Mundo

O portugués é a terceira lingua máis falada no cantón suízo de Valais

Un informe revela que o portugués é a terceira lingua máis falada no cantón suízo de Valais, despois do francés e o alemán e por diante do italiano e o inglés.

Fonte: Le Nouvelliste

Fúndase a Academia de Letras e Artes de Guinea-Bissau co obxectivo de promover a lingua portuguesa

A Academia de Letras e Artes de Guinea-Bissau (ALAB, polas súas siglas en portugués) foi fundada recentemente na cidade de Bissau co obxectivo de incentivar o uso da literatura e a arte e promover a lingua portuguesa.

Fonte: Mundo Lusíada

 

 

O Instituto Camões aproba unha liña de apoio para a tradución de obras en portugués

O Instituto Camões acaba de aprobar unha liña de apoio para promover e divulgar a tradución e edición de obras escritas en portugués por autores dos países africanos de lingua oficial portuguesa e do Timor Leste.

Fonte: Diário de Notícias

 

Unha publicación universitaria analiza o papel da muller no desenvolvemento da lingua portuguesa en Sāo Paulo

Un libro publicado pola Universidade Estatal de Campinas (Unicamp, polas súas siglas en portugués) analiza o papel que desempeñaron as mulleres no desenvolvemento da lingua portuguesa e a implantación das súas formas lingüísticas na cidade de São Paulo do século XIX.

Fonte: Carta Campinas

Un estudo universitario revela que o gaélico escocés podería desaparecer nunha década

Un estudo realizado pola Universidade das Terras Altas e Illas de Escocia revelou que se non se toman medidas inmediatas a perda continuada de falantes do gaélico escocés podería pór esta lingua ao bordo da extinción na próxima década.

Fonte: The Guardian

O Tribunal Arbitral do Deporte converte o español na terceira lingua oficial da organización

O órgano de goberno do Tribunal Arbitral do Deporte (TAS, polas súas siglas en inglés) decidiu adoptar o español como terceira lingua oficial da organización. As outras linguas oficiais son o francés e o inglés.

Fonte: La Vanguardia

Lanzan un proxecto para normalizar o uso do gaélico escocés na Universidade das Terras Altas e Illas de Escocia

A Asociación de Estudantado das Terras Altas e Illas de Escocia (HISA, polas súas siglas en inglés) lanzou un proxecto que promoverá o intercambio en gaélico escocés entre o estudantado e outros membros da comunidade educativa da Universidade das Terras Altas e Illas de Escocia.

Fonte: The Inverness Courier

Unha luva e unha aplicación móbil permitirán converter lingua de signos en discurso oral

Un grupo de científicos da Universidade de California nos Ánxeles creou un dispositivo que permitirá traducir lingua de signos a discurso oral por medio dunha luva e unha aplicación móbil.

Fonte: Observador

O Goberno dos Países Baixos endurecerá os requisitos lingüísticos para as persoas demandantes de asilo

O Ministerio de Asuntos Sociais e Emprego dos Países Baixos presentou unha proposta de política de integración que endurecerá os requisitos de coñecemento de neerlandés para as persoas que demanden asilo no país.

Fonte: NL Times 

Un proxecto conmemora os cen anos de radio en lingua portuguesa

O Instituto Portugués Alén Fronteiras e a Fundación Luso-Americana para o Desenvolvemento elaboraron un proxecto de recollida de información sobre o nacemento da radio en portugués en California hai exactamente cen anos.

Fonte: Notícias ao Minuto

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder