de Asturias realizou unha proposta a Podemos para reformar a Lei de Uso do asturiano. Esta iniciativa encádrase nun dos tres eixos principais da confluencia parlamentaria que Esquerda Unida de Asturias propón a Podemos, en concreto, no de defensa da lingua.
Fonte: Asturies.com
A directora de Política Lingüística de Cataluña salienta as liñas de actuación da política lingüística catalá
Celebrouse a V Xornada Lingua e Sociedade nos Territorios de Fala Catalá, na que participou a directora de Política Lingüística de Cataluña, Ester Franquesa, quen indicou cales son as catro liñas de actuación da política lingüística catalá para os vindeiros anos: coñecemento, cohesión, consumo e cooperación.
Fonte: Generalitat de Catalunya
O Goberno de Aragón promove a lingua aragonesa entre os seus empregados públicos
O Goberno de Aragón estableceu un plan de formación lingüística para promover o coñecemento da lingua aragonesa entre os seus empregados públicos. Deste xeito, o Goberno convocou 65 prazas para un curso titulado "Cultura e lingua aragonesa", que está dirixido a funcionariado de toda a Administración da Comunidade Autónoma.
Fonte: ABC
O Goberno Vasco concede 400 000 euros para incluír o éuscaro en medios editados en castelán
O Goberno do País Vasco concederá 400 000 euros para aumentar o uso do éuscaro nos medios de comunicación editados maioritariamente en lingua castelá. Do mesmo xeito, estas axudas tamén van dirixidas a periódicos dixitais e axencias que publican información en éuscaro na Internet.
Fonte: ABC
Boletín
Subscríbase ao boletín