España
Filólogos asturianos desenvolven o primeiro atlas lingüístico que estuda a fronteira entre dous idiomas
Filólogos de Asturias realizaron importantes modificacións no 'Estudiu da Transición Llingüística na Zona Eo-Navia, Asturies (ETLEN)', o primeiro atlas lingüístico do mundo que estuda a fronteira entre dous idiomas. En concreto, o estudo pretende analizar o conxunto de linguas do Navia-Eo, que marcan a fronteira entre os dominios do galegoportugués e do asturleonés.
Fonte: Galicia Hoxe
A Comunidade Valenciana e a Corporación Valenciana de Medios de Comunicación colaborarán na normalización lingüística
A Consellería de Educación e a Corporación Valenciana de Medios de Comunicación asinaron un acordo para coordinar accións en diversas materias, como a educación, a cultura, a investigación e a normalización lingüística. En relación a esta última, o acordo contribuirá a fomentar a aprendizaxe da lingua valenciana.
Fonte: La Vanguardia
Créase un sistema de indicadores para coñecer a "saúde" da lingua vasca
Unha nova ferramenta chamada Sistema de Indicadores do Éuscaro (EAS) ofrecerá información continua sobre a "saúde" do éuscaro en diversos ámbitos das zonas vascófonas. Con este proxecto preténdese dar a coñecer a situación e evolución do idioma, para saber cal é a difusión da lingua nos diferentes eidos sociais.
Fonte: eitb.eus
O Concello de Vila-real e a Academia Valenciana da Lingua colaborarán para fomentar o valenciano
O Concello de Vila-real e a Academia Valenciana da Lingua seguirán a colaborar no impulso da lingua valenciana, pois veñen de asinar un convenio no que se recollen varias áreas de actuación e actividades para promover o idioma na cidade.
Fonte: La Plana al Dia
O Consello de Mallorca destinará máis dun millón de euros á política lingüística no ano 2018
O Consello de Mallorca dedicará 1,2 millóns de euros á política lingüística no ano 2018 para impulsar a normalización da lingua. O orzamento destinarase ao pagamento das axudas pendentes de 2008, á organización do Ano Llompart e á recuperación da liña de subvencións aos rótulos en catalán.
Fonte: UltimaHora.es
O Goberno Vasco impulsa a Wikipedia en éuscaro para que aumente a presenza desta lingua no eido dixital
O Goberno do País Vasco comprometeuse a fomentar a integración de contidos e ferramentas dixitais na rede. En concreto, pretende impulsar a Wikipedia en lingua vasca, promover licenzas libres nos contidos creados en éuscaro, apoiar os videoxogos neste idioma e difundir os dominios '.eus'.
Fonte: El Confidencial
O Goberno do País Vasco concederá bolsas para investigar no ámbito da euscaldunización de adultos
O Goberno do País Vasco aprobou unha partida de 66 800 euros para formar, mediante a convocatoria de bolsas, a dous investigadores no eido da euscaldunización de persoas adultas. O propósito desta iniciativa é ofrecer formación de expertos en metodoloxía para o ensino aplicado da lingua vasca.
Fonte: La Vanguardia
O Departamento de Cultura de Cataluña convoca uns premios de curtametraxes en lingua catalá e occitana
A Dirección Xeral de Política Lingüística do Departamento de Cultura de Cataluña convocou unha nova edición dos "Premis Llanterna Digital" que buscan impulsar o uso da lingua catalá e occitana mediante a elaboración de curtametraxes sobre a lingua. O prazo para a presentación das obras está aberto ata o 30 de abril de 2018.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Publícase un glosario de prevención de riscos laborais e de mutuas en lingua catalá
O Servizo Lingüístico da Unión Xeral de Traballadores editou o "Glosario de mutuas" e o "Glosario básico de prevención de riscos laborais para os delegados e delegadas de prevención". Ambos se basean na colección "A prevención a man" que ofrece diversas ferramentas no eido da saúde laboral.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Real Academia da Lingua Vasca eliminará os termos sexistas do seu dicionario
Os académicos da Real Academia da Lingua Vasca reuniranse en xaneiro de 2018 para pronunciarse sobre a proposta de adaptar 450 termos do seu dicionario a unha concepción da sociedade menos sexista.
Fonte: Cadena SER
Boletín
Subscríbase ao boletín