Mundo
O xefe da delegación ucraína no Grupo de Contacto Trilateral acepta un uso máis amplo do ruso no territorio de Dombás
O xefe da delegación ucraína no Grupo de Contacto Trilateral para a solución da situación no Dombás, Leonid Kravchuk, admite un uso máis amplo do ruso neste territorio, aínda que non o considera como segunda lingua oficial.
Fonte: Ukrinform
O plan de Quebec para o fomento da lingua francesa está a sufrir atrasos
O plan para impulsar, mellorar e protexer a lingua francesa en Quebec, que vai poñer en marcha o Goberno quebequés, aínda non ten data de presentación, malia que, segundo un estudo, o inglés segue a gañar terreo no ámbito laboral.
Fonte: Radio-Canada
Ponse en marcha un proxecto para documentar a lingua árabe

O macroproxecto Historical Corpus of the Arabic Language, encabezado pola Academia de Lingua Árabe de Sharjah, terá como resultado unha plataforma dixital á que poderán acceder investigadores e lingüistas de todo o mundo. O obxectivo deste traballo, cuxa duración se estima en seis anos, é documentar a historia e a evolución de todas as palabras deste idioma.
Fonte: PublishNews
O teclado de Google incorpora unha nova función pola que traduce o texto mentres o ditas
O teclado de Google estrea unha nova función pola que traduce en tempo real o ditado de voz, xa que, ata o de agora, a ferramenta de tradución de Gboard só funcionaba ao inserir o texto de forma manual.
Fonte: CNET
Twitter proba unha nova función para traducir de forma automática os chíos en linguas estranxeiras
A fase de proba desta nova función de Twitter estase a realizar no Brasil. Trátase da tradución automática de chíos noutras linguas sen necesidade dunha interacción, xa que actualmente é necesario que a persoa interesada prema na opción correspondente para que se faga a tradución.
Fonte: Tudo Celular
Crean un museo para conservar a lingua indíxena mexicana ku’ahl, da que só quedan dous falantes
Oficialmente a lingua ku’ahl considérase morta, porén aínda existen dúas persoas que a falan. Por este motivo, para que non quede no esquecemento, creouse Museo Ku’ahl, situado nun pequeno edificio en Misión de Santa Catarina, Baixa California, en cuxas paredes se pegaron algúns pregos de papel con palabras nesta lingua e a súa tradución ao español.
Fonte: México Desconocido
Publícanse no Perú programas informativos sobre a COVID-19 en nove linguas indíxenas
O Goberno peruano, en colaboración co Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento, elaborou unha serie de materiais en nove linguas amazónicas, cuxos falantes representan o 70 % da poboación indíxena na Amazonia, sobre medidas de prevención e coidado fronte á COVID-19: achuar, kichwa pastaza, awajún, ashaninka, kakataibo, yanesha, kichwa lamas, shawi e shipibo-konibo.
Fonte: Sputnik
O Goberno de Portugal reforzará os cursos de portugués para estranxeiros
Ante a elevada taxa de abandono dos cursos de portugués para estranxeiros, o Goberno organizará novos cursos de Portugués Lingua de Acollemento (PLA), para o cal vai reforzar o financiamento deste tipo de formación que ten como obxectivo promover unha maior integración social e laboral das persoas migrantes.
Fonte: Notícias ao Minuto
A rede social Twitter axudará a difundir as linguas indíxenas mexicanas

Co gallo do Día Internacional dos Pobos Indíxenas, Twitter vai difundir o valor cultural e a riqueza destas comunidades a través de diferentes iniciativas. Unha delas será unha clase en liña de idioma maia.
Fonte: El Imparcial
Publícanse os resultados da convocatoria Intraducibles, que reúne palabras que mostran a diversidade de cosmovisións dos pobos indíxenas mexicanos
No marco da campaña “Contigo en la distancia”, no mes de xuño convocouse a iniciativa Intraducibles, co obxectivo de reunir palabras que amosen a riqueza e a diversidade de cosmovisións dos pobos indíxenas mexicanos.
Fonte: Código San Luis
Boletín
Subscríbase ao boletín