Galicia
A Mesa pola Normalización Lingüística organiza unha protesta co cancelo #OGalegoNonMata para a defensa do galego no ensino
A Mesa pola Normalización Lingüística creou o cancelo #OGalegoNonMata, que se converteu en tendencia, en resposta a unhas palabras do presidente da Xunta nas que criticaba o Goberno español por apoiar o uso das linguas cooficiais como vehiculares no ensino.
Fonte: Galicia Press
A gala do libro galego 2020 celebra a súa quinta edición en formato virtual co apoio da Xunta

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, participou na presentación pública da Gala do Libro Galego 2020 que este ano celebra a súa quinta edición e que terá un formato virtual. Será conducida por Quico Cadaval e difundirase o vindeiro sábado 21 de novembro, ás 12.00, desde a canle de YouTube da Gala.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O Concello de Ames organiza GaleTiktokers, un certame para impulsar a creatividade en galego entre a mocidade

Ames pon en marcha un novo certame que ten como obxectivo estimular a creatividade en galego entre a mocidade, animar a creación de vídeos nesta lingua con novos formatos e temáticas e darlle visibilidade á comunidade de tiktokers de Galicia.
Fonte: Concello de Ames
Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela organiza un obradoiro de lingua e cultura galegas
Este obradoiro grupal de lingua e cultura galegas ten como obxectivo apoiar a inclusión sociolaboral da poboación inmigrante e axudar á súa inserción no mercado laboral. Terá unha duración de 20 horas e seguirá as unidades básicas do Celga 1.
Fonte: Cáritas
Unha tese de doutoramento analiza como a lectura da prensa en galego resulta dependente e complementaria da española
Segundo a tese de doutoramento A ideoloxía na para/tradución e nos transvases de información: análise da situación da prensa en galego, da investigadora da Universidade de Vigo Silvia Duarte, ata 2020 que apareceu Nós Diario, a lectura de prensa nesta lingua era dependente e complementaria da española, xa que, fronte ao lector desta última, que tiña unha visión global do que acontece no mundo, o da galega adquiría unha visión localista, rexionalista e centralista.
Fonte: Universidade de Vigo
O primeiro anuncio en galego da historia fai 144 anos
O 5 de novembro de 1876 o semanario O Tío Marcos d'a Portela publicou unha folla promocional de máquinas de coser Singer en galego. Foi a primeira vez que se usou esta lingua para un anuncio publicitario.
Fonte: Galicia Confidencial
A edición en linguas minorizadas centra o Simposio “O libro e a lectura”

A edición en linguas minorizadas centra a XVII edición do Simposio “O libro e a lectura”, organizado pola Asociación Galega de Editoras (AGE), que este ano non contará con asistencia presencial, pero que se poderá seguir pola canle de Youtube da AGE.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A Universidade de Vigo celebra unha xornada que analiza as opcións laborais no sector da tradución e a interpretación en Galicia
Nunha mesa redonda, organizada pola Facultade de Filoloxía e Tradución, tratáronse as oportunidades laborais deste campo en Galicia, máis alá da tradución literaria. Así mesmo, abordáronse as posibilidades que proporciona o galego, unha lingua que abre moitas portas nun mercado global de tradución e interpretación.
Fonte: Universidade de Vigo
A Universidade de Santiago dá a coñecer o alumnado galardoado cos Premios á Calidade Lingüística para TFG e TFM
Estes galardóns, impulsados polo Servizo de Normalización Lingüística, buscan fomentar entre o alumnado a cultura da calidade ligada ao uso do galego. Conta con dúas modalidades, Traballos Fin de Grao (TFG), cuxos gañadores recibirán 300 euros e diploma acreditativo, e Fin de Mestrado (TFM), 500 euros e diploma.
A Xunta de Galicia convoca oito bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

A Xunta de Galicia publica a convocatoria de oito bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas dos centros de estudos galegos de universidades de Barcelona, Estremadura, Granada, Madrid, Lisboa, Padua, Río de Xaneiro e São Paulo.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Boletín
Subscríbase ao boletín