Galicia
Os centros de ensino privados poden solicitar ata o 5 de febreiro as axudas para proxectos de potenciación do galego
A Secretaría Xeral de Política Lingüística destina 84.500 euros a financiar as actividades dos equipos de normalización e dinamización lingüística destes centros de ensino regrado non universitario
A contía máxima das subvencións por cada proxecto ascende a 2.500 euros, e os criterios establecidos para a fixación das axudas son fundamentalmente o número de alumnos do centro e a calidade da proposta presentada
A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou as axudas para o financiamento de proxectos de fomento do uso do galego por parte dos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino privados de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso académico 2008-2009. A resolución na que se recollen todos os datos relativos a esta convocatoria publicouse no Diario Oficial de Galicia o pasado 5 de xaneiro. O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 5 de febreiro, inclusive.
Política Lingüística destina 84.500 euros ao financiamento destas iniciativas de promoción do uso do galego no ensino e a contía máxima que se outorgará por proxecto é de 2.500 euros. Para optar a estas axudas, os centros deberán cumprir unha serie de requisitos, como ter formalmente constituído o equipo de normalización e dinamización lingüística ou presentar proxectos que estean incluídos na programación anual de actividades aprobadas polos centros, entre outros.
Criterios de cualificación
Para a concesión das axudas teranse en conta fundamentalmente a calidade do proxecto e o número de estudantes do centro. A calidade do proxecto terá un peso do 80% e quedaran desestimadas aquelas solicitudes que non reúnan un mínimo de 6 puntos nesta epígrafe. A calidade será puntuada de 0 a 24 puntos, en función de criterios como a implicación activa dos membros da comunidade educativa no proxecto, a orixinalidade nas propostas, a potenciación das competencias lingüísticas activas sobre as pasivas, o emprego das novas tecnoloxías, a colaboración con outras institucións ou entidades externas ao centro no fomento da lingua galega e a realización de actividades plurianuais, entre outros aspectos.
O número de estudantes terá un peso do 20%. Concederáselle a cada centro 0,30 puntos por cada 50 estudantes, ata un máximo de 6 puntos.
Límites
O financiamento máximo que se outorgará para cada proxecto terá os seguintes límites: 2.500 euros para os centros con máis de 50 alumnos e máis de 20 puntos na calidade do proxecto, 600 euros para os centros que conten con entre 25 e 50 estudantes e 400 para os centros con menos de 25 alumnos. Esta contía en ningún caso poderá exceder o custo total do proxecto.
As solicitudes dirixiranse aos gabinetes provinciais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ás delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ou aos rexistros oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. Para a análise e cualificación dos proxectos constituirase en cada gabinete provincial de Política Lingüística unha comisión.
Fonte: Xunta de Galicia
Un xulgado coruñés avala que os funcionarios da Xunta deban coñecer o idioma
Mediante unha sentenza ditada o pasado luns, o xulgado do contencioso-administrativo número tres da Coruña botou por terra o recurso da Asociación Gallega para la Libertad de Idioma (AGLI), contra o proceso selectivo, pola quenda de promoción interna, de funcionarios do corpo administrativo da Xunta e que, en virtude da orde ditada pola Consellería de Presidencia, inclúe un exame que, obrigatoriamente, se debe superar en lingua galega.
Fonte: Xornal.com
A maioría dos votantes en Galicia cre que o galego está en inferioridade de condicións con respecto ao castelán
A enquisa elaborada por Quadernas Consultoría para Xornal de Galicia no marco da precampaña do 1-M revela que a maior parte dos electores observan o galego nunha posición de "inferioridade en relación ao castelán", cun 42,2 por cento, ou que ambas as linguas gozan, na actualidade, dunha "igualdade de condicións", segundo o 41,5. Apenas un 11 por cento dos enquisados avala as posicións dos grupos que consideran que o castelán estea prexudicado.
Fonte: Xornal.com
As escolas oficiais de idiomas das cidades galegas impartirán a partir de febreiro cursos preparatorios para o Celga
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocan cursos preparatorios ás probas para acadar os certificados de lingua galega (Celga), que se realizarán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia este ano. Estas actividades de formación impartiranse en dúas quendas: a primeira comezará en febreiro e a segunda en outubro. A orde na que se recollen os datos relativos a esta convocatoria fíxose pública o día 22 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia.
Fonte: Xunta de Galicia
Feijóo implantará o bilingüismo nas comunicacións da Xunta ao cidadán
Notificacións da Administración aos cidadáns, letreiros institucionais ou o consentimento informado. Todo estará en galego e en castelán se o candidato do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, logra chegar á presidencia da Xunta.
Fonte: El Correo Gallego
O Concello de Ames pon en marcha a campaña "Calidade en Galego"
O Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Promoción Económica do Concello de Ames están a organizar, coa colaboración das asociacións de comerciantes e de empresarios, a campaña Calidade en Galego, co ánimo de dinamizar os usos lingüísticos no ámbito do pequeno comercio do concello.
Fonte: CTNL
A Xunta de Galicia facilita o voto para persoas con discapacidade visual a través do voto en braille
As eleccións ao Parlamento de Galicia 2009 permiten, por primeira vez nunhas eleccións autonómicas, o voto accesible para persoas con discapacidade visual a través do uso de papeletas e sobre con información en braille. Este procedemento púxose en práctica por primeira vez nas Eleccións Xerais de 2008 e nas andaluzas, cuxo procedemento foi en ambos os casos organizado polo Estado ao celebrarse simultaneamente.
Fonte: Xunta de Galicia
O prazo de inscrición nos cursos preparatorios do Celga da primeira quenda do ano remata o vindeiro 30 de xaneiro
O vindeiro 30 de xaneiro remata o prazo de inscrición na primeira quenda de cursos preparatorios para a obtención do Certificado de Lingua Galega (Celga). Estes cursos realizaranse entre os meses de marzo e xuño en 20 localidades galegas. A programación directa deseñada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística prevé a realización de 50 cursos que comezarán o vindeiro 9 de marzo.
Fonte: Xunta de Galicia
Política Lingüística financia o Dicionario xurídico galego que vai elaborar un equipo de lingüistas e profesionais da Xustiza

A Xunta de Galicia achega 110.000 euros para financiar os traballos de redacción desta nova publicación, ademais de prestarlles aos seus autores apoio técnico en materia de aspectos lingüísticos e terminolóxicos. O dicionario constará dun mínimo de 2000 entradas e da súa elaboración encargarase un equipo de traballo integrado por xuristas especializados nos diferentes ámbitos do dereito e por lingüistas expertos en lexicografía e terminoloxía.
Fonte: Xunta de Galicia
O Concello da Coruña defende a campaña que leva a cabo coa Mesa pola Normalización Lingüística
A concelleira de Xuventude, Solidariedade e Normalización Lingüística, Ermitas Valencia, defendeu a campaña que o Concello da Coruña promove xunto coa Mesa pola Normalización Lingüística para fomentar o uso do galego entre os funcionarios municipais.
Fonte: La Opinión
Boletín
Subscríbase ao boletín