Mundo
O Brasil e Portugal comprométense a que o portugués se converta en lingua de traballo na ONU
O presidente do Brasil e o primeiro ministro de Portugal asinaron un acordo para que o Instituto Guimarães Rosa e o Instituto Camões asuman o compromiso de converter o portugués en lingua de traballo da ONU.
Fonte: Público
A Constitución da República de Cabo Verde será traducida ao crioulo caboverdiano
A Presidencia da República de Cabo Verde anunciou a tradución da Constitución da República á lingua caboverdiana, na variante de Santiago. O proxecto, presentado polo lingüista e escritor Manuel Veiga, conta co patrocinio do presidente José Maria Neves e será lanzado o 6 de marzo, no marco das celebracións do 50º aniversario da independencia nacional.
Fonte: Expresso das Ilhas
Dubai impón a obrigatoriedade do ensino temperán do árabe en todas as escolas privadas
As autoridades educativas de Dubai decretarán o ensino obrigatorio da lingua árabe desde as primeiras etapas educativas. Con esta medida, preténdese fortalecer o dominio da lingua árabe entre o alumnado e reforzar a identidade cultural da rexión.
Fonte: Msn
Timor Leste debe protexer as súas linguas maternas
A directora do Instituto Nacional de Lingüística da Universidade Nacional Timor-Lorosae, Rosa Tilman, destacou a importancia de preservar as linguas maternas do país, xa que representan a identidade e cultura dos timorenses e están en risco de desaparecer.
Fonte: Plataforma Media
O mundo conmemora o Día Internacional da Lingua Materna

Como cada 21 de febreiro, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) conmemora en todo o mundo o Día Internacional da Lingua Materna co fin de lembrar a responsabilidade de todas as persoas e Estados na promoción e protección do plurilingüismo e da diversidade lingüística e cultural.
Fonte: UNESCO
Adélia Prado recibe o Premio Camões 2024
A poeta e novelista brasileira Adélia Prado foi distinguida co Premio Camões 2024. Aos 89 anos, a autora, cuxa traxectoria literaria enriqueceu profundamente a lingua portuguesa e a cultura lusófona, recibiu o galardón a través do seu fillo, xa que non puido asistir á cerimonia por motivos de saúde.
Fonte: RTP
Un estudo revela máis datos sobre as orixes da linguaxe falada
Un estudo da Universidade Rockefeller (EUA), revelou que a variante dunha proteína, presente só en humanos, podería ter desempeñado un papel clave no desenvolvemento da linguaxe falada. Ao introducir esta variante en ratos, observouse unha alteración nas súas vocalizacións o que suxire unha conexión coa evolución da capacidade de fala nos humanos modernos.
Fonte: Phys.org
Un ministro norteirlandés introduce un proxecto de lei en lingua de signos na Asemblea de Irlanda do Norte
O ministro de Comunidades de Irlanda do Norte, Gordon Lyons, utilizou a lingua de signos na Asemblea de Stormont para presentar a segunda fase do proxecto de Lei da Lingua de Signos. A proposta recoñece e promove tanto a lingua de signos británica como a lingua de signos irlandesa.
Fonte: BBC
O filme "Emilia Pérez" triunfa nos BAFTA como mellor película en lingua non inglesa

A película Emilia Pérez, dirixida por Jacques Audiard, gañou o premio á mellor película en lingua non inglesa na edición dos BAFTA 2025, da Academia Británica de Cinematografía.
Fonte: Swissinfo
Unha nova plataforma dixital promove a música en galés

Coincidindo co Día da Música Galesa, lanzouse Awni, unha plataforma en liña que recompila todos os concertos e festivais de música en galés en Gales. O proxecto recibiu financiamento do programa ARFOR que busca apoiar a economía nas comunidades de fala galesa.
Boletín
Subscríbase ao boletín