Galicia
Unha recomendación reclama o uso do galego nos autobuses coruñeses
Unha das recomendacións recollidas no informe anual do Valedor do Pobo está relacionada co uso do idioma, concretamente do topónimo da cidade, por parte da Compañía de Tranvías. O Valedor do Pobo expón que, tanto no propio nome corporativo da empresa, como na práctica totalidade das informacións subministradas tanto a bordo dos autobuses como nas paradas, se emprega o nome castelán da cidade e non o oficial en galego.
Fonte: La Opinión
O paciente que acumulaba 237 días de atraso para unha operación poderá asinar o consentimento en galego
A Mesa pola Normalización Lingüística informou de que o paciente que denunciou o 13 de marzo que levaba 237 días na lista de espera para unha intervención cirúrxica no Servizo Galego de Saúde (Sergas) "só por solicitar a documentación necesaria en galego", acaba de obter o dereito de asinar o consentimento informado nesta lingua.
Fonte: Galicia Hoxe
O CEIP Alfonso Daniel R. Castelao de Rianxo e o IES Xoán Montes de Lugo gañan o Concurso-Exposición Letras Galegas 2012
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achegará a figura de Valentín Paz-Andrade, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, aos centros de ensino, aos centros de estudos galegos, aos centros da emigración, ás bibliotecas municipais e ás casas da cultura de máis de 1600 puntos de Galicia e do exterior.
Fonte: Xunta de Galicia
O libro electrónico en galego medra por riba da media estatal

O pasado ano publicáronse en Galicia 470 libros electrónicos, un 13,4 % do total da produción editorial galega. Os datos proceden do informe Situación actual y perspectivas del libro digital en España II, no que ademais se salienta o destacado incremento de obras electrónicas editadas en lingua galega durante 2011, un total de 323 lanzamentos neste formato fronte aos 102 rexistrados en 2010, o que supón un incremento do 216,7 % fronte ao crecemento medio dun 44 % no conxunto das linguas estatais.
Fonte: Culturagalega.org
A Escola Galega de Administración Pública convoca cursos de linguaxe xurídica galega para persoal de xustiza
A Escola Galega de Administración Pública convoca cursos de linguaxe xurídica galega destinados ao persoal ao servizo da Administración de Xustiza e mais aos colectivos relacionados co ámbito xurídico.
Fonte: CTNL
A Consellería de Cultura e Educación homenaxea a Álvaro Cunqueiro no vixésimo volume dos Cadernos Ramón Piñeiro
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de homenaxear a figura de Álvaro Cunqueiro, co gallo do centenario do seu nacemento, na edición número 20 dos Cadernos Ramón Piñeiro, volume que foi presentado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, na Biblioteca Pública Ánxel Casal (Santiago de Compostela).
Fonte: Xunta de Galicia
Xa está en liña o dicionario da Real Academia Galega
Con máis de 50 000 entradas, o novo Dicionario da Real Academia Galega pódese consultar en liña e, entre outras utilidades, conta coa posibilidade de escoitar a realización sonora das palabras.
Fonte: CTNL
Samsung anunciou a incorporación do galego aos seus dispositivos móbiles
A división estatal da multinacional surcoreana Samsung anunciou a través de Twitter que traballa para incorporar o galego, o vasco e o catalán a todos os dispositivos móbiles con sistema operativo Android que esta compañía comercializa.
Fonte: MundoGaliza
Cultura salienta como esencial para a dinamización da lingua na xente nova a creación de espazos en galego no tempo libre
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pon en marcha o curso ‘O galego campa: ferramentas e propostas para a dinamización da lingua galega na mocidade’, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
Fonte: Xunta de Galicia
A Consellería de Cultura e Educación participa en Ferrol nunha das actividades do programa de dinamización lingüística FalaRedes
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou no espectáculo ‘O señor das dunas’, unha das tres actividades que conforman o novo programa de dinamización lingüística promovido pola Consellería de Cultura e Educación e destinado ás entidades locais da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.
Fonte: Xunta de Galicia
Boletín
Subscríbase ao boletín