Mundo

O Concello de Cardiff quere nomear máis rúas en galés para reflectir a historia da cidade

O Concello de Cardiff, capital do País de Gales, anunciou un plan para adoptar máis nomes en galés para as súas vías e rúas coa intención de que estes poidan reflectir a historia dos barrios ou zonas. Así mesmo, as vías que non contaban até agora con nome en galés terán tamén a súa correspondencia nesta lingua.

Fonte: BBC

Os EUA solicitan a entrada na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa

O Departamento de Estado dos Estados Unidos de América (EUA) anunciou a súa intención de adherirse á Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) como país asociado. Con esta medida, os EUA queren aproximarse á diáspora lusófona que vive no seu territorio para que estableza vínculos máis fortes cos seus lugares de orixe.

Fonte: ISTO É

Europa celebra o Día Europeo das Linguas

Como cada 26 de setembro desde 2001 celébrase o Día Europeo das Linguas, unha iniciativa impulsada polo Consello de Europa co obxectivo de dar a coñecer a diversidade lingüística do continente e impulsar entre a poboación a aprendizaxe de linguas.

Fonte: Consello de Europa

O presidente da República de Suráfrica defende a preservación das linguas indíxenas surafricanas

O presidente da República de Suráfrica apoiou con motivo do Día do Patrimonio Nacional a promoción e preservación das linguas indíxenas e afirmou que todos os idiomas falados no país teñen o mesmo valor.

Fonte: The South African

A coalición que goberna Letonia apoia a introdución plena do letón como idioma principal en todas as etapas educativas

A totalidade de grupos que integran a coalición de goberno de Letonia apoia a aplicación da lei que establece que a lingua estatal, o letón, debe ser o idioma principal de instrución en todas as etapas educativas.

Fonte: Baltic News Network

Un neno de 13 anos loita para que a lingua de signos británica poida integrarse oficialmente no currículo do ensino secundario

Un neno británico de 13 anos, Daniel Jillings, uniuse a unha campaña que demanda que a lingua de signos británica se integre plenamente no currículo de secundaria do Reino Unido.

Fonte: ITV News

O Instituto Estoniano celebra a Semana da Lingua Estoniana

A institución organizadora da Semana da Lingua Estoniana, o Instituto Estoniano, anima a todas as persoas independentemente da súa procedencia a acadar a cifra dos 3 millóns de estudantes deste idioma báltico.

Fonte: Estonian World

O Brasil estrea unha serie bilingüe en portugués e lingua de signos

A canle de televisión TV Cultura estreará con motivo do Día Nacional das Persoas Xordas a serie Crisálida, a primeira produción bilingüe en portugués e en lingua de signos.

Fonte: Estadão

Portugal quere que os países observadores da CPLP introduzan nas escolas o ensino opcional do portugués

O presidente do Instituto Camões, Luís Faro Ramos, defendeu, con motivo da presentación da rede de ensino do portugués no estranxeiro, a necesidade de que os países observadores da CPLP adopten o portugués como lingua opcional nas escolas.

Fonte: País ao Minuto

Medra o interese polo ruso en Siria

A proximidade nas relacións entre Siria e a Federación Rusa leva a que cada vez máis cidadáns sirios aprendan a lingua rusa tanto en universidades como en centros privados.

Fonte: Al-Monitor

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder