Mundo

As Nacións Unidas aproban unha resolución de cooperación coa CPLP

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou unha resolución de cooperación coa Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP). No documento, que foi asinado ademais por países como España, Francia e Venezuela, recoñécese a relevancia da lingua portuguesa nas relacións internacionais.

Fonte: Nações Unidas

Aumenta a porcentaxe de alumnado de primaria que estuda en gaélico irlandés na República de Irlanda

Un informe publicado polo Departamento de Educación da República de Irlanda revela que nos últimos 19 anos aumentou considerablemente a porcentaxe de alumnado que cursa o ensino primario en gaélico irlandés. No ano 2000, a porcentaxe era do 6,4 % e neste último ano esta ascendeu ao 8,1 %.

Fonte: The Irish Times

A Asemblea Lexislativa de Río Grande do Sur debate a inclusión doutras linguas diferentes ao portugués no currículo escolar

A Audiencia Lexislativa do estado brasileiro de Río Grande do Sur está considerando a inclusión doutras linguas maternas diferentes ao portugués nos currículos escolares. Unha das linguas con maior número de falantes é o alemán e hai localidades como Santa Cruz do Sul que defende a introdución do alemán no ensino.

Fonte: GAZ

O alemán é a lingua predominante nos fogares de persoas migrantes de Alemaña

A Oficina Estatística da República Federal de Alemaña revelou nun informe que o alemán foi no ano 2018 a lingua de comunicación predominante na maior parte dos fogares onde polo menos un membro familiar ten procedencia estranxeira. 

Fonte: Deutsche Welle

O Goberno do Reino Unido simplifica os requisitos lingüísticos para traballar no ámbito da saúde

A partir de agora os profesionais da enfermaría e doutras disciplinas da atención médica deberán realizar só un exame de lingua inglesa, e non dous como anteriormente, para poder traballar no Reino Unido.

Fonte: Nursing in Practice

A lingua portuguesa perde forza na fronteira de Angola coa República Democrática do Congo

En zonas angolanas fronteirizas coa República Democrática do Congo, o portugués está en risco de perder o seu estatuto de lingua de comunicación en beneficio doutros idiomas como o francés ou o lingala. A situación é especialmente grave no municipio angolano de Marimba.

Fonte: VOA

A UNESCO defende e promove a diversidade lingüística na educación

Con motivo do Día Internacional da Alfabetización, a directora xeral da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO), Audrey Azoulay, defendeu a necesidade de promover a diversidade lingüística no ensino e nos procesos de alfabetización para a construción de sociedades máis inclusivas.

Fonte: Naçōes Unidas Brasil

A nova liña de tranvía entre Baiona e Biarritz inclúe o nome das estacións nas linguas locais

Grazas á colaboración da Academia da Lingua Vasca (Euskaltzaindia) e o Congreso Permanente da Lingua Occitana, a nova liña 1 entre as cidades vascofrancesas de Baiona e Biarritz inclúe na denominación das paradas toponimia en vasco e gascón ademais de en francés.

Fonte: Bayonne

Presentan un proxecto de lei nos Países Baixos para oficializar a lingua de signos

Tres partidos do Parlamento dos Países Baixos presentaron un proxecto de lei que permitirá oficializar a lingua de signos holandesa. Ata agora as dúas únicas linguas oficiais do país son o neerlandés e o frisio.

Fonte: Conexão Política

A provincia de Ontario quere chegar a un acordo para a creación dunha universidade francófona

A provincia canadense de Ontario propuxo ao goberno de Ottawa que cada un achegue un 50 % do investimento para que o proxecto de construción dunha universidade francófona se faga realidade.

Fonte: Airdrie Today

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder