España
Apoian a solicitude da Academia da Lingua Asturiana para que o asturiano teña maior presenza na televisión pública
Esquerda Unida de Asturias apoiou a solicitude realizada pola Academia da Lingua Asturiana para que o asturiano teña unha maior presenza na Radiotelevisión do Principado.
Fonte: Asturies.com
O programa de sensibilización do Voluntariado pola Lingua de Cataluña serve de modelo para o Goberno de Gales
Tras varias reunións con representantes do Consorcio pola Normalización Lingüística de Cataluña para coñecer o programa do Voluntariado pola Lingua, o Goberno de Gales empregará unha estratexia semellante para a planificación do seu programa "Gales 2050: 1 millón de falantes de galés", que busca aumentar o número de falantes deste idioma.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Consellería de Cultura das illas Baleares publica novas axudas para promover o catalán na prensa
A Consellería de Cultura, Participación e Deportes das illas Baleares publicou novas axudas para promover o catalán na prensa local e especializada, que contribuirán a reforzar o espazo de comunicación que se expresa en lingua catalá.
Fonte: La Vanguardia
A Deputación de Valencia impulsa o Plan de normalización lingüística en dez novas localidades
A Unidade de Normalización Lingüística da Deputación de Valencia comezará, para promover o uso da lingua valenciana, o Plan de normalización lingüística en dez novas localidades que non contan con persoal técnico no eido lingüístico.
Fonte: Valencia Extra
A Concellería de Política Lingüística de Paterna ofrecerá cursos de valenciano para traballadores municipais
A Concellería de Política Lingüística de Paterna ofrecerá cursos de lingua valenciana para as persoas traballadoras do consistorio co obxectivo de fomentar o seu uso no concello.
Fonte: Paterna Ahora
Convócanse novos cursos de Éuscaro Plus na comarca de Tolosaldea
A asociación Banaiz Bagara convocou novos cursos de Éuscaro Plus na comarca de Tolosaldea para adquirir competencias lingüísticas os sectores da hostalería, comercio, coidado de persoas maiores e industria. Os cursos son de balde e permitirán aprender vocabulario útil para a vida laboral.
Fonte: El Diario Vasco
Rexeitan a suspensión cautelar da esixencia da competencia en valenciano ao profesorado interino
O Xulgado do Contencioso Administrativo n.º 8 de Valencia rexeitou a suspensión cautelar da Consellería de Educación que lle demanda ao profesorado interino ser competente en lingua valenciana para participar na convocatoria de prazas. Deste xeito, para poder acceder ás bolsas de traballo, será necesario demostrar a capacidade para impartir clase en valenciano.
Fonte: Levante-EMV
O Goberno do País Vasco incrementa as subvencións para os euskaltegis privados
O Goberno do País Vasco, a través do Instituto para a Alfabetización e Reeuskaldunización de Adultos, dedicará 19,5 millóns de euros para subvencionar aos euskaltegis privados no vindeiro curso, o que constitúe un 6 % máis que no ano anterior.
Fonte: ABC
Dous novos municipios súmanse ao Plan de normalización lingüística da Deputación de Valencia
As localidades de Canet d'En Berenguer e Estivella uníronse ao Plan de normalización lingüística da Deputación de Valencia. Estes concellos solicitaron participar no programa 2017, que está orientado aos municipios que non teñen oficina de promoción da lingua valenciana e que nunca recibiron este tipo de axuda lingüística.
Fonte: Levante-EMV
A Fundación Didáctica Cataluña reforza a inmersión lingüística durante o verán en Mataró
Ao redor duns setenta alumnos chegados recentemente a dúas escolas de Mataró acoden durante este verán a clases de reforzo de lingua catalá e lingua castelá, grazas á Fundación Didáctica Cataluña. O propósito das clases é facilitar a integración do alumnado e que non esquezan os conceptos aprendidos durante o curso escolar.
Fonte: El Periódico
Boletín
Subscríbase ao boletín