Galicia

A asociación universitaria Trabalingua organiza tándems de conversa para dar a coñecer o galego entre o estudantado estranxeiro

A asociación de estudantes Trabalingua da Universidade de Vigo decidiu poñer en marcha "Falamos?", unha campaña para organizar tándems de conversa entre alumnado galego e estranxeiro de modo que todos poidan ampliar os seus coñecementos doutro idioma. A finalidade é difundir a lingua galega no exterior e facela máis visible a nivel internacional.

Fonte: Universidade de Vigo

Un obradoiro ensinará a facer curtametraxes en galego

Entre o 31 de xaneiro e o 2 de marzo desenvolverase o primeiro Obradoiro de Iniciación á Curtametraxe en Galego, un seminario organizado polo Concello da Coruña e a Escola Oficial de Idiomas desta localidade.

Fonte: Culturagalega.org

Radio Burela dedica o programa Proxecto Neo ao protagonismo dos neofalantes

Como resultado da colaboración entre a Área de Innovación Educativa do IES Perdouro e Radio Burela, todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde a emisora de radiofusión transmite Proxecto Neo, un programa que centra o protagonismo nas persoas neofalantes en galego.

Fonte: Crónica 3

A plataforma Weemba.es traduce ao galego un vídeo que indica como solicitar un préstamo en internet

A plataforma Weemba.es, responsable dunha ferramenta virtual que permite poñer en contacto a particulares e empresas demandantes de financiamento coas entidades financeiras que operan en España, vén de traducir ao galego o vídeo que explica como solicitar un préstamo en internet de xeito rápido e seguro.

Fonte: Código Cero

A Universidade da Coruña edita unha guía para a intervención lingüística

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade da Coruña comezou a difundir, tanto en formato dixital como en papel, Unha outra guía para a intervención lingüística, unha publicación que recolle diversas propostas sobre o traballo e o discurso de cara á normalización da lingua galega.

Fonte: CTNL

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia un caso de 'discriminación lingüística' nun hospital de Vigo

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia un caso de 'discriminación e vulneración de dereitos lingüísticos' ocorrido no Hospital de Fátima de Vigo, que é privado pero ten un concerto co Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Fonte: Atlántico Diario

O BNG insta o Goberno de Vigo a cumprir a lei tras publicar en prensa un anuncio institucional só en castelán

A concelleira do BNG de Vigo, Iolanda Veloso, denunciou publicamente o incumprimento da ordenanza municipal sobre normalización lingüística por parte do Goberno local tras a publicación dun anuncio institucional nun xornal local "só en castelán".

Fonte: Galicia Hoxe

O Servizo de Normalización Lingüística de Redondela organiza un acto de presentación do proxecto Vitaminas para o galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organizou un acto de presentación o pasado 20 de xaneiro do proxecto Vitaminas para o galego. Trátase dunha campaña de sensibilización levada adiante por distintos medios e redes sociais que teñen en común a utilización do galego como lingua de comunicación.

Fonte: SNL de Redondela

O reitor da Universidade da Coruña aposta por un fomento do uso do galego no seo universitario

O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, inaugurou o mural que o artista Leandro Lamas creou para a Facultade de Económicas, unha iniciativa que fusiona a tradición produtiva de Galicia coa lingua galega. Neste acto reivindicou o incremento do uso do galego na docencia, na investigación e na xestión “seguindo as pautas do establecido no Plan de normalización lingüística que aprobou o Consello de Goberno en 2006”.

Fonte: El Ideal Gallego

Ultímase o lanzamento de Dioivo, un novo proxecto xornalístico en galego

Un medio de comunicación, dixital e en galego. Esta é a proposta de Dioivo, a cabeceira que un conxunto de xornalistas "parados de diferentes grupos de comunicación" está a ultimar e que verá a luz en breve.

Fonte: Culturagalega.org

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder