Mundo

Un tribunal adía o prazo para un novo programa educativo bilingüe en Texas

Texas non terá que introducir de momento un novo plan didáctico para os estudantes de secundaria e bacharelato con poucos coñecementos de inglés, ou só o fará a finais de ano, se é que chega a ser un requirimento, segundo unha resolución dun tribunal federal de apelacións.

Fonte: The Dallas Morning News

Un proxecto internacional producirá materiais educativos apoiados en TIC para linguas indíxenas de América

O Grupo de Validación e Aplicacións Industriais da Facultade de Informática da Universidade Politécnica de Madrid, xunto co Instituto Politécnico Nacional (IPN) de México, puxeron en marcha o proxecto CONEDUC para a produción de contidos educativos apoiados en TIC para linguas indíxenas.

Fonte: Tendencias 21

Crean en México un dispositivo electrónico que converte os movementos manuais da lingua de signos en palabras escritas

Grazas a un guante electrónico construído por estudantes do Instituto Politécnico Nacional (IPN), agora as persoas xordas poderán comunicarse mellor coas que non o son. O dispositivo dixital, denominado tradutor dactilolóxico, transforma os movementos de man usados na lingua de signos (icónica) en palabras ou frases escritas que se despregan nunha diminuta pantalla de cristal líquido.

Fonte: El Universal

Iníciase un movemento para conservar a lingua maidu

Ferrell Cunningham é unha das últimas persoas que fala con fluidez a lingua maidu e está a comezar un movemento para ensinar e conservar a lingua nativa da súa tribo.

Fonte: Indian Country Today

O Ministerio de Sanidade, Benestar e Familia de Corea busca inmigrantes bilingües

O Goberno de Corea está buscando 60 inmigrantes para que traballen como intérpretes. O Ministerio de Sanidade, Benestar e Familia indicou que está contratando inmigrantes para proporcionar servizos de interpretación e tradución aos novos inmigrantes.

Fonte: Joongang Daily

Camerún conmemora a Semana Nacional do Bilingüismo

Camerún conmemora a Semana Nacional do Bilingüismo en todo o país baixo o lema "cidadáns realmente bilingües para un Camerún bilingüe". Durante o lanzamento, o ministro de Educación Secundaria, Louis Bapes Bapes, indicou que o lema para a conmemoración deste ano debería servir como recordatorio para as persoas encargadas de promover o bilingüismo de que deben desempeñar un papel importante.

Fonte: CRTV

Birmingham defende as escolas plurilingües

Os profesores de Birmingham defenderon as escolas primarias multiculturais da cidade, malia que unha comisión parlamentaria advertira da "carga" de recursos que supón. Birmingham sitúase á cabeza do país en número de escolas primarias plurilingües, pois conta con 60 escolas nas que o 70 % dos alumnos non ten o inglés como lingua materna.

Fonte: Birmingham Mail

No estado mexicano de Hidalgo organizan talleres de lectura e escritura para preservar as linguas indíxenas

Coa finalidade de valorar e preservar as súas linguas orixinais, todos os alumnos de primaria indíxena son atendidos por 2522 profesores capacitados no manexo dos alfabetos en náhuatl, hñähñü e tepehua.

Fonte: El Sol de Hidalgo

Bloomberg recorta as canles en linguas estranxeiras

O cambio de estratexia implicará a eliminación das canles en linguas estranxeiras e unha orientación cara ás emisións en inglés fóra de Nova York e Londres, segundo informaron a Telegraph.co.uk fontes de Bloomberg.

Fonte: Telegraph

Suecia promete facer máis polas linguas minoritarias nacionais

O Goberno sueco prometeu facer máis para conservar e promover as linguas minoritarias do país. Desde o ano 2000, o finés, todos os dialectos sami, o finés do Torne Valley (meänkieli), o romaní e o yiddish gozan dun status especial como linguas minoritarias nacionais de Suecia.

Fonte: Eurolang

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder