Galicia
O presidente da Real Academia Galega quere potenciar o uso do galego fóra da escola
O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Ramón Barreiro Fernández, avogou por aplicar a Lei de normalización lingüística de Galicia, que considera que non foi executada ata o momento, e por potenciar que os alumnos, que na actualidade teñen maiores competencias en galego, utilicen esta lingua unha vez saen de clase.
Fonte: Xornal.com
Galicia Bilingüe entrega 100.000 sinaturas pola liberdade lingüística
A asociación Galicia Bilingüe entregou no Rexistro Xeral da Xunta un total de 102.330 sinaturas recollidas pola agrupación a pé de rúa en apoio ás súas peticións, que pasan polo dereito dos cidadáns a elixir a lingua que utilizan e dos pais a escoller o idioma do ensino dos seus fillos.
Fonte: A Nosa Terra
Un documental recolle o traballo de normalización lingüística do Concello de Burela
A partir do traballo de planificación do IES Pedrouro, e partindo dunhas xa elevadas taxas de emprego do noso idioma, o Concello de Burela desenvolveu co apoio de todos os grupos políticos o Modelo Burela de convivencia lingüística. Agora, un documental amósanos a realidade deste lugar.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Nace unha web que recolle as novidades dos equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL)
O ENDL do CPI Aurelio M. Rei García de Cuntis vén de lanzar o Planeta de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, unha páxina que recolle as novidades relacionadas cos ENDL e a lingua.
Fonte: CTNL
Galicia sitúase á cabeza de España e Europa no número de seccións bilingües en centros de ensino
A conselleira de Educación sinalou que na Comunidade galega se desenvolven este curso 665 seccións bilingües en 190 centros, o que supón o dobre que o curso pasado.
Fonte: Xunta de Galicia
Desenvólvense novas accións de dinamización lingüística no concello de Marín
O Concello de Marín puxo en marcha no último trimestre de 2008 unha campaña de dinamización e normalización lingüística no municipio. Durante o primeiro trimestre de 2009 desenvolverase a segunda parte con accións de formación para os dous ámbitos principais, a administración e o comercio, e con novas accións de dinamización para toda a sociedade marinense.
Fonte: CTNL
O Concello de Marín envía «Garbanciño» aos nenos de tres anos para promover o uso do galego
Os 257 nenos de tres anos que figuran no padrón de Marín recibirán nos próximos días un exemplar do libro Garbanciño, co obxectivo de motivalos a que lean e falen o galego.
Fonte: La Voz de Galicia
O 2 de marzo comeza a circular en Vigo o Tren da Lingua

Caixanova organiza por noveno ano consecutivo o Tren Caixanova, unha iniciativa que ten por obxectivo a promoción do uso do galego entre os escolares e a utilización do transporte público ferroviario.
Fonte: Galicia Hoxe
Catorce vilas galegas acollerán durante esta primavera unha nova xeira dos Encontros dos Axóuxeres
Catorce vilas galegas acollerán a partir de marzo unha nova xeira dos Encontros dos Axóuxeres. Marín, Monforte de Lemos, Allariz, Porto do Son, Ribeira, Boiro, A Illa de Arousa, Cangas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Outes, A Estrada, Poio e Teo son os lugares elixidos para a realización destas sesións organizadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que teñen como principal obxectivo fomentar a transmisión do galego como lingua de uso habitual na familia.
Fonte: Xunta de Galicia
O Concello da Coruña convoca o I Torneo de Debate “Torrelingua”
A Concellería de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña convoca o I Torneo de Debate “Torrelingua”, que ten por obxecto difundir o galego entre os mozos e mozas.
Fonte: CTNL
Boletín
Subscríbase ao boletín