Galicia
Unha gala pon fin á campaña «Falemos + Galego» organizada por trece centros de ensino da Costa da Morte
Finaliza cunha gala conducida por Maria Lado e Xurxo Souto a primeira edición da campaña «Falemos + Galego», unha iniciativa impulsada por 13 centros de ensino da Costa da Morte.
Fonte: Que Pasa na Costa
Alumnado do instituto Castro Alobre pon en marcha unha campaña para impulsar o uso do galego nos comercios de Vilagarcía
«Implicados co galego» é o lema da campaña que cada curso desenvolve este centro cun dobre obxectivo: o impulso do uso do galego e o apoio ao pequeno comercio. Para iso, distribuirán seis modelos de bolsas da compra entre os establecementos comerciais da cidade.
Fonte: La Voz de Galicia
Un proxecto da Universidade de Vigo trata o ensino do galego cunha metodoloxía baseada no movemento
A metodoloxía Total Physical Response (TPR) demostrou ser eficaz para aprender vocabulario dunha segunda lingua mediante respostas físicas a ordes orais. A pesar de estar recoñecida desde 2008 para o ensino do inglés, en Galicia, a maioría dos profesores descoñécena. Un proxecto da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte busca familiarizar o alumnado con esta metodoloxía e crear unha guía para aplicala, centrada no ensino do galego en infantil e primaria.
Fonte: Universidade de Vigo
Valentín García chama a afondar na toponimia das cantigas co novo proxecto do Centro Ramón Piñeiro

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación de Canticar, un recurso creado por investigadores do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades que cartografía a lírica profana galego-portuguesa, ao materializar de forma gráfica os topónimos recollidos nestes textos.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O alumnado galego que estude portugués no seu centro educativo poderá acreditar o seu nivel lingüístico de xeito gratuíto

O alumnado que estude portugués como primeira ou segunda lingua estranxeira nos centros educativos galegos poderá acreditar de xeito gratuíto o seu nivel lingüístico a partir do vindeiro curso, a través do Instituto Camões.
Fonte: Xunta de Galicia
A Xunta concede axudas por valor de 350 000 euros para o fomento do galego nos centros educativos públicos
O DOG publicou a resolución coa listaxe dos 858 centros educativos de titularidade pública que resultaron beneficiarios desta liña de subvencións para proxectos de fomento do galego.
Fonte: Galicia Confidencial
A Xunta de Galicia convoca axudas para a edición de audiolibros en galego

A Xunta de Galicia colabora con 14 proxectos editoriais para promover o acceso universal á lectura e á creación literaria a través de subvencións para a edición de audiolibros en galego. A iniciativa financiará a creación de 14 audiolibros con achegas de ata 5000 euros por proxecto.
Fonte: Galicia Confidencial
Valentín García participa na XV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega
O Salón do Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, acolleu a reunión da XV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega (IXUGA), un evento no que se conmemorou o traballo profesional realizado nos últimos anos por un grupo de avogados e historiadores, dirixido á reivindicación do patrimonio histórico galego que foi dar ás mans da familia Franco.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O Centro Ramón Piñeiro presenta a nova versión do Corpus de Referencia do Galego, que permite recoñecer formas con seseo

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación da versión 4.1 do Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA), unha ferramenta lingüística en liña desenvolvida polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e representativa do uso lingüístico do galego actual.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Xunta e a Fundación Repsol fomentan a literatura galega coa XVIII edición do Premio Narrativa Breve
A Xunta de Galicia e a Fundación Repsol veñen de poñer en marcha unha nova edición do Premio Narrativa Breve en lingua galega. A que será a décimo oitava edición deste galardón ponse en marcha tras a reunión mantida entre o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a xerente de Relacións Institucionais de Fundación Repsol, Mercedes Gómez.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
Boletín
Subscríbase ao boletín