Mundo

A Dirección Xeral de Cooperación de Portugal lanza dous cursos de portugués para migrantes e lusodescendentes

A Universidade da Madeira (UMa) e a Dirección Rexional das Comunidades e Cooperación Externa (DRCCE) de Portugal lanzaron dous cursos en liña de lingua portuguesa destinados a lusodescendenes e migrantes para fortalecer os lazos culturais coa diáspora e apoiar a integración da comunidade estranxeira na Rexión Autónoma de Madeira.

 Fonte: JM de Madeira 

Unha nova plataforma de lectura axuda o alumnado a perfeccionar a súa pronunciación en lingua galesa

Unha nova plataforma chamada DarllenCo ofrécelle á cativada unha ferramenta para aprender a ler en galés e a pronunciar axeitadamente as palabras, mesmo cando as súas familias non dominan o idioma. Reúne xa máis de 52 000 persoas usuarias en Gales e no resto do mundo e conta co apoio dun fondo do Goberno galés para o desenvolvemento de tecnoloxías na lingua do país.

Fonte: Llywodraeth Cymru / Welsh Governement

O Río de Xaneiro é a primeira cidade lusófona en se converter en Capital Mundial do Libro

O Río de Xaneiro converteuse na Capital Mundial do Libro durante un ano, nunha cerimonia que se celebrou no Teatro Carlos Gomes. A UNESCO fixo pública a designación en 2023, polo que a cidade carioca pasa a ser a primeira de lingua portuguesa en recibir tal distinción.

Fonte: Vermelho

Alxeria desterra o francés e adopta o inglés como lingua universitaria

O Ministerio de Ensino Superior de Alxeria decretou que, a partir do curso 2025‑26, as carreiras científicas e médicas se impartan integramente en inglés, primeiro paso para converter este idioma na lingua vehicular de toda a universidade. A iniciativa rompe co predominio histórico do francés e busca impulsar a proxección internacional do sistema educativo.

Fonte: University World News

Stanford lanza unha iniciativa para subir á rede linguas menos representadas

A Universidade de Stanford presentou un programa multidisciplinar que apoiará comunidades de falantes minoritarios na dixitalización, creación de contidos e desenvolvemento de ferramentas de IA nos seus idiomas. O proxecto prevé elaborar corpus textuais, recursos educativos abertos e modelos de tradución automática, abrindo así novas posibilidades de presenza en liña para linguas con escasa pegada dixital.

Fonte: Standford University

O descoñecemento do inglés limita as oportunidades laborais da poboación brasileira que vive en Portugal

O descoñecemento do inglés entre a poboación brasileira residente en Portugal está a limitar o acceso a empregos máis cualificados e mellor remunerados, o que frea tamén a súa integración plena no mercado laboral portugués.

Fonte: Público

O Concello de L'Alguer abre unha nova convocatoria para obter o C1 de catalán

O Concello de L'Alguer abriu unha nova convocatoria para obter o certificado de nivel C1 de catalán, co obxectivo de fomentar o uso e coñecemento da lingua catalá na cidade sarda. Esta iniciativa forma parte dos esforzos locais por preservar e revitalizar o patrimonio lingüístico catalán presente na rexión.

Fonte: Diari de la Llengua

A ONU News lanza unha serie de entrevistas para celebrar o Día Mundial da Lingua Portuguesa

Con motivo do Día Mundial da Lingua Portuguesa, que se celebra o 5 de maio, o podcast da ONU News inicia unha serie de entrevistas con representantes de países lusófonos e estudantes do idioma.

Fonte: Bom dia

Activistas en prol do gaélico irlandés participan nun reto de natación por Palestina

Cincuenta activistas da lingua irlandesa participaron nun desafío de natación en varios puntos de toda Irlanda, para mostrar solidariedade co pobo palestino. A iniciativa, organizada por Conradh na Gaeilge, busca combinar o apoio á causa palestina coa promoción da lingua irlandesa.

Fonte: VIEWdigital

Yale incorpora novas linguas indíxenas ameazadas ao seu programa de estudo independente

A Universidade de Yale ampliou o seu programa de Estudo Independente Dirixido (DILS) para incluír linguas indíxenas en perigo de extinción, como o calmuco ou o maorí. Este programa permite ao alumnado estudar linguas non ofrecidas nos cursos regulares e moitas veces reconectar coas súas orixes familiares promovendo a preservación e revitalización das linguas minoritarias. Con todo, a pesar da importancia cultural e educativa desta iniciativa, a universidade non outorga créditos académicos por estes estudos, o que supón un paradoxo que xerou críticas entre parte do estudantado.

Fonte: Yale News

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder