Galicia

O galego mellora trece posicións na clasificación das linguas con máis peso no mundo que elabora o Ministerio de Cultura francés

A última edición do Barómetro das Linguas do Mundo sitúa o galego no posto 37 entre os 634 idiomas con máis peso. Isto supón un ascenso de trece posicións con respecto ao anterior informe do 2017, cando ocupaba o lugar 50.

Fonte: La Voz de Galicia

Un ano máis o festival Carballo Interplay reivindicará a cultura dixital en galego

O festival Carballo Interplay, que se desenvolverá entre o 29 de marzo e o 1 de abril, chega á súa décima edición na que, un ano máis, se reivindicará a creación de contidos dixitais en galego, tanto nas redes sociais como no campo audiovisual ou no podcast.

Fonte: Quincemil

A Xunta convoca as probas para obter os certificados Celga nos seus catro niveis

A Xunta de Galicia publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para inscribirse nas probas que permiten obter os certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4. O prazo para presentar as solicitudes, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, comeza o martes 7 de marzo e remata o día 27 do mesmo mes.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

A Xunta e Galaxia conmemoran o 19º cabodano de Luísa Villalta cunha recompilación da súa obra poética

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación do volume Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004), editado por Armando Requeixo desde o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e publicado por Galaxia co gallo do 19º cabodano da poeta Luísa Villalta.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Convócase unha nova edición do premio ‘Ponteareas, lingua e empresa’ para impulsar o uso do galego na actividade económica

O Concello de Ponteareas convoca unha nova edición deste galardón que ten como obxectivo fomentar o emprego do galego na actividade económica da vila, así como nas relacións laborais, comerciais e empresariais, e recoñecer publicamente a contribución realizada por este sector ao incremento do seu uso.

Fonte:  Concello de Ponteareas

O Concello de Ames presenta unha nova edición dos seus obradoiros de acollemento lingüístico

Os obradoiros de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!” teñen como obxectivo aproximar a poboación local á lingua e á cultura galegas, así como favorecer a integración das persoas procedentes de fóra de Galicia.

Fonte: Concello de Ames

O Barómetro de Hábitos de Lectura constata a tendencia á baixa na lectura de libros en galego

Unha das conclusións que pode extraerse do Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros en España 2022 é que este hábito da lectura aumenta, pero non en galego. A lectura en castelán representa a elección do 96 % da poboación enquisada en Galicia, fronte a un 3,4 % que prefire ler en galego.

Fonte: Culturagalega.org

A Deputación da Coruña convoca unha nova edición do Premio Rosalía de Castro de lingua

Este galardón, que chega á súa 14.ª edición, recoñece iniciativas, traballos recentes, traxectorias de persoas, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e a dignificación social do patrimonio lingüístico galego.

Fonte: Deputación da Coruña

A Real Academia Galega e o Concello de Ames organizan unha experiencia singular de inmersión lingüística para o alumnado

Arredor de 3000 nenos e nenas de infantil e primaria no municipio de Ames participan nun proxecto de inmersión lingüística que comezou coa sinatura do Acordo de compromiso lingüístico co que aceptan empregar o galego durante todo o día.

Fonte: Concello de Ames

Os XVIII Premios á Calidade Lingüística recoñecen os mellores traballos universitarios en galego

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, participaron no acto de entrega dos XVIII Premios á Calidade Lingüística, uns galardóns promovidos pola USC co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades co fin de impulsar o uso da lingua galega ligado á calidade formal na elaboración e na defensa oral dos traballos desenvolvidos polo alumnado da universidade compostelá.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder