Galicia

O Banco Sabadell descúlpase despois dunha denuncia por responder en inglés unha consulta feita en galego

A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou que o Banco Sabadell respondera en inglés unha consulta feita en galego. Isto provocou que a entidade bancaria rectificase e pedise desculpas  a través da súa conta de Twitter.

Fonte: Sermos Galiza

A Deputación de Pontevedra destina unha liña de axudas a apoiar os festivais da provincia que utilizan a lingua galega

A Deputación de Pontevedra vai repartir 150 000 euros entre dous festivais de artes escénicas e doce de música ao abeiro dunha liña de axudas que esta institución creou en 2017 para apoiar e promover os festivais consolidados na provincia que utilicen o galego de xeito prioritario.

Fonte: Culturagalega.org

Un proxecto sobre a diversidade lingüística, cultural e histórica de Galicia gaña a cuarta edición da Bolsa Nacho Mirás

O xurado da cuarta edición da bolsa Nacho Mirás para novos titulados decidiu premiar o proxecto Entrelinguas.gal, unha serie de reportaxes multimedia sobre a diversidade lingüística, cultural e histórica dos concellos galegos de Entrimo, Negueira de Muñiz, Moeche, Corcubión, Laxe, A Mezquita, Oia, Cervantes, Fornelos de Montes, Portomarín, As Nogais, Riós e Baleira.

Fonte: Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

O 21 % das clases na Universidade de Santiago impartiuse en galego durante o curso 2018-2019

Segundo os datos proporcionados pola Universidade de Santiago, durante o curso 2018-2019 o galego empregouse no 21 % das clases, o que supón un lixeiro aumento con respecto ao curso anterior, que era do 19,75 %, pero que se atopa aínda lonxe das cifras do castelán, que supera o 75 %.

Fonte: Praza Pública

A Universidade de Vigo publica o maior dicionario plurilingüe do galego en aplicación móbil para Android

O Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo publicou en Google Play Galnet, o maior dicionario plurilingüe do galego. Trátase dunha aplicación que conta con traducións e sinónimos para dez linguas: galego, portugués, catalán, éuscaro, español, inglés, alemán, latín, italiano e chinés.

Fonte: Universidade de Vigo

A Coruña acollerá unha xornada do proxecto Youtubeir@s, o certame de fomento do galego en Youtube

O certame Youtubeir@s, destinado a encher YouTube de vídeos en galego, ten este mes de xuño dúas grandes citas. Unha delas será o 8 de xuño na Coruña co obxectivo de xerar un espazo para reflexionar sobre o panorama creativo nesta plataforma dende varios ámbitos.

Fonte: Código Cero

Os Equipos de Dinamización da Lingua Galega da Estrada conmemoran a súa Festa das Palabras

O colectivo Dinamizaestrada, que aglutina os Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros de ensino da Estrada, entregou os 61 galardóns do VI Concurso de Micropoemas e Microrrelatos no marco da súa Festa das Palabras.

Fonte: Faro de Vigo

Preséntase en Ames a web #galegoempresas para darlles visibilidade aos negocios que ofrecen produtos ou servizos en galego

Ames acolle a presentación de #galegoempresas, unha plataforma web gratuíta impulsada polos concellos de Santiago de Compostela, Teo e Ames para darlles maior visibilidade ás empresas ou negocios da contorna que ofrezan produtos ou servizos en galego.

Fonte: Concello de Ames

Persoal investigador do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña bate o récord mundial en procesamento dun analizador sintáctico

Un equipo investigador do Grupo de Lingua e Sociedade da Información do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña bateu o récord mundial de precisión e velocidade de procesamento dun analizador sintáctico.

Fonte: Código Cero

Valentín García participa en Pontevedra na XII Asemblea da Irmandade Xurídica Galega

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou nos actos da XII Asemblea da Irmandade Xurídica Galega.

Fonte: O Portal da Lingua Galega

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder