Mundo
Presentan un libro de metodoloxía para a ensinanza das linguas mapuche e aimará
Os promotores deste traballo intelectual esperan xerar interese e preocupación tanto dos especialistas como dos propios falantes e educadores, co fin de encontrar os camiños axeitados que permitan contribuír ao mantemento e á vitalidade das linguas indíxenas.
Fonte: CONADI
Os europarlamentarios apoian o dereito á educación na lingua materna, a autonomía e o financiamento para as linguas menos usadas
Os europarlamentarios votaron a favor dunha resolución sobre os dereitos fundamentais. O informe da resolución, elaborado por Giusto Catania (GUE/NGL), establece novos estándares nun amplo abano de dereitos fundamentais e contén varias cláusulas a favor das linguas menos usadas e das minorías nacionais.
Fonte: Eurolang
Os estudosos do mirandés alertan de que esta lingua está ameazada pola globalización
Nos dez anos do mirandés como segunda lingua oficial de Portugal, os estudosos desta lingua alertan de que, malia non estar en perigo, o mirandés está ameazado pola modernización, polo que é importante crear mecanismos para a súa manutención.
Fonte: Jornal de Notícias
Un informe recoméndalle ao Goberno escocés que impulse máis a lingua escocesa
Un informe elaborado polo investigador Rhys Evans para o Goberno escocés conclúe que existe un gran "potencial de crecemento" para a lingua propia das terras baixas de Escocia, o escocés, e que o executivo debe tomar medidas para incrementar o uso do idioma.
Fonte: Món divers
Correos de Francia pide que non se usen nomes bretóns de rúas na Bretaña
Un director rexional de La Poste afirma que os apóstrofos da lingua bretoa equivocan os lectores ópticos que usa a empresa, mentres que as institucións bretoas lle piden respecto polo idioma céltico e lle lembran que os ordenadores "se adaptan a todas as linguas".
Fonte: Nationalia
Impúlsase un programa para rescatar a lingua zapoteca
Co propósito de preservar e fortalecer a lingua zapoteca, na rexión da Sierra Juárez lévase a cabo un programa de rescate e difusión co apoio de profesores bilingües e no cal se involucra a persoas de diferentes xeracións, informou o deputado local pola zona, Adrián Méndez Cruz. Sinalou que nesa parte do estado de Oaxaca se falan catro variantes do zapoteco e o que se pretende é rescatar a forma orixinal desta lingua, que co paso do tempo se foi deformando.
Fonte: NSS Oaxaca
Wikipedia xa ten a súa versión en lingua guaraní
A enciclopedia en internet máis consultada do mundo, Wikipedia, xa posúe a versión en idioma guaraní na súa extensa lista de 264 idiomas dispoñibles, revelou o pasado xoves 29 de xaneiro a axencia informativa IPP do Goberno paraguaio.
Fonte: Terra
O ministro de Cultura portugués quere que o Acordo Ortográfico se aplique como moi tarde o 1 de xaneiro de 2010
O ministro de Cultura portugués, que cumpre un ano de mandato, quere que o Acordo Ortográfico sexa aplicado "o máis tardar o 1 de xaneiro de 2010 a nivel oficial e en todos os medios de comunicación". Nunha entrevista á axencia Lusa, Pinto Ribeiro reafirmou a importancia do Acordo Ortográfico para a estratexia que o seu ministerio pretende desenvolver.
Fonte: RTP
Impulsan unha campaña para conseguir o dominio .ker para a comunidade córnica
Estase impulsando unha campaña para conseguir un dominio de alto nivel para a comunidade lingüística e cultural córnica, nun intento por emular os éxitos obtidos noutras campañas que se están levando a cabo na actualidade no Reino Unido.
Fonte: Eurolang
A lei podería obrigar as empresas a usar a lingua galesa
Os provedores de gas, electricidade e auga poderían estar obrigados por lei a ofrecer os seus servizos en galés de acordo cun proxecto de lei publicado polo Goberno da Asemblea de Gales o 2 de febreiro.
Fonte: The Independent
Boletín
Subscríbase ao boletín