Mundo
ArteTV, a canle europea de cultura, estrea o seu sitio en romanés
A canle cultural franco-alemá ARTE estrea a súa versión en romanés, dispoñible para o público de Romanía e da República de Moldavia. A plataforma ofrece unha ampla variedade de contidos, documentais, series, concertos e filmes, con subtítulos ou dobraxe en romanés. Até o de agora, ARTE xa ofrecía programación en francés, alemán, inglés, español, italiano e polaco, e con esta nova incorporación, a súa oferta lingüística abrangue idiomas comprendidos polo 75 % da cidadanía europea.
Fonte: Romania Insider
O Tribunal Supremo anula varios artigos do decreto vasco sobre o uso do éuscaro nas entidades locais
O Tribunal Supremo ratifica a nulidade de varios artigos do decreto do Goberno Vasco que regulaban o uso do éuscaro nas administracións locais. A sentenza sinala que se vulneraron principios de igualdade, mérito e capacidade no acceso ao emprego público ao dar prioridade ao coñecemento do éuscaro por riba doutros criterios.
Fonte: Diario La Ley
A lingua valoa está ao bordo da extinción
Os prexuízos lingüísticos arraigados desde antes da independencia de Francia e a ausencia de apoio institucional están empurrando o valón, lingua vernácula da rexión de Valonia, en Bélxica, cara á extinción. Na actualidade, descoñécese mesmo o número exacto de falantes nativos desta lingua romance.
Fonte: The Brussels Times
O ADN antigo apunta a Siberia como orixe das familias urálicas
Un estudo publicado en Nature, baseado en ADN antigo, conclúe que os ancestros dos falantes urálicos actuais vivían hai uns 4 .500 anos en Yakutia (Siberia). Este grupo expandiuse cara o oeste, dando lugar ás linguas urálicas actuais, como o húngaro, o finés e o estoniano.
Fonte: The Harvard Gazette
A UE adía de novo a oficialización do galego, éuscaro e catalán

Como en ocasións anteriores, a Unión Europea adiou de novo a decisión sobre o recoñecemento oficial do galego, catalán e éuscaro. A falta de acordo unánime entre os 27 Estados membros impediu unha vez máis avanzar na proposta presentada polo Goberno español. O Consello de Asuntos Xerais evitou novamente a votación, que semellaba condenada ao fracaso e deixaría fóra da oficialidade comunitaria estas tres linguas.
Fonte: Praza Pública
O IILP aproba 75 accións para 2026 nunha aposta pola modernización e alfabetización dixital
O consello científico do Instituto Internacional da Lingua Portuguesa (IILP) validou o plan de actividades para o ano 2026, que inclúe 75 proxectos centrais. Entre as iniciativas destacadas están a creación dun Observatorio de Neoloxismos, un mapa dixital da lingua, e a edición de 10 000 libros dirixidos a difusión en escolas da CPLP para promover a inclusión cultural.
Fonte: SapoMag
O presidente de Mozambique chama á unidade dos países de lingua oficial portuguesa
Daniel Chapo inaugurou en Maputo a 14ª sesión da Asemblea Parlamentaria da CPLP facendo un chamamento á unidade entre os países de fala portuguesa. Durante o seu mandato á fronte da organización, que durará dous anos, comprometeuse a priorizar o fortalecemento democrático, o reforzo da mobilidade e o compromiso pola educación e a diversidade cultural entre os diferentes estados que integran a lusofonía.
Fonte: Xinhua
O afrikaans fai un século como lingua oficial en Suráfrica
O afrikaans fai cen anos como lingua oficial en Suráfrica, onde substituíu o neerlandés en 1925. Un século despois, mantén a súa pegada cultural mentres afronta retos políticos e loita pola supervivencia.
Fonte: Diari de la Llengua
Eurostat publica novos datos sobre a aprendizaxe de linguas estranxeiras na Unión Europea

Segundo datos ofrecidos por Eurostat, en 2023, o 60 % do alumnado de educación xeral secundaria superior na UE estudou dúas ou máis linguas estranxeiras, cun lixeiro descenso respecto a 2022. No ensino profesional a proporción foi menor (34,8 %) pero aumentou. Francia, Romanía e Chequia lideran os datos, mentres que Portugal, Irlanda e España presentan as porcentaxes máis baixas.
Fonte: Eurostat
O primeiro ministro da India fortalece o rol do hindi como lingua nacional
O primeiro ministro da India, Narendra Modi, anunciou unha nova política institucional para potenciar o uso do hindi en todo o país e así poder unificar as diversas rexións indias. Porén, a proposta está a suscitar preocupación entre os falantes doutras linguas estatais, que temen que esta medida poida ter un impacto na diversidade lingüística e cultural.
Fonte: New York Times
Boletín
Subscríbase ao boletín