Mundo

Lisboa e Caracas van formar conxuntamente profesores de portugués

Portugal e Venezuela van formar conxuntamente profesores de lingua portuguesa, no ámbito da cooperación bilateral e con vista á inclusión do portugués no currículo oficial.

Fonte: Diário de Notícias

As escolas do norte de Gales ensinan galés coma se fose unha lingua estranxeira

O soño de que Gales sexa bilingüe está condenado ao fracaso, a non ser que as escolas melloren drasticamente a maneira de ensinar galés. Esta foi a advertencia enviada á ministra de Educación, Jane Hutt, despois de que se revelara que unha enorme cantidade de mozos que remata o ensino obrigatorio apenas é capaz de falar a lingua, tras dez anos de estudo.

Fonte: Daily Post

A Organización da Francofonía anuncia a 17.ª convocatoria de proxectos do Fondo Francófono das Infopistas

A Organización Internacional da Francofonía (OIF) acaba de abrir, a través do Fondo Francófono das Infopistas, a 17.ª convocatoria de proxectos para favorecer o uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC). O obxectivo deste proxecto é a creación de contidos e aplicacións dixitais principalmente en francés, aínda que tamén noutras linguas.

Fonte: Linguamón

Unha parlamentaria peruana pide retomar un proxecto sobre preservación e uso de linguas aborixes en Perú

A parlamentaria María Sumire lamentou que, ata o momento, o Congreso da República non promulgue a lei para a preservación, uso e difusión de linguas aborixes que volveu á Comisión de Pobos Andinos, Amazónicos e Afroperuanos, logo da discusión que se deu o ano pasado no pleno do Lexislativo.

Fonte: CNR

O embaixador estadounidense promete apoio para a aprendizaxe da lingua inglesa en Angola

O embaixador de Estados Unidos en Angola, Dan Mozena, afirmou en Luanda que a súa representación diplomática conta cun programa activo para apoiar o ensino da lingua inglesa neste país. Este programa inclúe a doazón de material educativo e a oferta de bolsas.

Fonte: Agência AngolaPress

Os funcionarios públicos de Bolivia deberán saber español e unha lingua indíxena do país

A nova Constitución Política do Estado (CPE) de Bolivia nace coa instrución de que todas as entidades do sector público deben habilitar na súa plataforma de atención á poboación servidores públicos que falen un idioma indíxena e o castelán.

Fonte: La Prensa

Crean un centro para preservar as linguas indíxenas en Cidade de México

Existen 167 mil 435 indíxenas que falan algunha lingua no Distrito Federal de México, que desde o pasado 7 de febreiro contan cun Centro de Información e Vinculación para os Pobos Orixinarios. O obxectivo deste espazo é preservar os usos, costumes e linguas indíxenas presentes na delegación: náhuatl, zapoteco, mixteco, mazahua e otomí.

Fonte: El Universal

O catalán, o vasco e o galego poderán usarse no Tribunal de Xustiza da UE

O catalán, o vasco e o galego poderán usarse no Tribunal de Xustiza da Unión Europa (UE) nas próximas semanas, segundo avanzou o secretario de Estado para a UE, Diego López Garrido.

Fonte: Europa Press

Bòrd na Gàidhlig lanza unha nova páxina web chamada mygaelic.com

A organización para o desenvolvemento do gaélico Bòrd na Gàidhlig lanzou unha nova páxina web informativa, mygaelic.com, que ten como obxectivo ser o lugar de visita para todas as persoas que queren aprender máis sobre o gaélico (a lingua e a cultura gaélicas, o turismo, actos relacionados co gaélico e como e onde se poden iniciar nesta lingua).

Fonte: Bòrd na Gàidhlig

Presentan a primeira edición da nova Constitución de Bolivia en idioma quechua

A primeira edición en idioma quechua da nova Constitución Política do Estado de Bolivia foi divulgada no multitudinario acto no que o presidente Evo Morales promulgou a carta política na cidade andina de El Alto.

Fonte: Agencia Boliviana de Información

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder